Galicia vai mellor que España pero ámbalas dúas peor que a Unión Europea

José Francisco Armesto, Fernando González Laxe, Patricio Sánchez y Santiago Lago. / Mundiario
José Francisco Armesto, Fernando González Laxe, Patricio Sánchez y Santiago Lago. / Mundiario

A economía galega resposta mellor á crise que a media española en 2020. Todos os sectores amosan mellor comportamento agás o primario.

Galicia vai mellor que España pero ámbalas dúas peor que a Unión Europea

Galicia resiste mellor o envite da crise que o conxunto do Estado. A estrutura económica e produtiva desta comunidade, cun peso menor do turismo e a hostalaría e maior do agroalimentario, contribuiron a elo. Así se desprende dos datos analizados no Informe de Conxuntura Socioeconómica presentado polos autores do estudo, os economistas Patricio Sánchez, Francisco Javier Armesto, Santiago Lago e Fernando González Laxe.

Como xa esbozara o Foro Económico nos últimos informes de conxuntura, as novas restricións e paralizacións dalgunhas actividades ao final do ano, racharon  coa forte recuperación no terceiro trimestre e deterioraron as expectativas sobre a recuperación. Así, a economía galega presentou unha caída interanual do PIB do 8,9%, algo máis do previsto no escenario máis positivo debullado polo Foro xa no mes de maio de 2020 (-8.5%),  pero máis de dous puntos inferior que a media estatal (11%). Con todo, compre destacar que as principais economías europeas presentan mellores datos no seu PIB: na UE a contracción é dun 6,3%.

Canto a demanda, a achega negativa do gasto interno presenta unha caída de 8,3 puntos. Este descenso é a consecuencia da merma nun 13,2% do investimento. Un descenso mesmo superior ao gasto das familias, que se reduce un 11,3%. Pola contra o gasto das administracións públicas amosa unha suba interanual do 4,5%.

No que atinxe a oferta, os grandes sectores produtivos presentan en Galicia un mellor comportamento ca no conxunto de España, agás o primario (-3,3%) fronte ao incremento  do 4,8 en España. Tanto en Galicia coma en España as actividades que presentan a maior contracción son: comercio, transporte e hostalería, e as actividades artísticas. En Galicia a caída é do 18% e do 24,2% en España.

Tamén é algo mellor –ou menos malo– o comportamento da industria manufactureira: en Galicia contráese un 9,6% mentres que no conxunto do Estado un 10,7%.

O impacto no emprego

No que atinxe ao emprego, os expertos do Foro consideran que o mellor indicador da evolución é o número de horas traballadas, que amosan un axuste do emprego superior á caída do PIB (-10,7% ).

Os ERTEs constitúen a principal protección para os traballadores por conta allea. A 31 decembro 33.772 persoas estaban acollidas a un ERTE -un 3,4% das afiliacións galegas- pero con picos en abril dun 17%  e en maio dun 14%. O número de empresas con ERTE ascende a 10.933, o que representa o 6,2% do total estatal.

Os expertos do Foro constatan que novamente o axuste do emprego prodúcese en maior medida entre as persoas máis vulnerables: os máis novos, asalariados con contratos temporais, traballadores con xornadas a tempo parcial e persoas con menor nivel educativo. Asemade, a poboación ocupada redúcese en maior medida no caso das mulleres. No extremo contrario compre suliñar o incremento de asalariados con contrato indefinido e os empregados do sector público.

A taxa de paro en Galicia aumenta ata o 12%, dúas décimas máis que no ano anterior, mentres no conxunto de España sube ata o 15,5%. Este axuste no emprego prodúcese de xeito xeralizado, agás no sector agrario e forestal que presenta unha medra con respecto ao ano anterior dun 3,8%. Os sectores máis golpeados son a hostalería, cunha caída interanual do 31,3%, por diante da industria téxtil, coiro e calzado e madeira que sufriron una caída do 15,4% e 14,2% respecto ao número medio de horas traballadas no ano anterior.

O documento adica tamén unha análise ao indice de accesibilidade en relación ás redes de transporte marítimo no caso de Galicia e Portugal. Os expertos do Foro consideran que a medición das conexións marítimas dun territorio é unha ferramenta para coñecer os niveis de facilitación comercial. Nos portos galegos sobresae o alto nivel de especialización de porto de Vigo, en tanto que os demais rexistran movementos moito máis reducidos. En Portugal destacan os portos de Sines e Leixoes, que polarizan os tráficos de contedores e as escalas das embarcacións que configuran as cadeas globais de subministración.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica.  Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario

Comentarios