Galicia pode escoller entre multinacionais de fora e industrias do país

Nos últimos anos déronse notables cambios nas industrias multinacionais que operan en Galicia, cambios que non se deberon a aumentos na carga fiscal, nin a controis da administración por ser grandes contaminantes, nin por cuestións laborais ou sindicais. Os cambios execútanse dende o interior das empresas para adaptarse á novos criterios empresariais e a claros intereses económicos que buscan maiores beneficios, todo en consonancia cos mandatos políticos propostos dende Bruxelas, mandatos aceptados de bo grado porque serven aos grandes grupos transnacionais. Vexamos algúns cambios: peche en centrais térmicas de carbón en Meirama e próximo en As Pontes ; ERTE e futuro peche en Aluminio primario de San Ciprián; crise en electrointensivas como en Alcoa Inespal de A Coruña, con novo empresario e nova denominación Alu Ibérica; crise en Ferroatlántica de Cee e en Dumbría que hoxe ao cambiar de dono denominase Xeal -Xallas electricidade y aleaciones SA; problemas por diminución do traballo e da produción no sector do motor en PSA de Vigo; incerteza na celulosa Ence de Pontevedra e interrogante na Repsol de A Coruña...
As poderosas multinacionais Naturgy, Endesa, Alcoa, Ferroatlántica... todas con sede fora de Galiza, que desembarcaron hai 50 anos recollen agora velas e buscan negocios que esperan sexan máis rendibles fora do noso territorio. Non viñan para quedarse senón para aproveitar situacións de privilexio con facilidades, subvencións, mao de obra, auga e electricidade baratas, e conquistaron o territorio apoiadas ou apadriñados polos gobernos amigos, contaminaron o que querían -o que non lles permitían noutras partes-, e hoxe saciados xa buscan novos caladoiros.
Mellor, industrias sostibles, do país
Quen ocupará o seu espazo? Desde logo deberían ser industrias sostibles, diversificadas, respectuosas co entorno sen contaminación e asentadas no territorio, industrias que pechen os ciclos produtivos e podían ter como punto de partida a agricultura, gandeiria, forestal, pesca e recursos mariños, mineiros.... industrias que prioricen a eficiencia e aforro enerxético, consumo de auga e materias primas ... e sempre unha industria intensiva en postos de traballo para non ter que emigrar e que cotice no país creando riqueza aquí, o que non fan as actuais multinacionais.
Qué nos ofrece a Xunta? Nada que ver co anterior, apostan por un modelo que interesa de novo as multinacionais que buscan negocios. Dende Galiza propoñen proxectos tractores que levarán case a mitade da inversión total que ofrece Europa -proxectos da Xunta, seleccionados no Estado e determinados en Bruxelas ao ser cartos de Next Generation EU. Novedosos, modernos e europeos din que son os proxectos relacionados co sector do hidróxeno, biogás, viscosa, eólica, automación, vexamos algúns:
> Produción de hidróxeno verde. Ten como finalidade fabricar e utilizar o hidróxeno como combustible ou como almacén de enerxía eléctrica, industria que interesa a Repsol, Iberdrola... e que demandaría gran cantidade de enerxía renovable. Iberdrola decidiu xa en marzo instalar unha industria similar en Puertollano con maior produción que a proposta na Galiza.
> Produción de biogás. A Xunta por mandato comunitario centrase nos residuos gandeiros para producir fertilizantes e biogás - combustible-, detrás do proxecto está a urxente necesidade de adaptarse as boas prácticas agrícolas que obrigan na PAC -Política Agraria Común- si é que queremos seguir desfrutando de subvencións. A industria dos residuos interesa especialmente a Naturgy.
> Produción de fibras téxtiles a partir de celulosa (viscosa). Proxecto que ten dobre intención, por un lado interesa moito a celulosa Ence – a fabricación de viscosa está no Plan Estratéxico de Ence 2019-2023 - e por outra parte serve para intensificar a política forestal, arrastra o proxecto 100-150.000 ha de plantacións novas de eucalipto e piñeiro, pois demandará 1,5 millóns de m3 de madeira/ano.
> Eólica. Non importa que a terceira parte da electricidade que se produce na Galiza se exporte e que no 2019 a enerxía eólica represente “récord” co 47% da demanda galega, a Xunta pretende novos parques eólicos porque os demanda o Estado e as electricas. Electricidade para exportar máis e para a produción de hidróxeno verde e electrointensivas. Na Galiza os parques eólicos pouco aportan (canon, impostos...) non chega ao 5% dos beneficios que obteñen as eléctricas, esas que pechan aquí fabricas de palas e compoñentes. Os parques eólicos sin industrias de arrastre detrás interesan a Greenalia, Iberdrola, Naturgy , Endesa...
> Motor. Non podían faltar 1.300 millóns -o maior proxecto en inversión- para apuntalar o sector automobilístico e beneficiar fundamentalmente a PSA... O proxecto centraríase na “propulsión limpa”, “innovación”, “desenvolvemento e validación do vehículo do futuro”, “reforzo da competividade”... Curioso, primeiro deixamos que as empresas aquí asentadas do sector do motor se vaian a establecer e dar riqueza ao norte de Portugal – decenas de provedores directos de PSA pasaron da área de Vigo ao país veciño- e logo temos que gastar para reforzar a competividade e fortalecer a multinacionais.
Temos posibilidades no noso? Centos de pequenas e medianas empresas galegas dispersas no territorio podian ser as grandes beneficiadas é non as multinacionais. Apoio necesario a industria de transformados e derivados cárnicos, lácteos, agrícolas, pesqueiros, mineiros, carpinteira e ebanistería do moble, artesanía (madeira), calzado, naval... Apuntalando e fortalecendo estes sectores e potenciando e creando innovación, teriamos sectores con arrastre que devolverían actividade, postos de traballo e riqueza á cidades e vilas “latentes” que volverían recuperar e potenciar o perdido como Ferrol, A Estrada, Sarria, Monforte...
Si se quere máis modernidade non deixemos pechar ou marchar a mediana e pequena industria galega, e a vez pensemos en sectores de nova creación como o de reciclado de aluminio, reutilización e reciclado do vidro, fabricación de cartón e papel, produción de envases, transformación e reciclado de materia orgánica, segunda transformación da madeira, fabricación de compoñentes eólicos, aproveitamento de enerxía solar e as suas auxiliares, maremotriz.... Pensemos no país, potenciando e innovando no que temos propio, non en multinacionais de fora. @mundiario