¿Gas ou carbón en Galicia? ¿Por qué “hibernan” as centrais de ciclo combinado?

Contrastes en Galicia. / Jalisia, de Xurxo Lobato
Contrastes en Galicia. / Jalisia, de Xurxo Lobato

Galicia produce o 10,9 % da electricidade do Estado e exporta tanta electricidade como a que producen As Pontes e Meirama xuntas, prácticamente a terceira parte da que producen todas as fontes xeradoras. A electricidade que sae de Galicia serve para abastecer a Comunidade de Madrid, País Vasco, Comunidade de Valencia e mesmo sae para Portugal ou Franza.

¿Gas ou carbón en Galicia? ¿Por qué “hibernan” as centrais de ciclo combinado?

As centrais térmicas de carbón de As Pontes (Endesa) e Meirama (Gas Natural-Fenosa =Naturgy) xeraron no ano 2016 o 30,7% do total da electricidade galega, mentres as centrais térmicas de ciclo combinado a gas de As Pontes e Sabón unicamente 2,2%. Calquera pode preguntar como é posible tal diferenza. 

As centrais de ciclo combinado a gas teñen menor potencia pero podían producir case tanta electricidade como as de carbón funcionando en condicións normais. A eficiencia das térmicas de carbón é do 33% fronte a unha eficiencia do 57% das térmicas de ciclo combinado. Mentres co carbón 2 de cada 3 Kwh que se xeran pérdense en forma de calor, nas de ciclo combinado pérdese moito menos, ademais nestas últimas – con dous ciclos termodinámicos/dúas turbinas- o consumo de auga , consumos de produtos químicos e xeración de residuos é moi inferior comparadas coas térmicas de carbón e a contaminación que se xera ao queimar gas nos ciclos combinados e incomparablemente menor que cando se queima carbón.

A explicación de porqué os ciclos combinados a gas xeran tan pouca electricidade na actualidade, en realidade está en que existe neste momento un exceso de potencia e o Estado paga para que as centrais de ciclo combinado estean en “hibernación” seme-apagadas pero “operativas” dispoñibles por si fixeran falta entrar no mercado eléctrico, é o que se coñece como “incentivo de dispoñibilidade” que significa da orde de 170 millóns de euros/ano para todos os ciclos combinados do Estado e que pagamos camuflado no recibo da luz. Son unhas das moitas subvencións, do Goberno, a fondo perdido que teñen as compañías eléctricas.

Na actualidade Galicia produce o 10,9 % da electricidade do Estado e exporta tanta electricidade como a que producen As Pontes e Meirama xuntas, prácticamente a terceira parte da que producen todas as fontes xeradoras. A electricidade que sae de Galicia serve para abastecer a Comunidade de Madrid, País Vasco, Comunidade de Valencia e mesmo sae para Portugal ou Franza – situación que se repite dende fai mais de 40 anos-. As grandes empresas Endesa e Gas Natural-Fenosa utilizan e espremen o noso territorio para producir electricidade, utilizan os nosos mellores recursos naturais e materias primas –auga, vento, lignito pardo antes...– sacando un gran beneficio económico, quedando pola contra os custos sociais da produción en maos galegas. Grandes en consumo de combustible, auga, electricidade e produtos químicos.

Para producir a electricidade consumen grandes cantidades de carbón principalmente hulla de importación (hulla sub-bituminosa e bituminosa) , lignito negro, gas... Só en hulla importan polo porto de Ferrol e A Coruña case 5 millóns de toneladas procedente dos mais diversos países, dependendo do prezo e do momento (China, Indonesia, Estados Unidos, Colombia, Sudáfrica... ). Gas Natural-Fenosa despois do esgotar o lignito pardo en Meirama, e para garantir o abastecemento de hulla bituminosa adquiriu no 2007 o 70% da mina Savmore da sociedade “Kangra Coal” en Sudáfrica, en calquera caso o carbón importado recorre miles de kms. antes de chegar a central, cun gasto enerxético tremendo (extracción en minería a ceo aberto, transporte a porto para embarcalo, carga en grandes barcos, descarga no porto, traslado en miles de viaxes de camións a central...).

No funcionamento normal as térmicas de carbón teñen un gran consumo de auga, necesitan case 25 millóns de metros cúbicos/ano, cando o conxunto de tódolos sectores económicos galegos precisan 41 millóns e os fogares 128 millóns de metros cúbicos, é dicir As Pontes e Meirama necesitan o 60% do consumo de auga dos sectores económicos e case o 20% do consumo de tódolos fogares galegos e so dúas centrais superan amplamente o consumo municipal dos 313 concellos. Si en condicións normais sorprende, en tempos de cambio climático e secas cada vez mais frecuentes, utilizar tal volume de auga sen tomar medidas é incríbel, soberbio e inxustificábel pero as empresas non lles preocupa, pois dende tempo atrás xa o Goberno lles facilitou a concesión absoluta e monopólica para usar as augas de varios ríos, ter embalses propios e que estes sexan de gran capacidade.

Sorprende que se fale sempre da producción de electricidade das térmicas pero nunca se fala do alto consumo que fan dela. Consumen cantidades importantes de enerxía eléctrica, entre As Pontes e Meirama 441.870 Mwh/ano que podería abastecer a varias vilas ou mesmo a unha cidade pequena/mediana. As campañas da administración, usando fondos públicos, para aforro enerxético enfocada a miles de fogares (apaga a luz, cambia bombillas...) sería mellor e de menor esforzo e posiblemente máis eficaces adicalas a que as propias xeradoras de electricidade e os grandes consumidores adoptaran as medidas adecuadas para reducir consumo.

Aparte do alto consumo de carbón, auga, electricidade, no seu funcionamento “normal” precisan cantidades importantes – decenas de toneladas en algún caso- de variados produtos químicos como ácido sulfúrico, ácido clorhídrico, hidróxido sódico, hipoclorito sódico, antiincrustante, anticorrosivo, amoníaco, sulfato de aluminio, floculante, cal hidratada... moitos deles acabarán en “maior ou menor” medida na auga de vertido.

As térmicas de As Pontes e Meirama son grandes en produción pero tamén son grandes en consumo. Sen dúbida comparando as centrais de carbón e as de ciclo combinado a gas e analizando en exclusiva o consumo e o gasto enerxético para o seu funcionamento normal, sería recomendábel que funcionaran as centrais de ciclo combinado a gas e que apagaran as térmicas de carbón. Ainda que esta medida fora como solución transitoria cara outro tipo de enerxía. @mundiario

¿Gas ou carbón en Galicia? ¿Por qué “hibernan” as centrais de ciclo combinado?