En Galicia falta millo e sobra eucalipto

Campo de maíz. / Pixabay
Campo de millo. / Pixabay

Cultivar no país é imprescindible para que a poboación se manteña no rural e se beneficie económicamente da venta ou uso dun produto necesario e moi demandado, e sería garantía de manter a paisaxe e o coidado do entorno en toda Galicia. 

En Galicia falta millo e sobra eucalipto

A produción de cereais grao na campaña  actual 2018-19 estimanse en 23,4 millóns de toneladas (t), cantidade insuficiente para cubrir as necesidades do Estado tanto para consumo humanas ou industriais e por enriba de todo para gandería e cría intensiva. Así se desprende alomenos das estimacións do Ministerio de Agricultura, en marzo.

O Ministerio calculaba que precisaría importar 14,58 millóns de t para abastecerse, sendo un dos maiores importadores de millo, cebada, trigo, avea, sorgo... da Unión Europea. Por si fora pouco no Estado non  se produce o que mais se consume que é millo, máis do 34% da produción de cereal é trigo e case o 43% cebada, na campaña 2018/19 terán que importar 9 millóns de t  de millo grao porque so se chega a unha produción de 4 millóns de toneladas.

Moitos preguntarán: como se consume tanto e a onde se destina?. O millo é o compoñente maioritario nos pensos e os cereais son a materia prima  e base para fabricación de pensos  e concentrados para animais. Ademais do millo, están implicados outros cereais e leguminosas, oleaxinosas e compoñentes adicionais, vitaminas e mesmo  en ocasións medicamentos  específicos para un determinado tipo de animal ou etapa concreta do desenvolvemento animal. Aproximadamente o 74% dos cereais  son para pensos, concentrados, fariñas...  que acaban como alimento do gando vacún, porcino, aves, coellos, equino, ovino...  A alimentación humana  require menos do 5% do total, quedando o restante  para utilizar como semente, perdas varias e usos industriais por exemplo bioetanol, combustible  que vai en aumento ano a ano.

Galicia tamén é moi deficitaria de cereal grao, mesmo en maior grado que o que acabamos de relatar. Ten unha produción anual de millo de 113.000 toneladas, 23.700 t de trigo e 1.000 t de cebada , calquera deles moi inferior a demanda, por este motivo importase polos portos galegos  da orde de  3,4 millóns de t  de cereais e fariñas –segundo as Memorias Anuais das Autoridades Portuarias ano 2017–, por A Coruña  1,2 millóns de t, por  Vigo 1,4  e por Marín xunto con  Vilagarcía un total de 800.000 t - . So no porto de Coruña  no ano 2017 o desembarco de millo, cebada, trigo, fariña de colza , soia, pensos e forraxes  supuxo  2.353.145 t  dun tráfico total (petróleo, pesca...) no porto de 15 millóns de toneladas.

A procedencia destes produtos desembarcados en Galicia é moi  diversa: Brasil, Estados Unidos, Canadá, Ucrania, Moldavia...  De sobra é coñecido que países como Estados Unidos ou Brasil son os principais produtores de  alimentos modificados xeneticamente como millo ou soia, xa no 2014 o  82% do millo que exportaba Brasil era transxénico e as importacións de soia e fariñas na case totalidade son transxénicas. Decenas de países cultivan transxénicos altamente produtivos (incluída Ucrania) aos que acompañan abonos e químicos diversos e o “mercado global” logra que  entren sin problema polos Portos do Estado (A Coruña, Vigo...), todo legal. Curiosa e sorprendentemente  permítese a sua entrada  e comercialización  para consumo en animais ou humanos tanto directa como indirectamente, situación debida a permisividade da UE  dada a división que sobre o tema existe en Europa onde non teñen unha postura unánime. Moitos países non permiten cultivar transxénicos  pero si comercializalos, algúns por seguridade sanitaria non queren nin cultivalos nin comercializalos e outros como España, Portugal  permiten cultivar determinados transxénicos como o millo Bt Mon 818  –creado pola multinacional Monsanto– resistente a praga do trade. As multinacionais cada ano que pasa ganan máis térreno pois  a finais do 2017 a UE  xa aprobou a comercialización de 6 novos transxénicos entre eles unha variedade de millo que mesmo poden cultivar agora en Europa.  

O consumo de pensos

As Encuestas Gandeiras do Ministerio de maio do 2018 daban para Galicia 934.900 animais bovinos, sendo o número  de vacas leiteiras  344.289 en  animais de dous ou mais anos.  Considerando que no 2015 xa cada vaca consumía  penso  por un total de 4.302,13 Kg/ano (fonte Ministerio de Agricultura) precisaríanse na actualidade co mesmo consumo un total de 1.481.117 toneladas para alimentar so a cabana gandeira de leite e unha cantidade similar ou maior para alimentar ao gando vacún restante.   Polo que se precisarían da orde de 3 millóns de t de penso para abastecer so a cabana gandeira de vacún en Galicia, quedaría aínda  para alimentar con pensos a 1,2 millón de porcos, aparte de aves, coellos, ovellas, cabalos e outros animais.

A importancia  económica do gasto en pensos é grande nunha explotacións gandeira, por exemplo si os custos directos da alimentación do vacún de leite en Galicia supoñen da orde do 52,03 %  do total  da explotación (ano 2015), os pensos e concentrados significan eles sos o  31,4%. 

