Galicia debe prepararse para un novo escenario na configuración das cidades, barrios e rural

Reunión del grupo Galicia 2040. / Mundiario
Reunión del grupo Galicia 2040. / Mundiario
Galicia 2040, un dos grupos do Foro Económico de Galicia, reuniu a unha decena de expertos para que dean resposta aos cambios urbanos.
Galicia debe prepararse para un novo escenario na configuración das cidades, barrios e rural

Esta semana nove localidades galegas de moi diferente tamaño (A Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra, Lugo, Lalín, Tui, As Pontes e Paradela)  veñen de aprobar as súas axendas urbanas e rurais aliñadas a axenda 2030. Un compromiso de planificación estratéxica urbana e territorial sintomático do cambio de modelo que se está a producir na planificación urbanística.

De cara ao 2040, Galicia debe comenzar a prepararse para un escenario novo, no que a vivenda, a mobilidade e o traballo están a mudar radicalmente. Para poder dar unha resposta ás novas dinámicas urbanas, o grupo de traballo Galicia 2040 pertencente ao Foro Económico reuniu este venres a unha decena de expertos das universidades da Coruña, de Santiago, da Universidade politécnica de Madrid e da Universidade de Porto co obxectivo de analizar a planificación do territorio e o sistema de cidades.

A xornada Ordenación do Territorio e Sistemas de Cidades tivo lugar na sede do Consello Económico e Social, en Santiago.

O sociólogo Manuel Docampo, da Universidade de A Coruña, comezou a axenda de traballo coa  estructura territorial do pais e, en especial, a división administrativa actual confrontando a necesidade de plantexar, cara o futuro novos mecanismos de xestión supramunicipais.  A ponencia, baixo o título “A organización do territorio. Sistemas de cooperación, agrupación e aproveitamento de recursos” foi comentada por Antón Baamonde.

O segundo relatorio da mañá presentouno  o enxeñeiro Carlos Nardiz, tamén profesor da Universidade da Coruña, quen reflexionou sobre  “O futuro das infraestruturas. Da mobilidade branda a ocasional”. A ponencia centrouse tanto no eido territorial como no interior das cidades, nun escenario de incertezas sobre os medios de desprazamento da poboación. O comentario foi realizado por Daniel Hermosilla, do Grupo Rodiñas.

Pola tarde, a profesora María José Mantiñán, da Universidade de Santiago de Compostela, centrou a súa intervención nos “Novos modelos residenciais. Cidades, barrios e casas”. A xeógrafa analizou a estructura residencial nas cidades galegas e as súas diferencias co rural, asi como a resposta ao xeito de habitar trala pandemia e o continuo despoboamento de parte de territorio. Este relatorio foi comentado pola profesora Filipa Guerreiro, da Universidade de Porto.

Finalmente, o arquitecto Luciano Alfaya, coordinador da xornada, abordou o futuro da planificación urbana e territorial, centrandose na importancia da planificación estratéxica e a irrupción da Intelixencia Artificial no planeamento urbanístico. 

Galicia 2040 constitúese co obxectivo de proxectar escenarios nos cinco eixos fundamentais de cambio: a dixitalización, os procesos de urbanización, a demografía, os retos medioambientais e o contexto xeoestratéxico.

Xosé Carlos Arias, Domingo Docampo, María Cadaval y José Francisco Armesto, directivos de Galicia 2040. / Mundiario
Xosé Carlos Arias, Domingo Docampo, María Cadaval y José Francisco Armesto, directivos de Galicia 2040. / Mundiario

Galicia 2040 e o Foro Económico de Galicia

O grupo de traballo Galicia 2040 está dirixido polos profesores e membros do Foro Económico Xosé Carlos Arias (Universidade de Vigo), María Cadaval (Universidade de Santiago de Compostela), Domingo Docampo (Universidade de Vigo) e José Francisco Armesto.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica.  Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario

Comentarios