Buscar

O Goberno de Galicia parece algo desorientado co cambio climático

A edición GALICIA de MUNDIARIO inicia hoxe a publicación deste informe para Tempos Novos, dividido polo autor en cinco capítulos, mantendo boa parte do contido de base pero actualizándoo a día de hoxe. Este primeiro céntrase no avance do cambio climático.

O Goberno de Galicia parece algo desorientado co cambio climático
COP 21 - CMP 11 en París no 2015. / Mundiario
COP 21 - CMP 11 en París no 2015. / Mundiario

Avanza o cambio Climático. Nin a pandemia da Covid-19 é unha solución.  A Axencia Europea do Medio Ambiente (AEMA) sostén que “certo cambio climático será inevitable” e afectará a todos os sectores económicos, ecosistemas e saúde humana. Os cambios de temperatura e precipitacións,  as olas de calor, os fenómenos meteorolóxicos extremos, e outros cambios entre eles a dispoñibilidade de auga para necesidades básicas estanse modificando, notándose nos rendementos de cultivos e na produtividade do gando en Europa, o que xa provoca perdas económicas importantes e determina onde e o que se planta.

A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) o 25 de novembro do 2019 difundía que os niveis de dióxido de  carbono, CO2, na atmosfera alcanzaran no 2018 unha cifra sin precedentes, sendo o novo récord de concentración media de CO2 mundial de 407,8 partes por millón -ppm-, e esperaban que na primavera do 2020, chegara a 410 ppm, pero a realidade superou este valor, en maio do 2020  alcanzaba un pico histórico de 416,5 ppm, baixando lixeiramente en setembro a 411, 3 ppm. Nin a pandemia do Covid-19 é unha solución, o dióxido de carbono que se emite, parte quedase na atmosfera durante séculos.  Segundo o Secretario Xeral da OMM os valores esperados para primavera xa equivalían a concentración de CO2 que se diu na Terra hai entre 3 e 5 millóns de anos cando a temperatura era de 2 a 3 ºC máis cálida e o nivel do mar era de entre 10 e 20 m superior a actual. Si o incremento  de CO2 alcanza hoxe xa o 150% respecto do nivel da era preindustrial - pasouse  de 340-350 ppm nos anos 80  aos 416,5 ppm de maio- os niveis doutros gases invernadoiro como metano ou óxido nitroso tamén están disparados,  e ascenderon en grandes cantidades  nos últimos anos, o metano no 2018  situábase no 259% da  era industrialmente e o óxido nitroso no  123%.

Na Conferencia de París sobre o Clima (COP21),  celebrada a finais do 2015, 195 países asinaron o primeiro acordo vinculante mundial sobre o clima, coñecido como Acordo  de París, sendo menos de 80 países os que posteriormente o ratificaron. O Acordo  persegue –sen moito éxito ate agora- “manter o aumento da temperatura media global por baixo de 2ºC respecto aos niveis preindustriales e facer esforzos para limitalo a 1,5ºC, o que reduciría significativamente os riscos e impactos do cambio climático”. O Grupo Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático (máis coñecido polas súas siglas en inglés IPCC)  afirma que o cumprimento  dos compromisos de mitigación baixo o Acordo de París non é suficiente para limitar o quentamento global de 1,5ºC.  Di que “O quentamento global inducido polo  home alcanzou xa na actualidade aproximadamente  1ºC sobre o nivel preindustrial e na rexión ártica este quentamento situase entre o dobre ou triplo da media global. O quentamento está aumentando a un ritmo de 0,2 ºC  por década debido a emisións pasadas e presentes de gases de efecto  invernadoiro. Si as emisións continuasen ao ritmo actual alcanzará un quentamento de 1,5ºC entre 2030 e 2052” .

Os maiores contaminantes de gases de efecto invernadoiro (GEI) son cinco países: China, Estados Unidos, India, Rusia e Xapón que  emiten máis da metade do total, pero China  representa o 25% do total. Os países  mais desenvolvidos son os máis contaminantes, os que pertencen ao grupo  G20  emiten máis do 80% do total de gases invernadoiro, e curiosamente varios países deste grupo aínda non ratificaron os Acordos de Paris. A UE-28  é o terceiro emisor mundial por detrás de China e Estados Unidos  pero a certa distancia deles. Dentro da UE son grandes emisores :  Alemaña, Inglaterra, Franza, Italia, Polonia  e séguelles de cerca España.

O modelo de desenvolvemento actual con un sistema de produción e consumo desproporcionado, despilfarrador e innecesario exerce unha presión insoportábel sobre os ecosistemas -con ameaza de novas pandemias- e trae consigo unha contaminación  inxustificable  que afecta a nivel local e global e mesmo repercute directamente na saúde humana como recoñecía  en agosto do 2019  a AEMA que  estima que a contaminación atmosférica produce anualmente  400.000 mortes prematuras en Europa, e delas podían correspondernos a Galicia entre  2000 ou 3.000.

