Galiza precisa investimentos industriais enraizados nas bases económicas do país

Sanjose, un grupo cotizado de capital galego. / Mundiario
Sanjose, un grupo cotizado de capital galego. / Mundiario
Corea do Sul é un modelo de crecemento económico do capitalismo actual, baseado na industria de capital proprio.
Galiza precisa investimentos industriais enraizados nas bases económicas do país

Tratabamos nun anterior artigo do que considerabamos necesario para crear investimentos interesantes para a Galiza. Un aspecto fulcral da nosa proposta consistía en sinalar a relevancia de aplicar a nova fonte de capital en reforzar o capital proprio instalado na Galiza e encadeado en procesos de produción, máis ou menos integrados na economía galega. Un corolario deste plantexamento é manifestar a preferencia sobre o capital proprio antes de favorecer o capital estranxeiro. Nesta ocasión a esperábel chegada de fondos novos para seren investidos en condicións a determinar (os fondos Next Generation da Unión Europea) fainos cavilar sobre o mellor modo de levar a cabo eses investimentos en favor do crecemento económico galego, é dicer, en favor de xerar emprego novo e de calidade.

Defendiamos apoiar o capital galego -con instalación no tecido industrial galego- antes que o capital foráneo pola sinxela razón de que o tamaño, a capacidade e a ubicación dos centros de decisión do grande capìtal internacional sobarda con moito -como se ten demostrado asiduamente- as posibilidades galegas no plano político/institucional de gobernar ou de negociar coas compañías multinacionais/transnacionais. Nos momentos de crise queda en evidencia, espido, o antagonismo entre os intereses dun pequeno país como é o noso e o interese do grande capital que é só negocio-negocio, beneficio-beneficio a realizar alí onde as condicións sexan mellores.

A parte e o todo

Fíxoseme unha crítica sobre esa proposta: nela discutíase a falta de relevancia da propriedade do capital, da titularidade do executor dos investimentos, xa que, segundo entendín, o capital é todo igual e diante da perspectiva de negocio e gaño, non hai limite espacial ou relacional que valla. A fórmula vale igual para un ultraliberal que para un esquerdista infantil: uns e outros confunden nesa aseveración a parte co todo. Nen todo o capital é igual en significado (en tamaño por exemplo; en situación do centro de decisión, é dicer, o cerebro; en posición relativa no mercado de cada un dos sectores en que é dominante; no degrau de dominio...), nen todos os países son comparábeis nen as aspiracións dun pequeno país poden se situar na listaxe dos grandes e poderosos.

Así, por exemplo, unha posición relativa na orde mundial bastante comprometida é á dun minúsculo país insular e vólcanico, sen recursos de nengún tipo, e só co turismo como fonte de ingresos, máis alá da recollida de cocos. Unha posición mediana é á dun mediano país con recursos proprios pero sen capacidade de expresar soberanía sobre o proprio porque está dirixido por mans extranxeiras: dentro (Arxentina) ou desde fóra (Venezuela). Até chegar a un como o noso, pequeno, moi ben dotado, con capacidade industrial probada, economía exportadora competitiva no mercado de alimentos, con aforro proprio por riba da media dos países do seu PIB, e, con paro estrutural ferinte, que non cesa, e que hoxe ten a forma de emigración de titulados. Hoxe o exilio laboral é dunha xeración composta de mozas/os altamente cualificados.

Os grandes de Europa

Insistimos, por tanto, na exposición analítica verbo da necesidade de investimentos industriais enraizados nas bases económicas do país. Galiza aquí enténdese como suxeito económico con capacidade de decisión sobre algunhas cuestións de importancia esencial -no terreo económico- para o seu presente e futuro inmediato. Tense demostrado no percurso das economías que hoxe son máis avanzadas que a toma de decisións en política económica que se teñen fixado arredor do eixo de medrar primeiro dentro, e, logo, cara afora (ou xa se irá vendo) son comúns en todas as formacións sociais do mundo. Quer dicer, afirmamos que o éxito relativo das economías hoxe dominantes na esfera global, procedan de onde procedan (foran colonias como Corea, foran socialistas como China, foran imperios como Alemaña ou Reino Unido), ten en común un patrón de crecemento deseñado, planificado e executado con esa premisa no seu frontispicio: primeiro nós, crear crecemento e medrar na economía interior, e, logo, do crecemento que se derive, internacionalizarse, exportar mercadorías de todo tipo, capital incluído.

As economías europeas, as vellas e poderosas economías europeas, avanzaron segundo un plan proprio cuxo contido común ten sido unha unión de forzas institucionais coas forzas sociais máis dinámicas: Estado, traballadores disciplinados e capacitados, máis capital privado, máis capital público e ordenamento xurídico e institucional adecuados á facilitación do crecemento necesario. Neste descritor encadramos Inglaterra, Francia, Alemaña, Italia, Holanda, Dinamarca, os nórdicos, EE UU, a Unión Soviética e Xapón. Con posterioridade á segunda guerra mundial botamos a ollada cara aos asiáticos do leste e, á parte de China, interésanos destacar o caso de Corea do Sul. Esta economía pasou de ser colonia a potencia; no rango mundial, sobardou ao Estado español. En 60 anos pasou de ser unha empobrecida colonia a unha potencia mundial: o seu PIB/per capita supera amplamente o español e non é por se tratar dun pequeno país, pois cun territorio 3 veces o da Galiza ten 6 millóns máis de habitantes que todo o Estado español (51 millóns de habitantes). Corea do Sul é un modelo de crecemento económico do capitalismo actual, baseado na industria de capital proprio.

En caída libre

En cambio, non existe no mundo caso á contra: é dicer, unha economía que, deixando o seu crecemento en mans alleas, alcanzara o éxito económico. De empobrecemento si hai un bon feixe de casos na economía mundial: desde os nosos próximos Arxentina, Uruguai e Venezuela, continuando por Grecia e rematando por Chile, Puerto Rico, Kuwait ou Arxelia, hai ben onde escoller para amosar casos de economías en caída libre cara o empobrecemento e a descomposición do tecido produtivo máis básico.

Cada vez que tratamos este asunto, lembro unha anécdota gastronómica dun grupo de amigas. Sempre que ían de restaurantes, o grupo das máis amantes do novo probaban restaurantes tamén novedosos de procedencia varia: xaponés, italiano, chinés, turco, marroquí, mexicano... Unha das comidas foi, en cambio, en casa da amadora da cociña tradicional galega. A anfitrioa desculpouse da falta de exotismo dicendo: "non sei se vos gostará, porque só teño unhas sardiñas de Rianxo, uns poucos berberechos de Noia, carne de Lalín e pan e queixo de Lugo". A resposta veu da amiga máis amante das novidades: "Encantadas! Ou que pensabas, que eramos parvas!?". @mundiario

Comentarios