A evolución  da superficie cultivada, produción e consumo en Galicia

Superficies de cereal.- A Encuesta sobre superficies e rendementos de cultivos no ano 2018 do Ministerio de Agricultura sinala que temos unha superficie adicada a cereal grao de millo, trigo e centeo de 33.821 ha, mentres no ano 2002 tiñamos 55.542 ha. É dicir en 16 anos a superficie ocupada por tres cereais básicos na alimentación animal e na fabricación de pensos  baixou o 39,1%, é dicir unha media de 2,44%/anual. En cereais grao de inverno  a superficie galega  representa o insignificante 0,2% do Estado.

No ano 1982 a superficie cultivada de millo en Galicia  era 200.000 ha, delas 160.000 ha eran para grao e  40.000 ha para forraxe, e cultivarase no 85%  das explotacións gandeiras. No ano 2016 a superficie adicada a millo era da orde de 86.000 ha das cales 18.478 ha eran para grao e  67.620 ha para forraxe. Dende o ano 1982 ao 2016  perdemos 114.000  ha de cultivo de millo e deuse prioridade ao millo forraxeiro fronte ao grao, cando antes era o revés.

Produción e relación en porcentaxe co Estado.- No ano 1984 a produción galega de millo-grao era de 420.000 t e representaba o 16,6% do Estado, no 2016 a produción era de 142.298 t  e representa so o 3,5%. 

A produción de cereais grao (ano 2016) con relación ao Estado é  insignificante en cereais.  Si o millo representa o 3,5% da produción do Estado, o centeo representa o 2,6%  (5.699 ha  e  10.019 t de grao fronte a 377.355 t no Estado) cando no ano 1962 representaba o 37,8% (con 171.200 t ) e no ano 1983 aínda  chegaba ao 24,7% (con 62.500 t).  O trigo  non chega ao 0,5%  (14.451 ha  e produción de 35.054 t  fronte a máis de  7 millóns no Estado)  e a cebada  e avea  representa menos do 0,01%  da produción total. A produción galega de trigo, avea, millo e centeo diminuíu aínda máis dende o ano 2013 ao 2018 e parece que a tendencia é a seguir baixando.

O forestal  potencia ao eucalipto.- No ano 1984, segundo o Anuario de Estadística Agraria da Consellería, a produción de madeira  de crecemento rápido piñeiros e eucaliptos era de 2,72 millóns de metros cúbicos (m3).  No ano 2017  cortábanse 8,35 millóns de m3 destas especies. Mentres a superficie que ocupaba o eucalipto  no inventario do 1986 era de 38.512 ha en masas puras e preto de 200.000 ha mesturadas con piñeiros e autóctonas, na actualidade estamos en 400.000 has de eucaliptos en masas puras e un total de 600.000 ha  entre masas puras e mistas e sigue avanzando a  extensión ocupando terras de pradeiras, pasto, monte baixo e miles de hectáreas de cultivo (en parte  ilegal sen que pase nada).

Dende a entrada de España no  Mercado Común Europeo no 1986 á década actual  e debido a necesidade de madeira,  transfórmanse  en Galicia polo menos 265.000 ha de superficie agraria útil para outros destinos  principalmente forestal.  A Política Agraria Común, PAC, foi decisiva nesta transformación por mor das axudas forestais a agricultura e fomento de abandono das terras agrícolas, así lentamente diminúe a produción agraria propia (cereais) e poténcianse os recursos forestais  dunhas determinadas especies.

Unha dependencia inxustificable

En definitiva, Europa e España queren que sigamos sendo  unha potencia forestal e unha reserva e almacén de madeira  de baixa calidade e crecemento rápido –sen que importen os incendios e os custos sociais e ecolóxicos asociados– cando temos grandes posibilidades  na madeira de calidade –frondosas autóctonas– e na  produción agrícola  e en concreto de cereais. Convén non esquecer que Galicia foi autosuficiente en alimentación animal  nos anos 60 do século pasado, cando tiñamos unha cabana gandeira de leite e de carne moi superior a actual con máis de un millón de cabezas e  mesmo tiñamos máis  gando equino, ovino e caprino. Hoxe vémonos obrigados a importar produtos alimentarios para fabricar pensos e temos unha dependencia inxustificable.

Orientar a produción  a madeira  destinada a celulosa, papel e taboleiros  so favorece a determinadas empresas como Ence ou Finsa. Importar cereais –transxénicos– como millo, trigo ou cebada doutros continentes  é un despilfarro enerxético,  contaminante e con gran custo  en transporte pero seguro que é un gran negocio  para certas multinacionais como Monsanto e outras do transporte marítimo. Cultivar no país non so é posible, sostible e necesario para que as granxas non diminuían, necesitamos producir leite e carne  pero de calidade e saudable en pastoreo e con produtos naturais e cereais non transxénicos. Cultivar no país é imprescindible  para que a poboación se manteña no rural e se beneficie económicamente da venta ou uso dun produto necesario e demandado, e sería garantía de manter a paisaxe e o coidado do entorno. 

Por qué a política agrícola-forestal que aplica a Xunta é mais forestal que agrícola? Por qué dende a administración potencian máis o eucalipto que os cereais? Por qué dende  1984  se multiplicou por tres a extensión de eucalipto e a produción de madeira (piñeiros e eucaliptos)  e diminuíu por tres a produción de millo e outros cereais, obrigándonos a ser maiores importadores?  Terá algo que ver esta política co peche de explotacións gandeiras, abandono das aldeas e a perda de poboación do rural? @mundiario

Comentarios