Galicia, no ponto de mira de multinacionais eólicas: sobran muiños e faltan veciños

O motor dun aeroxenerador. / @EolicaGalicia
A industria asociada ao sector eólico marchase de Galiza e abre instalacións en Portugal e noutros lugares.

A febre eólica recorre Galiza, tanto en terra como no mar. Agora as compañías multinacionais Sener e BlueFloat Energy  anuncian   un megaproxecto de eólica mariña flotante -Parque Eólico Nordés-  cunha potencia de 1.200 MW a localizar en algún punto da costa galega. Este proxecto supera a un anterior de Iberdrola  que pretende dous parques flotantes -San Brandán e San Cibrao- de potencia próxima a 1000 MW e a localizar a 12 e 13,5 km da costa.  

En terra a situación é parecida. No Goberno central con competencia de parques de máis de 50 MW existían 32 novos parques en trámite  e só de xullo a outubro o BOE  tiña a exposición pública  o Parque Badulaque de 90 MW e  Caaveiro 78 MW que forman parte dun grupo de seis parques que ten a italiana Enel Green para Galiza cunha potencia global de 611 MW.

En agosto  expoñían o Parque eólico Mistral de 100,8 MW, e o Nordés de 67,2 Mw, ambos da empresa Greenalia. En setembro e outubro anunciaban varios parques de Green Capital, Boibela de 72 MW, Balocas  65 MW,  Monte Portocha  66 MW  e  As Castiñeiras  54 MW... 

A Xunta de Galicia con competencia en parques con potencia inferior a 50 MW  ten decenas e decenas de parques  fragmentados  artificialmente sobre a mesa para a sua aprobación. Tramitándose estaban en maio  50 novos parques e en carteira 200 solicitudes  que sumaba 7.200 MW, case o dobre de potencia do que temos en funcionamento.

A Xunta viuse obrigada a declarar unha suposta  Moratoria temporal  de ano e medio a partir de xaneiro do 2022  pois non daba feito e estaba superada en peticións.

Un aerogenerador en un monte de la provincia de A Coruña. / Mundiario

Nove claves importantes arredor da eólica

Agora a Xunta apura para que entren parques antes da Moratoria – xaneiro 2022- como  o da Serra da Grova (Albariño I) , o primeiro parque  dunha serie de catro, da man de empresas participadas por Acciona, que queren instalarse  sen que importe  o  impacto que supoñan, con  perigo/destrución de valores naturais, culturais, paisaxísticos e ambientais. Pode alguén parar tal despropósito? Vexamos:

1. Na actualidade contamos na Galiza con case 4.000 MW de potencia eólica  que representa da orde do 14,6% da eólica do Estado e a xeración eléctrica por esta fonte representa entre o 16-19% da xeración eólica do Estado, cando por poboación, extensión xeográfica, nivel de vida... corresponderíanos menos do 6%.  A eólica  no 2020 produciu 9.992 Gwh e representou o  57,3% da electricidade do consumo galego  e o 18,6% da produción eólica do Estado.

2. No 2020  producimos  só con renovable, eólica e hidráulica, 18.556 Gwh e o consumo total galego foi de 17.413 Gwh e mesmo exportabamos 6.900 Gwh orixinados noutras fontes, é dicir, Galiza o ano pasado non chegaba a consumir toda a enerxía renovable que producía, cumprimos sobradamente no 2020 os obxectivos esixidos para o 2030  pola Unión Europea  para a porcentaxe de renovables .  

3. A industria asociada marchase de Galiza e abre en Portugal e noutros lugares. Pechan Vestas  en Chavin -Viveiro- con 115 traballadores  que fabricaba xeradores e paneis de control de turbinas e a fábrica de palas de Siemens-Gamesa en As Somozas con 215 traballadores cando ambas empresas pretenden instalar centenares de novos aeroxeradores na Galiza. O Concello de Muras en Lugo conta con 381 muíños eólicos en máis de 20 parques   de Acciona, Endesa, Iberdrola e Norvento,  tiña  en 1990 ao instalarse o primeiro parque  case 2000 habitantes  e  foi perdendo poboación,  no 2000  tiña 1.151  e no 2020 ten o concello 619 habitantes. A industria eólica non existe no concello, a eólica, compróbase, nin sirve para manter a poboación e o emprego que ofrecen: unicamente ocupa a catro ou cinco traballadores de mantemento eólico.  

4. O Goberno e a lexislación actual favorece a implantación de muíños por riba do benestar, da saúde e da economía das poboacións locais, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións. Os  proxectos con impactos críticos danse normalmente en áreas de interese paisaxístico.

5. Os beneficios que deixan son mínimos. Os pagos por asentamento máis os impostos municipais (Licenza urbanística, Imposto de construción, Imposto de actividade económicas=IAE, Imposto de bens inmobles =IBI), canon eólico...  deixan como moito o 5% do que levan as multinacionais para fora do país. 

6.  Non temos unha tarifa especial por producir moita electricidade. Dáse un espolio eléctrico.  Pagamos a factura da electricidade igual que os que non producen e pagamos as perdas no transporte eléctrico como si estivésemos a centos de km da fonte eléctrica cando temos os  eólicos ao pé da casa. Pagamos igual que os de Madrid ou o País Vasco ou outros lugares que reciben a nosa electricidade libre de degradación/contaminación ou impactos da produción que quedan aquí.

7. Ninguén dúbida de que as renovables son a alternativa si se fai ben e participamos dos beneficios, pero non é este o caso. Non podemos mirar como alternativa a eólica terrestre, instalando aeroxeradores xigantes de 150-200 m ou máis de altura e cunha potencia que supera 5 MW. Non podemos nin debemos consentir que a Serra da Groba, a Serra do Galiñeiro, O Suido, Pena Trevinca,   Os Penedos de Traba,  Os Ancares-O Courel  ou mesmo próximos ao Monte Aloia,  se asenten parques como tampouco non se precisan muíños nas ladeiras de montes nin  en terras  agrícolas ou xunto a aldeas. Os veciños de Ordes, Cedeira, Quiroga, Moeche, A Baña, Val do Dubra, Mazaricos, Cerdido,  Valdoviño... e mesmo 180 organizacións que protestaron en Madrid pedindo “renovables si pero non así” obriga a esixir unha Paralización definitiva dos novos parques en terra. 

8. Hoxe non so se intensifica a eólica terrestre senón que se abre un novo fronte  no mar coa eólica mariña En  Galicia nas rías e no litoral na estreita plataforma continental a ninguén se lle debería ocorrer  instalar eólica fixa polo impacto que poden causar,  é acertada a  prohibición de instalar parques de eólica fixa tal  como aprobara o Parlamento Galego no 2009.

9. A eólica flotante afastada da costa  ten que ter unha  ordenación e planificación previa e transparente do Goberno e concesións definidas. A eólica flotante ten que  ter en conta o ecosistema, os nosos caladoiros e recursos mariños . Os beneficios eólicos non poden ser como ate agora, o país galego precisa beneficios económicos reais.  Non se pode consentir a eólica mariña sen ir asociada necesariamente a  un detallado Plan industrial  eólico. Parques na Galiza e industria fora  é inxustificable, inxusto e colonial, polo que non se debe pasar.  A transición enerxética non  pode  nin debe dar carta branca as multinacionais. @mundiario