Sede de la Comisión Europea. / ec.europa.eu

Sede da Comisión Europea. / ec.europa.eu

Alternativas da UE, Goberno e Xunta

Unión Europea.- O Marco de actuación da Unión Europea  en materia de clima e enerxía ate o ano 2030 foi adoptado polo Consello de Europa no 2014, revisouse no 2018 a alza en determinados obxectivos e fixouse como meta e obxectivo políticos clave para toda a UE  e para o período 2021- 2030, quedando así: 

> Redución polo menos do 40% nas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) respecto ao 1990.

- Os sectores incluídos no réxime de comercio de dereitos de emisión da UE reducirán as súas      emisións no 43% respecto 2005. Os sectores non incluídos  reducirán o 30%  obrigatoriamente.

> Requírese polo menos o 32% de cota de  enerxías renovables sobre o consumo total de enerxía final bruta

- Revisarase a alza o obxectivo no 2023 a mais tardar (revisado no 2018  pasou do 27 ao 32%).

> Necesitase polo menos o 32,5% de mellora de eficiencia enerxética.

- Revisarase a alza o obxectivo no 2023 a mais tardar (revisado no 2018  pasou do 27 ao 32%).

> Conseguirase o 15% de interconexión eléctrica dos Estados membros.        

O 28 de novembro de 2019 o Parlamento Europeo adoptou  unha resolución na que declara unha “emerxencia climática e medioambiental” en Europa e a nivel global. Pide a Comisión Europea que garanta que todas as súas propostas lexislativas e protestatarias teñan en conta o obxectivo de limitar o quentamento global a un máximo de 1,5°C.

O Parlamento quere incluír como obxectivo a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro nun 55% para 2030 en vez do actual 40%, e considera que os obxectivos actuais de recorte das emisións en determinados sectores  como por exemplo no transporte marítimo e aviación son pouco ambiciosos.

La Moncloa, el palacio del Presidente del Gobierno español. / Mundiario

A Moncloa, palacio do Presidente do Gobierno español. / Mundiario

Goberno  de España.- O Goberno  diu a coñecer en febreiro do 2019 un Borrador do Plan Nacional Integrado de Energia y Clima (PNIES) 2021-2030”  que define os obxectivos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, ademais  do grado de penetración de enerxías renovables e de eficiencia enerxética  coa intención de cumprir os obxectivos vinculantes da Unión Europea, UE, para chegar ao 2050 sendo “neutra en carbono”.  

O PNIES 2021-2030 ten en conta que  tres de cada catro  toneladas de GEI que se emiten no Estado orixinase no sector enerxético  e considera  que a descarbonización  é  fundamental para a sostenibilidade e a transición enerxética,  transición cara un sistema descarbonizado que implica necesariamente a incorporación masiva de fontes renovables. O Plan quere ser máis pretensioso que o proxectado pola UE e ir  máis alá dos obxectivos propostas por Bruxelas para alcanzar  unha redución das emisións de GEI  do 21% respecto do 1990, un 42% na presencia de enerxías renovables  sobre o uso final da enerxía  (Bruxelas esixe o 32% ), un 39,6% de mellora de eficiencia enerxética  (7 puntos máis que a UE)  e alcanzar o 74% de enerxía renovable na xeración eléctrica tendo a enerxía eólica  e a solar como  fundamentais dentro  das fontes  renovables .

Comparación dos Obxectivos da UE   co Plan do Goberno de España para 2030

Obxectivos

Redución de emisións de GEI

Enerxía con Renovables

Eficiencia

enerxética

Inconexión eléctrica

EUROPA . 

 UE no 2030

40% respecto 1990

Polo menos 32%  enerxía consumida

32,5%

15%

ESPAÑA. 

España no 2030

21% respecto 1990

48% respecto 2005

42%  sobre uso final enerxía

74% sobre xeración electric

39,6%

15%

Fonte  : “Plan Nacional Integrado de Energia y Clima (PNIES) 2021-2030” . Febr 2019.

No PNIES a “estrela” das renovables é a enerxía eólica.  As  previsións  son que no 2030 ao final do Plan esta enerxía  represente  entre  o 31,4% da potencia e o 34,4 % da xeración  eléctrica  por todas as fontes, quedando un 39,6% para o resto das enerxías alternativas (solar fotovoltaica, solar térmica, biomasa, hidráulica, bombeo, xeotérmica, biomasa ...)  e contempla  dous escenarios – Ver Táboa V-: 

a) Escenario Obxectivo 2030. A xeración das renovables no  sector eléctrico  incrementaríase 34 puntos porcentuais, pasando del 39,7 % no 2020 ao 73,6% no 2030. A contribución da eólica pasaría no mesmo período do 20,9 % ao 34,4%. 

b) Escenario Tendencial 2030. A porcentaxe de xeración renovable no 2020  sitúase no 41%, pasaría ao  55% no 2030, incrementándose  14 puntos,. A eólica pasaría  ao  30,3%  no 2030.

