Galicia non merece eléctricas de rapiña como Naturgy, antes Gas Natural Fenosa

Francisco Reynés, presidente de Naturgy. / Mundiario
Francisco Reynés, presidente de Naturgy. / Mundiario

O que sucede en Naturgy con exemplos que recolle MUNDIARIO é reflexo do sector. As eléctricas teñen un comportamento prepotente, donas do seu e do dos demáis. Ainda falta por pagar a débeda histórica que teñen as eléctricas con Galicia e nin antes tiveron nin agora teñen un trato  xusto e normal.

Galicia non merece eléctricas de rapiña como Naturgy, antes Gas Natural Fenosa

En novembro do 2018 a Fiscalía no Xulgado do Mercantil número 1 de A Coruña acusou a Unión Fenosa Distribución e Gas Natural – hoxe Naturgy–  de “práctica ilícita e abusiva”  ao emitir facturas en base a estimacións e non a lectura nos contadores e consumo real  de electricidade.  O fiscal asegurou que se facturaba indebidamente por un consumo estimado  e exixía a empresa que puxera fin a esta práctica baixo a posibilidade de multa.

En maio do 2019  Naturgy acepta  para non ir a xuicio unha reclamación dun empresario valenciano que demandou a  empresa –fai anos xa– por sobrefaturación  no subministro de gas natural durante máis dunha década como consecuencia dun contador defectuoso, véndose obrigada a empresa a pagar case medio millón de euros para que o tema non transcendera e sentara precedentes en xuízo. Existiran outros casos similares?

Antes de fin do 2018 Naturgy e outras empresas eléctricas realizaron os cambios de contador clásico – obrigatorios– para un novo contador dixital e que denominaban  “intelixente”. Moitas persoas que tiñan un contador normal que funcionaba ben e da sua propiedade – mercarao o usuario para non pagar alugamento a empresa eléctrica–, desde que realizan o cambio  cóbranlle na factura mensual un cargo por “alugamento de equipos de medida e control” por valor de 0,85 euros/mes e  dicir 10,2 euros/ano. Pode que alguén pense que non é moito, pero multiplicado por miles ou millóns de usuarios no mesmo caso xa representa unha cantidade de centos de miles ou millóns de euros. Ademais o cambio realizouse por interese das empresas eléctrica non para o beneficio dos usuarios que non melloraron ren, vese que era un  un cambio “intelixente” non un contador “intelixente”.

Ante as chamadas telefónicas dos abonados para protestar  por este tema,  dirixían aos afectados a sua oficina de A Coruña para que fixeran a reclamación persoalmente, claro que si un  ten que desplazarse, perder a maña ou o día de traballo, pagar o transporte, a autoestrada o aparcamento... o que sucede é que  moitos acaban desistindo esperando mellor ocasión para reclamar– como me sucedeu persoalmente– mentres Naturgy sigue roubando aos abonados que tiñan en propiedade o contador.

Para quen non o sabía, temos que entender con estas prácticas que as “eléctricas” non son empresas correntes, teñen poder e exérceno, desfrutan de seguridade, impunidade, privilexios e apoios económicos dos gobernos, o que no ocorre noutras pequenas ou medianas empresas. O que sucede en Naturgy con estes tres exemplos é reflexo do sector: teñen un comportamento prepotente, donas do seu e do dos demáis.

Pero os galegos sabemos moito da “mala práctica” da industria eléctrica é en concreto de Naturgy, que nen sequera cotiza no noso territorio e tampouco se expresa en idioma galego, que non se lembra das expropiacións de terreos e asolagamento de decenas de aldeas polos grandes encoros (26 aldeas baixo a auga no tramo dos encoros de Belesar-Os Peares no Rio Miño entre elas Portomarín, Pincelo, Portotide... ), da desaparición de pontes romanas, castros, mámoas e outros monumentos que se inundaron, da perda do equilibrio ecolóxico dos nosos ríos e das especies que nel vivian, dos negativos efectos de eutrofización ou superabonado nas augas...

A “mala práctica” de Naturgy  obligou tamén a que os veciños  de Lalín tiveran que manifestarse polo mal trazado das liñas eléctricas que pretendía atravesar e talar un bosque autóctono.  Que non sabe do difícil ou imposible que é  para a empresa cambiar un poste ou un transformador para ampliar unha pista ou desprazalo  porque está mal ubicado e molesta nunha aldea ou nunha vivenda... Por si fora pouco Naturgy e outras eléctricas seguen plantado muíños eólicos con torres que hoxe superan xa os 100 m no cumio dos montes  sexan ou non da Rede Natura e teña especies protexidas ou non, todo para aumentar a cantidade de electricidade que sae de Galicia e para que estas multinacionais saquen  maior beneficio a costa nosa ...

Con relación ao medio ambiente podíanse citar decenas ou centenares de exemplos da insensibilidade e danos das eléctricas dende a expropiación forzosa e desprazamento de poboación na mina de lignito en Meirama a contaminación da central térmica do mesmo nome de Naturgy e  das Pontes de Endesa, elas dúas emitiron  9,1 millóns de toneladas  de GEI – gases de efecto invernadoiro- no ano 2017  que representaba o 31,7% do total das emisións galegas neses gases e por todas as fontes ( industria, tráfico, servizos, domestico,...). Mesmo podían engadirse outros  moitos problemas  no ambiente causados pola acidificación ou “choiva ácida” da emisión de dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno ao queimar carbón ou as emisións de metais pesados, particulas...  que afectan a nosa saúde.... 

Ainda falta por pagar a débeda histórica que teñen as eléctricas co noso país e nin antes tiveron nin agora teñen un trato  xusto e normal, o trato non é de recibo nin o merecemos. Porqué será? @mundiario

Comentarios