Buscar

Galicia é sitio distinto

A alternativa a Feijóo xa non é plural. É dual e hexemonizada polo soberanismo galego
Galicia é sitio distinto
Ana Pontón. / Mundiario
Ana Pontón. / Mundiario

É ben chocante que despois do ciclo aberto polo 15-M en 2011 e pola época do éxito electoral das Marés (eleccións locais de 2015, xerais de 2015 e 2016 e, en boa medida as autonómicas de 2016) os resultados deste 12-X de 2020 sexan cuspidiños aos daquel lonxano 1997, cando Fraga quitou 42 deputados para o PP  (os mesmos ca Feijóo arestora), Beiras 18 para o BNG (Ana Pontón rachou onte este récord acadando 19) e Caballero 15 para o PSOE (daquela foi o tío Abel, hoxendía alcalde absoluto de Vigo, mentres que agora o sobriño baixa un empatando a peor marca histórica do PSde G nunhas eleccións nacionais galegas: os 14 de Xaquíbn Leiceaga en 2016).

O trunfo de Feijóo (48% dos votos, unhas décimas e un deputado  máis ca no 2016) é evidente e cómpre recoñecerllo sen desputa ninguha. Si é verdade que a súa base electoral é máis rural ca urbana, máis de persoas idosas ca de persoas máis novas, mais todos os votos son iguais e haberíamos gravar esta regra a lume nos nosos miolos. Feijóo afunde a Vox  e Cs ( que quitaron cadanseus 2% e 0,74% de votos) e ponse 12 mil votos por riba da suma dos comúns, socialistas e nacionalistas, rachando a clara vitoria das esquerdas das dúas eleccións xerais de 2019 e das municipais. Nidio é que a xestión do Covid, malia as graves chatas na súa xestión sanitaria e de servizos sociais, beneficioulle. De calquera xeito comeza unha lexislatura cunha ampla e anovada vantaxe que afortalará a tendencia a adoptar as decisións económicas, ambientais, universitarias, educativas, sanitarias…que compoñen o seu programa de máximos.

Mais o electorado alternativo elixiu concentrar moitos votos no BNG de Ana Pontón, que bateu os records de Beiras acadando case a cuarta parte dos votos, mentres o PSOE ficaba por baixo do limiar do 20%. E, deste xeito, Ana Pontón visualízase como líder indiscutíbel da oposición, en proceso de alargamento da base electoral do soberanismo cara ao galeguismo até de agora exterior ao BNG e tamén cara ao espazo progresista en xeral, papándolle moi boa parte do espazo da esquerda estatal.

Porque foi a esquerda española a grande derrotada. Para o  PSOE ficar terceiro, con menos do 20% e cos mesmos deputados ca no 2016 é un gravísimo fracaso, moito máis se pensamos que o PSOE gañou as  eleccións xerais de hai un ano e case empatou as de hai oito meses. A carreira política de Gonzalo Caballero, que colleitou un fracaso semellante ao do seu tío Abel no 1997 está moi en dúbida, porque ademáis está lonxe de ter contentas ás bases socialistas ao longo do País.

O grande fracaso dos Comúns ao obter menos do 4% de votos (o limiar para entrar no Parlamento é do 5%) é o máis sobranceiro responsábel da maioría absoluta de Feijoo. O 0,20 % de votos da innecesaria coalición de En Marea e Compromiso por Galicia confirma na irrelevancia a persoas que non percebiron que rematara o seu ciclo. Estas forzas, canda Podemos, EU e Anova desaparecen da escea parlamentaria, onde fican as tres mesmas forzas ca no 1997 e, ademáis, en posicións moi semellantes.

A alternativa a Feijóo xa non é plural. É dual e hexemonizada polo soberanismo galego. Con Vox, Cs e Podemos fóra do Parlamento de Galicia, co nBNG claramente distanciado do PSdeG, con Feijóo agachando as siglas do PP é evidente que Galicia ten un subsistema político propio. Galicia é sitio distinto. @mundiario