O Goberno apura no Parlamento: novo Plan Forestal e axilización de parques eólicos

Este 23 de febreiro quedarán aprobados dous textos lexislativos no Parlamento Galego. Un é a Proposta de Resolución formulada á 1ª Revisión do Plan Forestal do 1992, que coas modificacións que fai o PP é en realidade un novo Plan Forestal que persigue que continuemos sendo a despensa de madeira barata do Estado. Plan que seguro van agradecer Ence, Finsa e as empresas de taboleiros. Outro texto lexislativo é a Proposición de Lei de Simplificación Administrativa, que pretende reducir os prazos eo tempo da tramitación administrativa e facer así mais áxil a instalación de parques eólicos, esta Lei xustificada polo Goberno como de apoio a reactivación económica de Galiza, mellor sería, si foran cinseiros, que se xustificara como apoio a reactivación económica das multinacionais da electricidade, todas con sede fora de Galiza.
Plan Forestal
No momento da elaboración do Plan Forestal do 1992 a prioridade era madeira de piñeiros, agora trátase de aumentar a superficie forestal con eucaliptos e alcanzar a corta anual de 12 millóns de metros cúbicos de madeira de crecemento rápido. Hoxe xa somos o primeiro produtor de madeira do Estado con máis do 50% do total, no ano 1994 cortabamos 4,4 millóns de m3, no 2005 pasamos a 6,8 e no 2017 chégase a 9,6 millóns. A Unión Europea e o Estado Español son deficitarios de madeira e a Xunta, que escribe ao ditado, aplica unha desaxeitada política forestal para Galiza que conleva abandono de terras agrícolas e fainos dependentes alimentarios do exterior, todo para que en Europa podan fabricar papel.
A industria da celulosa demandou ao principio piñeiros pero estes sustituironse polo eucalipto despois de que o programa de mellora xenética iniciado por Ence nos anos 80 dera froito. As axudas e subvencións das Administracións foron decisivas, e así unha árbore exótica procedente de Tasmania/Australia introducida nos anos 60 do século XIX para adorno de pazos, parques e xardíns converteuse na actualidade na árbore máis abundante do país e supera amplamente a extensións dos nosos bosques autóctonas (carballos, castiñeiros...) chegando entre monocultivos e misturas con outras a orde do 600.000 hectáreas. Mentres no Estado Español as repoboacións forestais fixéronse na sua maior parte con especies autóctonas, propias do lugar, aquí todo o contrario foron exclusivamente de especies foráneas, mentres no Estado o 19% da superficie arborada está composta por unha soa especies e dominan as formacións pluriespecificas, aquí o 55-60% da superficie comprende monocultivos de eucaliptos e piñeiros.
Eucalipto e cambio climático
O eucalipto no noso territorio non é compatible coas medidas para loitar contra o cambio climático. O eucalipto é de crecemento rápido de combustión fácil, pirofítica que sae beneficiada co lume, invade e deseca a terra, non é apropiada cando temos olas de calor, secas pronunciadas e extremas, cambios na distribución anual da pluviosidade e humidade, incendios e grandes incendios que son cada vez máis frecuentes. Non temos outras? Claro que si, existe posibilidade de aproveitar, mellorar e aumentar as nosas especies propias: castiñeiros, carballos, nogueiras, cerdeiras, pradairos, freixos..., especies con múltiples usos, con madeira de calidade, leña, sementes e froito aproveitábel, mel, cogomelos, pasto para animais e gando en liberdade, herbas medicinais, fauna salvaxe... As nosas frondosas non chuchan a auga subterránea como os eucaliptos, nin fan diminuír a vexetación baixo deles, todo o contrario crean un ambiente húmido e un soutobosco que as fai máis resistentes ao lume, creando un ecosistema en equilibrio co medio moi resistente ao estrés de olas de calor, seca, pragas... idóneas con cambio climático.
A industria da madeira
Pero as nosas frondosas nin interesan, nin as mellora, nin as aproveita Ence ou Finsa ou outras industrias do taboleiro e as Administracións ignóranas. Somos grandes produtores de madeira de baixa calidade, importantes na primeira transformación, xerando o 40% da madeira serrada do Estado, o 60% dos taboleiros e chapas, o 20% da pasta de papel, pero non é así cando nos referimos a segunda transformación (carpintería, ebanistería, mobiliario, papel e cartón, envases e embalaxes, casas de madeira e revestimentos...) onde non superamos o 8% do Estado.
