Gonzalo Caballero abandeira un proxecto verde, feminista, galeguista e federalista para Galicia

Gonzalo Caballero no programa Dos Días da TVG. / Mundiario
Gonzalo Caballero no programa Dos Días da TVG. / Mundiario

"Un proxecto de esquerdas fronte ao PP", afirmou. No congreso do PPdeG coida que Feijóo "estivo rodeado do PP máis rancio, da caverna, o PP ao que non lle gustan os avances sociais".

Gonzalo Caballero abandeira un proxecto verde, feminista, galeguista e federalista para Galicia

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG - PSOE, foi entrevistado este luns no informativo Bos Días da Televisión de Galicia, nunha conversa na que analizou o debate dentro do propio partido socialista. Defendeu “un proxecto galeguista, feminista, verde e de esquerdas”, e deixou claro que “neste momento o partido está volcado ante a maior crise” social e económica. 

Canto aos cambios recentes no Goberno de Pedro Sánchez e á posibilidade de cambios tamén no horizonte próximo dos socialistas galegos, Caballero dixo: "A política está sempre suxeita a cambios. Eu sempre representei o cambio en positivo no PSdeG e seguireino facendo para avanzar nos retos do futuro pensando no interese dos galegos”.

Caballero síntese "moi apoiado pola militancia" do PSdeG

Gonzalo Caballero di que se sente "moi apoiado pola militancia". "Hai catro anos elixíronme sen o apoio dos baróns do partido. Sigo traballando na liña do que Galicia necesita."

Caballero tamén se referiu ao congreso que o PPdeG acaba de celebrar, coa reelección de Alberto Núñez Feijóo como presidente dos populares galegos. "Estivo rodeado do PP máis rancio, da caverna, o PP que quere eliminar a lei da eutanasia e ao que non lle gustan os avances sociais", comentou o líder do PSdeG.

"A min preocúpanme os mesmos problemas que aos galegos: retrasos nas citas médicas, listas de espera en atención primaria por primera vez en Galiclia, a saturación dos PAC...” asegurou tamén na entrevista.

Eu non necesito a política para vivir pero teño un compromiso con un partido que ten que ser un instrumento para servir a Galicia, di Caballero 

Caballero non quixo entrar demasiado nas cuestións internas do partido. "Eu estou cómodo no debate orgánico. Levo 25 anos no partido e móvome moi ben nese traballo, pero eu non necesito a política para vivir", dixo.

"Para que o partido avance hai que dar tempo para que xermolen e florezan os proxectos. Hai que seguir remando para seguir avanzando. O contrario que o PP, que está de brazos caídos”, cre o secretario xeral do PSdeG.

"Anunciarei se me presento ou non á reeleción cando toque. Pero eu estou con forza, con ganas, con ilusión. Eu non necesito a política para vivir pero teño un compromiso con un partido que ten que ser un instrumento para servir a Galicia", concluíu Gonzalo Caballero.

"Ence non pode continuar na ría de Pontevedra"

Na entrevista con Fran López Iglesias no marco do Bos Días abordouse tamén a recente sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga da concesión da planta de Ence en Pontevedra. Caballero sinalou que a fábrica “non pode continuar na ría de Pontevedra, hai que buscar un emprazamento alternativo” e que “son moitos os postos de traballo que están en xogo”, polo que lle pediu á Xunta unha maior implicación.

Sobre a situación da factoría de Alcoa en San Cibrao, no día en que a ministra de Industria se entrevista cos responsables máximos da multinacional nos Estados Unidos, o líder do PSdeG falou da necesidade de buscar unha solución definitiva: “Hai novos inversores. Hai que ver ao longo da xornada que sae da xuntanza e a ver se a ministra consegue que a multinacional proceda á venda”. @mundiario

Comentarios