Gonzalo Caballero: "Confrontarei sempre que sexa necesario co presidente da Xunta"

Gonzalo Caballero y Pedro Sánchez. / Mundiario
Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez. / Mundiario

De cara á súa entrada no Parlamento galego, aínda non puxo data concreta á expensas dos trámites que se produzan unha vez asuma a súa acta de edil en Vigo o deputado Abel Losada, que renunciará para que corra a lista e entre Caballero no Pazo do Hórreo.

Gonzalo Caballero: "Confrontarei sempre que sexa necesario co presidente da Xunta"

“Confrontarei sempre que sexa necesario co presidente da Xunta”, afirmou o secretario xeral do PSdeG - PSOE, Gonzalo Caballero, nunha entrevista na Radio Galega. “Estou a disposición do que o grupo parlamentario considere oportuno”, engadiu. Pero de cara á súa inminente entrada no Parlamento galego, Caballero aínda non puxo data concreta porque está á expensas dos trámites que se produzan unha vez asuma a súa acta de edil en Vigo o deputado Abel Losada, que renunciará como deputado para que corra a lista e entre Gonzalo Caballero no Pazo do Hórreo. Caballero lembrou que será presidente do grupo parlamentario e que será o grupo quen decida “a mellor estratexia en cada momento”. 

Gonzalo Caballero lanza mensaxe velada aos aspirantes no seu partido a presidir a Deputación Provincial de Lugo aos que insta a supeditar os “intereses individuais” aos “colectivos”. Na entrevista na Radio Galega, Caballero asegura que chegado o momento “buscaremos os mellores perfís en cada lugar para acertar no proxecto de futuro que queremos para Galicia e para cada unha das provincias”. Dito isto, Caballero quixo deixar claro que “o noso reto é un reto de proxecto que ten claro que os intereses individuais están por debaixo dos intereses colectivos”. Mesmo se puxo como exemplo ao asegurar que dende que é secretario xeral dos socialistas galegos, “ao longo destes 20 meses eu mantiven a miña praza e o meu traballo e o meu salario na Universidade de Vigo” e que “se o secretario xeral pon os intereses colectivos por riba de calquera interese de ter poder ou cargos institucionais creo que esa é a tarefa que temos que asumir tódolos militantes e tódolos cargos da organización”.

No que atinxe á Deputación Provincial de Ourense, o líder dos socialistas galegos considera que a perda da maioría absoluta por parte do PP abre “un novo tempo político en Ourense” e di apostar por “un pacto de rexeneración” que pasa por “retirar a Baltar”. Gonzalo Caballero non deixaría gobernar ao PP no caso de que Baltar non optase á presidencia e malia ser forza máis votada porque na opinión do socialista, “uns anos na oposición da Deputación de Ourense lle virían moi ben” ao PP para “recuperar un certo espírito de rexeneración política” . Cuestionado por se o PSdeG mantén conversas con outras formacións para explorar un eventual goberno encabezado polos socialistas, Caballero admitiu que “o partido está mantendo conversas co conxunto das distintas forzas políticas” e pon no tellado de Ciudadanos a pelota dese goberno. “Albert Rivera, que se presentou cunha marca política chamada Ciudadanos como un exemplo de limpeza, de renovación”, -dixo Caballero- “ten que decidir en Ourense se quere apostar por unha prórroga do nepotismo e caciquismo do pasado ou se quere apostar por abrir as fiestras, por abrir unha nova etapa”.

Ao igual que a Deputación de Ourense, Caballero puxo como exemplo a vitoria socialista en Vilalba, lugar “emblemático” -cualificou- para o PP para poñer de manifesto que nas municipais, tralas xerais, “os cidadáns lle volveron dicir non ao Partido Popular”. O secretario xeral do PSdeG opina que “os galegos e galegas empezan a estar fartos deste Partido Popular e de Feijóo” e mesmo asegura que “estamos en condicións de ser a primeira forza política” en Galicia nas autonómicas. @mundiario

Comentarios