Para Galicia, producir e exportar máis electricidade non garante pagar menos no recibo

Unha poxa de 3300 Mw en renovables para rebaixar canto antes o prezo da electricidade é a medida estrela do Goberno para rebaixar a factura eléctrica, tendo en conta que só 600 MW serán de instalación rápida no prazo dun ano. Quizá non sirva esta medida para arrefriar a factura da luz e teremos que esperar pola “creatividade institucional” e as novas medidas. Vexamos a situación:
Os maiores consumidores de electricidade son na Galiza nove grandes industrias electrointensivas (Alúmina e Aluminio Español, Air Liquide, Ferroatlántica, Celsa, Alú Ibérica –antes Alcoa Inespal–... ), multinacionais, que hoxe consumen o 34% da electricidade que se consume e curiosamente teñen menos do 2% do emprego industrial. Mentres o resto da industria galega –pequena, mediana e grande–non chega a consumir o 19% do total . Ademais exportamos unha terceira parte da electricidade que xeramos. Algunhas das grandes empresas teñen prezos pechados da electricidade e non se ven afectadas polos cambios e subida de prezo, pero a maioría si. Outro tema é a enerxía consumida polos cidadáns nas súas vivendas que viron como sen aumentar o consumo a factura vai en aumento mes a mes.
Aumentar a xeración eléctrica, abarataría custos? Non se rexe o mercado pola oferta-demanda? Observamos que no caso galego, producir moita electricidade non é garantía de que o consumidor pague menos, mesmo parece todo o contrario. O aumento da produción eléctrica en renovables, espremendo os noso ríos e o vento, o aumento do bombeo ou a exportación (como sucede nos primeiros cinco meses do 2021 a respecto do 2020) non serven para garantir que a electricidade sexa barata como era anos atrás. En Red Eléctrica de España (REE), a mediados de outubro figuran ao público os datos provisionais do período xaneiro-maio 2021, e por esta razón comparamos estes cinco meses cos mesmos meses do ano anterior con relación a xeración eléctrica, consumo, exportación e prezos.
1. Xeración
Segundo REE na Galiza xeramos nos cinco primeiros meses do 2021 un total de 12.414 Gwh (Gigawatios hora) de electricidade mentres que no 2020 foran 11.594 Gwh, experimentando no 2021 unha subida do 7%. Algo similar ocorre na xeración eléctrica Peninsular que sube a un 8,8%.
A enerxía renovable xerada -de xaneiro a maio- na Galiza, foi no 2020 do 79% do total da electricidade e sube até o 80,8% no 2021. Comparando meses no 2020 a renovable oscila entre o 71,3 % de abril ao 82,5% de febreiro e no 2021 oscila entre o 73,2 % e o 88,6% nos mesmos meses.
No sistema eléctrico peninsular non é exactamente o mesmo, no período citado no 2020 oscila entre 43,3% de xaneiro ao 54,4% en maio mentres no 2021 oscila entre o 48,1% en abril e 60,4% en febreiro do 2021, pero de calquera forma dáse un aumento na xeración renovable igual que sucede na Galiza.
2. Consumo
A demanda galega en barras de central entre xaneiro e maio do 2020 foi de 7.263.840 Mwh e alcanza 7.532.731 Mwh no 2021 representa un aumento do 3,7% . Situación similar dáse na demanda Peninsular que superou o 5,3%.
3. Exportación
No ano pasado, entre xaneiro e maio sae de Galiza e exportamos 4.187 Gwh que representaba o 36% do total xerado, neste ano 2021 son 4.612 Mwh, que representa o 37%.
4. Prezos
Segundo a información que ofrece REE os prezos escalaron este ano e batían e seguen batendo récords. Os prezos medios da enerxía do peche mensual (mercado diario e servizos de axuste) no 2020 (xaneiro-maio) oscilaron dende un mínimo de 25,30 euros/Mwh no mes de maio a 46,96 no mes de xaneiro, mentres no mesmo período no 2021 oscilaban de 36,81 euros/Mwh en febreiro a 74,09 en maio e dende maio seguiu escalando ate 160,76 euros/Mwh de media en setembro e a 288 euros/Mwh puntualmente o 4 de outubro.
Onde está a causa?
- Os prezos do gas. O gas sen dúbida aumentou considerablemente de prezo, ten un mercado global igual que o petróleo e depende igual que este de diversas situacións xeopolíticas, e parece difícil conseguir que baixe. Os ciclos combinados a gas axudan a encarecer a factura, pero no caso do Estado o relativo baixo consumo non xustifica a subida. No conxunto do 2020 os ciclos combinados (gas) representaban de media na Galiza o 12,7% do total consumido cando exportabamos o 28% da electricidade xerada. No Estado no conxunto do 2020 os ciclos combinados supuxeron o 16,2% da electricidade demandada (comparando meses no 2020 os ciclos combinados supoñen o 10,7% da demanda en maio e o 12,6% en xaneiro e no 2021 representan o 17,9% e 15,4% respectivamente. Con estas porcentaxes dos ciclos combinados a gas non se explica un aumento tan elevado como o que temos na factura da luz.
- Os prezos dos dereitos de emisión. Os prezos dos dereitos de emisión de dióxido de carbono, CO2, controlados pola Unión Europea, foron escalando posiblemente por compras especulativas (fondos, bancos e outros inversores) e alcanzaron de media no 2020 os 24,75 euros por tonelada. De outubro 2020 a outubro 2021 chegaron a 44,60 euros/tonelada, en xaneiro deste ano alcanzaba 33,43 euros, en maio- xuño chegaba a 52 euros e ao dia 18 de outubro 2021 chegou a 58,54 euros/tonelada. A Unión Europea si quere sempre pode controlar os prezos ou mesmo aumentar ou poñer máis dereitos temporalmente no mercado para frear a escalada de prezos e deixar de castigar aos cidadáns e as empresas. Tampouco parece que os prezos dos dereitos xustifiquen o aumento que pagamos.
Conclusións
Nin os prezos do gas, nin os prezos dos dereitos de emisión de dióxido de carbono parecen ser os responsables das tan altas subidas na factura da electricidade, nadie nega que incidan no prezo final, pero podemos preguntarnos: ocúltanse outros factores?. Todo indica que se subiu artificial e inxustificadamente os prezos da electricidade e xa ninguén fala de eficiencia e aforro enerxético en plena transición enerxética. As multinacionais da electricidade sempre tiveron e seguen tendo detrás, ou á sua beira, ao Goberno – proba disto son ex cargos públicos que se sentan nos consellos de administración– e estanse beneficiando das regras da Unión Europea que fixa o mercado, regras que non parecen moi adecuadas as nosas necesidades e realidade e para os galegos son un disparate.
Rebaixar o IVA da factura da luz non chega para baixar significativa o pago do recibo de electricidade, como tampouco servirá a suspensión temporal do imposto á xeración do 7% , nin as apuradas poxas de renovables que esperaban como auga de maio as eléctricas. As causas reais ocúltanse a opinión pública?. Están as eléctricas usando o prezo da electricidade e a factura da luz como un ariete político para posicionarse, botar un pulso ao Goberno e aumentar as súas xugosas ganancias?
Mentres, os galegos, que producimos cada vez máis, que exportamos cada vez máis..., pagamos unha tarifa eléctrica como Madrid, que apenas produce, ou o País Vasco. A demanda da tarifa propia por ser grande xerador e exportador nin sequera se trata. Onde está o mercado de oferta ou demanda? @mundiario