Galicia, gran dimisión?; non, precariedade excluínte

Empresas del polígono de A Grela, en A Coruña / galicianaves.com
Empresas do polígono de A Grela, na Coruña. / galicianaves.com
Existe un problema para acceder a postos de traballo con condicións dignas e estables. A solución pasa por impulsar unha revalorización do traballo, xerando empregos máis estables, seguros e mellor retribuídos.
Galicia, gran dimisión?; non, precariedade excluínte

Levamos un tempo cun debate aberto, totalmente estéril e quizás interesado para ocultar outras eivas, sobre si existe un problema significativo tanto en España como, no noso caso, en Galicia respecto ao número de postos de traballo sen cubrir, así como os factores que o explicarían, o que se está acuñando co termo de “gran dimisión”.  Hai quenes sosteñen que, a pesar de contabilizarse preto de 3 millóns de parados no Estado e máis de 140.000 en Galicia, moitas empresas estarían tendo dificultades para atopar empregados e empregadas que acepten ou se axusten ás condicións ofertadas.

Non obstante, a realidade das cifras dinos que isto non é así. O número de vacantes en España si é certo que amosa unha tendencia crecente nos últimos anos, rexistrándose o valor máximo en 2021, un total de 11.807, dende o comezo da serie en 2014. Aínda así, sendo isto certo, este é un volume moi reducido respecto ao emprego total, cunha porcentaxe de 0,7 puntos, moi por debaixo da media comunitaria, de 2,8 puntos, e aínda máis afastada de valores como os rexistrados en Bélxica, de 4,7, ou o 3,9 de Alemaña. De feito, España é o país coa taxa máis baixa, o 0,7, igual que Grecia. Pero é que Galicia, con 3.731 vacantes no primeiro trimestre deste ano, rexistra unha taxa aínda máis baixa que a do conxunto do Estado, de 0,34 puntos. E a súa evolución non é alcista. No 2014 había 2.492 vacantes, pero é que no 2016, por exemplo, rexistrábanse 4.523 e no 2021, 3.902, cifras por enriba da actual.

Ademais, contrariamente ao que nos intentan facer ver dende determinados estamentos, co obxecto de levantar unha cortina de fume para enmascarar outro termo máis real, a precariedade excluínte, non supón un problema sistémico e estendido, posto que pode ser un problema puntual de determinados territorios, tipos de empresa e sectores de actividade. Madrid, Cataluña Andalucía e a Comunidade valenciana acumulan 78.210 vacantes, o 70% do total. Unha porcentaxe superior ao número de persoas ocupadas que aglutinan estas comunidades autónomas, o 60%. A pesar disto, ningún territorio, nin os nomeados, presenta unha taxa de vacantes preocupante, acadándose o valor máximo en Navarra, do 0,95, moi afastado da media europea e do 4,7 de países como Bélxica. De feito, aínda tomando este valor de Navarra, estaríase entre os tres países coa taxa máis baixa.

Que non se trata dun problema recorrente entre o tecido empresarial tamén o constata o feito de que, segundo a Enquisa Trimestral de Coste Laboral (INE), ata o 95% das empresas españolas enquisadas, o 93,6 en Galicia, declararon non rexistrar vacantes por non necesitar ningún traballador adicional, polo que se pode afirmar taxativamente que non se trata dun problema recorrente entre o tecido empresarial.

A política pública de emprego

Respecto á distribución das vacantes por rama económica, practicamente a metade agrúpanse en actividades cun peso relevante do emprego público: “Administración pública e defensa”, “Seguridade Social Obrigatoria”, “Actividades sanitarias e de servizos sociais” ou “Educación”. Ata o 2021 isto explícase por unhas taxas de cobertura insuficientes, un elevado índice de temporalidade e parcialidade, aumentando a precariedade destes empregos en detrimento da calidade dos servizos públicos. Esta situación comezou a modificarse cos recentes acordos de finais de 2021 e de maio de 2022 entre o Goberno e sindicatos que modificaron a política pública de emprego e que supoñen un xiro importante neste ámbito, aumentando a cobertura de postos e impulsando a súa estabilización.

En canto ás vacantes no sector privado, lonxe de interpretarse por un proceso de renuncia voluntaria dun segmento da poboación traballadora, é a elevada precariedade laboral existente (baixos salarios, excesiva parcialidade, uso abusivo de horas extras, prevención de riscos laborais deficitaria...) un dos principais factores que explican o número de postos sen cubrir, especialmente, en ramas como o comercio, construción ou hostalería, entre outras.

Desacople da formación

Ademais da baixa calidade do emprego, hai outros factores a ter en conta, como o desacople da formación ou cualificación dos traballadores e traballadoras en relación ao que requiren as empresas. Pero de novo aquí os números son teimudos e iso pode estar moi circunscrito a aquelas actividades económicas que esixen competencias dixitais específicas e de recente desenvolvemento.  Pero é preciso apuntar que só un 10% das empresas españolas intentaron contratar a un tecnólogo en 2021 e, delas, unicamente o 2,5% tiveron algún tipo de dificultade para facelo.

De todo isto podemos deducir, e non se trata dunha conclusión nin demagóxica nin tendenciosa, todo o contrario, o que se deduce está respaldado por unha realidade estatística irrefutable que evidencia que o número de vacantes tanto neste país como en Galicia non representa un problema que deba xerar alarma. As causas da eventual falta de persoas dispostas a traballar en determinados empregos son, en termos xerais, alleas á voluntariedade das mesmas. O que realmente existe é un problema significativo para acceder a postos de traballo con condicións dignas e estables. A solución, para UGT, pasa por impulsar unha revalorización do traballo, xerando empregos máis estables, seguros e mellor retribuídos. En definitiva, garantir emprego de calidade para todos e todas que permita afrontar un proxecto vital con dignidade. @mundiario

Comentarios