Buscar

O Galicia por Diante de Kiko Novoa refresca o verán da Radio Galega

A cantante Sabela Ramil, ex-concursante de OT, estréase nas ondas con ‘Un verán con Sabela’, e a docente Pilar Ponte, coñecida como ‘A Profa’, Premio da Cultura Galega polo seu proxecto ‘21 días co galego’, animará os oíntes a expresarse na lingua propia de Galicia.
O Galicia por Diante de Kiko Novoa refresca o verán da Radio Galega
Kiko Novoa. / Mundiario
Kiko Novoa. / Mundiario

Redacción

Análisis de @mundiario

O programa Galicia por Diante, o gran magazine das mañás da Radio Galega, inaugura hoxe oficialmente o verán, xa que a partir desta semana incorpora novas seccións e novos colaboradores, que cada día, de 11.30 a 12.00 h, xusto antes do espazo ‘A Bóla Extra’, achegarán divertidas e refrescantes propostas para animar  as mañás destes meses de estío.

Grande impacto nas redes sociais xerou o anuncio da colaboración de Pilar Ponte, profesora no IES da Pobra do Caramiñal. Coñecida como ‘A Profa’, foi galardoada co Premio da Cultura Galega 2019 polo proxecto ‘21 días co galego’, co que, desde o centro docente onde imparte clases, anima a mocidade a expresarse en galego durante tres semanas, todo o día e con todo o mundo. Con ‘Curso para neofalantes’, que se ofrecerá os xoves, Ponte empregará un anaquiño da radio pública galega para animar os oíntes a expresarse na nosa lingua. Este labor non só o fará desde os micrófonos da RG, senón  tamén en Twitter, na conta @oespazodaprofa, onde falará da súa colaboración no Galicia por Diante.

O programa dirixido e presentado por Kiko Novoa tamén contará durante este verán coa presenza da coñecida cantante Sabela Ramil, ex-concursante de Operación Triunfo, que os venres porá en antena a sección ‘Un verán con Sabela’.

Para completar estas colaboracións de verán, o programa contará coas voces dos reporteiros Álex Fidalgo, que os luns falará sobre as grandes preguntas que nos facemos nesta época do ano; Fátima Mella, que os martes comentará as películas da súa vida, e Quique Morales, que cada mércores achegará historias relacionadas coa pandemia da Covid-19. @mundiario