Tan só podemos transformar dentro de Galiza o 20-25% da madeira serrada, o 30-33% dos taboleiros e chapas e o 1% da pasta de celulosa, o que é o mesmo vémonos obrigados a exportar a maior parte da produción primaria (75% da madeira serrada, o 67% dos taboleiros e o 99% da pasta) ademais de preto de 1 millón de m3 de madeira en bruto.
A industria de segunda transformación consumiría menos enerxía, auga e materias primas, produciría menos contaminación e daría máis postos de traballo e máis valor engadido, pero hoxe curiosamente esta industria está fóra en Valencia, Andalucía ou Cataluña, tendo a primeira 15.000 empregos só no móbel cando corta 63 veces menos madeira que nós. Os datos indican que aparte de producir madeira, non existiu unha planificación industrial a curto ou medio prazo pensando no país. Moitas din, claro, xa planifican as industrias.
Parques eólicos
A fins do 2020 o Parlamento, a iniciativa do grupo do PP, iniciou a tramitación da Lei de Simplificación Administrativa, que contempla a redución dos prazos de informes para proxectos de impacto ambiental de maneira que por exemplo os parques eólicos que tardan de media 24 meses por trámites administrativos pasan a facerse na metade de tempo, 12 meses, e o informes que require a instalación dunha liña eléctrica de transporte que tardaban 39 meses agora redúcense a un ano.
O Goberno xustifica esta Lei como de apoio a reactivación económica de Galiza, mellor sería que se xustificara como apoio a reactivación económica das multinacionais da electricidade, todas con sede fora de Galiza. A “axilidade administrativa” para as eléctricas, indica o “nerviosismo e apuros das multinacionais” para coller territorio e instalar canto antes parques eólicos. Choven proxectos eólicos e só nos dous primeiros meses deste ano o BOE publicaba entre outros que estaban a disposición publica o estudo de impacto ambiental de dous parques eólicos da empresa Greenalia, un o Parque eólico Tornado de 67,2 MW -10 aeroxeradores de 5,6MW - e 150 m de rotor e outro o Parque eólico Orzar de 56 MW -12 muíños-, onde se verían afectadas case 500 fincas dos Concellos de Carballo, Tordoia, Val do Dubra e Trazo. A Xunta tamén ten a exposición publica eólicos entre eles os de Capital Energy co parque de Troitomil de 30 MW que afecta a Negreira e A Baña, e o parque de Banzas de 31 MW e Maragoutas de 35 Mw , véndose afectados Outes, Mazaricos, Negreira... Por si fora pouco en febreiro Iberdrola anuncia un parque mariño flotante de 300 MW e sin decidir localización aínda, apunta a posibilidade de vir fronte a Galiza (serán as boas relacións Xunta-Iberdrola ?), cando neste momento non existe un Plan de ordenación eólico mariño, cando sería previo e imprescindible.
O impulso eólico é un ciclón na Galiza, a actuación da Xunta é incríbel e lamentábel, por un lado por deixar que a industria eólica perda peso ou vaia pechando (Siemens-Gamesa) e por outro porque se planean e permiten parques en zonas de Rede Natura ou de posible ampliación que desta maneira se bloquean cara o futuro. Galiza figura co 11,74% do territorio con espazos protexidos, cando a media do Estado é 23,3%, e comunidades como Andalucía teñen 28,9% protexido, Cataluña 29,8%, Aragón 21,9%...Mesmo o interese da Xunta polos parques e o apoio as eléctricas fixo que cometeran “ilegalidades” , asi a finais do 2020 o Tribunal Superior e Xustiza, TSXG, obrigou a paralizar o acordo aprobado no Consello da Xunta para modificación do parque Serra do Oribio situado na zona especial de conservación, ZEC, Os Ancares-O Courel, e fai tan so uns días o mesmo TSXG paralizou cautelarmente o parque eólico Ruña II en Mazaricos .
Sorprende que cando na sociedade solicitan unha moratoria dos parques eólicos terrestres – 60 asociacións que non tiveron resposta do Goberno-, e queren a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo que promova un modelo de implantación desta enerxía máis ordenado, sostíbel, social, participativo, xusto e racional, a Xunta responde cunha Lei que da axilidade na tramitación para contentar as multinacionais e para que instalen os parques canto antes, antes de que queden obsoletos e as empresas miren máis ao mar que a terra (Iberdrola).
Preguntámonos: quen planifica?, que intereses defende?, contentarán así aos consellos de administración das eléctricas e da celulosa? @mundiario