Eólica. Previsión da evolución da potencia  instalada e da xeración eléctrica no Estado.

 

Escenario Obxectivo 

Escenario tendencial 

 

2015

2020

2025

2030

2015

2020

2025

2030

Potencia Eólica   MW

22.925

27.968

40.258

50.258

22.925

27.968

32.968

 37.968

Potencia Total     MW

105.621

113.151

137.117

156.965

105.621

113.151

116.042

124.492

Porcentaxe  Eólica/Total

21,7 %

24,7%

29,4%

31,4%

21,7 %

24,7%

28,4%

30,5%

Xeración  Eólica bruta wh

49.325 

  60.521 

 92.053 

 16.110

49.325 

  60.511 

 75.225 

  90.991

Xeración bruta total  Gwh

281.021 

 288.843 

305.518 

337.448

281.021 

 279.281 

 279.301 

 300.219

Porcentaxe Eólica /Total

17,6%

20,9%

30,1%

34,4%

17,6%

21,7%

26,9%

30,3%

Fonte: Ministerio para la Transición Ecológica, 2019. “Plan Nacional Integrado de Energia y Clima (PNIES) 2021-2030” Borrador febrer 2019. Figuran dous Escenarios o Tendencial e o Obxectivo, este último contempla un maior aumento de enerxías renovables nun número maior de sectores (industria, agricultura, servizos e residencial).

O Plan non distingue entre eólica terrestre e mariña. Non  contempla a posibilidade dun imposto verde, canon específico ou taxa xeral de CO2 para determinados produtos de importación e industrias grandes consumidoras de enerxía fósil. O modelo de transporte non se cuestiona, nin se cita aumentar o transporte de mercadorías por ferrocarril para aforro enerxético e maior eficiencia.  As empresas eléctricas non se lle obriga a diminuír as perdas no transporte de electricidade que alcanzan hoxe o 9%. Nin se cita a posibilidade de diminución do  pago polos consumidores da gran maioría dos peaxes e custos do sistema eléctrico...

Edificio central de la Xunta de Galicia en Santiago de Compostela. / Praza.gal

Edificio central da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela. / Praza.gal

Xunta de Galicia.- En outubro do  2019 a Xunta  aprobaba un Decreto polo para crear unha “Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050” adscrita a consellería con competencias en cambio climático, entre outros cometidos apunta  traslado de estratexias de cambio climático establecidas a nivel europeo e do Estado  a Comunidade Autónoma de Galicia, así como a súa posta en marcha e cumprimento.  Non iamos moi rápidos,  pois en febreiro do 2018 creábase a mesma Comisión Interdepartamental na Comunidade de Madrid. E tampouco eramos novedosos porque o Decreto  da Xunta é moi similar ao Decreto de Madrid.

As declaracións de intencións do Presidente do Goberno Galego centraban a actuación contra o cambio climático no sector primario, medio natural e política enerxética e a folla de ruta para cumprir coa UE contempla di diferentes Plans quinquenais.  Todo indica que a Xunta seguirá os pasos do PNIES 2021-2030,.- Van perpetuar o camiño fácil de subvencións a agricultura, a particulares e empresas e sirve tamén  para dar  novas forzas  no forestal  levando a  auga ao seu muíño  implementando un Plan Forestal a base de eucaliptos e piñeiros trazado nos 90  para producir  o dobre da madeira e cumprir o papel de despensa e almacén forestal que demanda o Estado e Europa.

O Goberno galego sin dubida parece algo desorientado co cambio climático, porque no caso do parón da central térmica de As Pontes o Conselleiro de Economía o 27 de novembro do 2019  publicamente criticaba ao Goberno central por “non ser capaz de tomar decisións que permitan o mantemento da central térmica” cando é a máis contaminante en GEI do Estado e defendeu a necesidade de establecer medidas para permitir a “reactivación” da térmica, mesmo pediu a Endesa poñer en marcha medidas de produción que permitan a continuidade. Así mesmo o apoio total para que todo siga igual en Aluminio Español de San Ciprián da multinacional Alcoa, empresa hiperelectrointensiva, devoradora de electricidade e  unha das cinco primeiras contaminantes de Galiza, evidencia que as medidas para frear o cambio climático que propón Europa non van de todo coa Xunta. @mundiario

 
Próximos artigos desta serie no blog do autor na edición GALICIA de MUNDIARIO:
  2. Galicia atrapada polo cambio climático. Industrias galegas no mercado de emisións.
  3. Mercado de emisións do Estado: Galicia pasou de representar o 12,2 % ao 7,6% . Adeus ao carbón. A enerxía eólica  como alternativa. A enerxía solar discriminada en Galicia.
  4.vEólica galega que engorda as eléctricas españolas. Eficiencia: eficiencia eléctrica, consumo e despiollar de auga. O futuro: eólica mariña.
  5.  Os sumidoiros non son solución. O forestal en cuestión. Conclusión. @mundiario