Galicia non poderá capturar polbo nas súas augas entre o 30 de abril e o 5 de xullo

Pulpo A Feira. / Juan Ramón Baliñas
Polbo a feira. / Juan Ramón Baliñas
A veda pretende un equilibrio entre a sustentabilidade biolóxica e a rentabilidade pesqueira
Galicia non poderá capturar polbo nas súas augas entre o 30 de abril e o 5 de xullo

A Comisión do Polbo, reunida en Santiago, optou por formular unha votación para fixar o calendario de veda deste cefalópodo en augas de Galicia durante o que queda de ano. Será do 30 de abril ao 5 de xullo, por acordo da comisión, que optou por someter a votación a decisión dado que non existía un acordo unánime entre as tres federacións provinciais de confrarías de pescadores de Galicia. A veda pretende un equilibrio entre a sustentabilidade biolóxica e a rentabilidade pesqueira, segundo a apreciación da Consellería do Mar.

A federación da Coruña, maioritaria en canto a representación dos pósitos, foi a que decidiu esas datas para unha veda que, se ben se achega ás formulacións que propoñían as confrarías de Lira, Muros e Fisterra –entre outras– non da resposta a aqueles pósitos que manteñen que o período de veda debe ser de tres meses e que este comece antes da data agora fixada porque, segundo os propios polbeiros comproban a cotío, a estas alturas do ano son moitas as femias ovadas que, no caso de seren capturadas producirían unha perda importante para as novas xeracións de alevíns deste octópodo.

Tampouco satisfai totalmente o acordo da Comisión do Polbo aos que consideran que, maís que vedas, debería ser formulada pola Xunta á UE e ó Ministerio de Pesca a realización dun paro biolóxico de tres meses de duración que afectara á totalidade do sector estractivo do polbo e que se subvencionara con cargo ós fondos comunitarios.

Hai fondos europeos para este tipo de accións, como lembraban en Muros, onde se manifestaban tamén a prol de autorizar durante todo o ano un número de nasas por barco e tripulantes que non superaran as 30, ata o máximo actual por día e barco. Deste xeito reduciríase en 20 o número de nasas por barco e tripulante cada xornada. @mundiario

Comentarios