Galicia: Diálogo, proxecto, unidade...

FEIJOO Q
Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario

Os problemas do país semellan reducirse ás xa indisimuladas ambicións madrileñas de Alberto Núñez Feijóo ou ás leas internas das organizacións da oposición.

Galicia: Diálogo, proxecto, unidade...

Galicia navega á deriva, sen rumbo fixo nin horizonte ao que mirar. Disto dá boa conta o feito de que os problemas reais da cidadanía estean desaparecidos da primeira liña da opinión pública galega. Os problemas do país semellan reducirse ás xa indisimuladas ambicións madrileñas de Alberto Núñez Feijóo ou ás leas internas das organizacións da oposición. Unha imaxe negativa da importancia da cidadanía para a política, e na política, que non fai outra cousa ca afondar no enfado social: na desesperanza individual e na decepción colectiva. Un clima que resulta ser a causa principal da debilidade da democracia e da involución de dereitos fundamentais, aínda en marcha e sen aparente freo.

A oportunidade que me ofrece MUNDIARIO de achegarme a vostedes, a partir desta semana, cada 15 días, quero que sirva entón para definir aquí unha paréntese positiva neste camiño, que semella ir, cara ningures.

A miña intención é centrarme nos problemas da xente e, sobre todo, nas solucións. Porque debater as cousas e analizalas en foros de debate sempre é positivo, pero sen propostas políticas de solución e sen unha acción dialogada, coordinada e decidida por estas solucións, o debate por si mesmo non será xamais capaz de levarnos a ningún sitio distinto de onde xa nos atopamos: navegando á deriva e grazas á única forza da inercia das augas.

O meu primeiro artigo quixera que falase sobre como a oposición política de Galicia, no seu conxunto, pode comezar a cambiar as cousas para que, de unha vez por todas, un proxecto político de goberno, alternativo á nada actual gobernante, sexa por fin viable no medio e longo prazos. Unha proposta que se resume nas tres palabras que encabezan este título (diálogo, proxecto, unidade), e cuxo desenvolvemento parte, obrigatoriamente, de recoñecer que a estratexia actualmente en marcha -con décadas de vixencia- non funciona.

Algo non vai ben nun país democrático cando a alternancia política reside non na normalidade senón na excepcionalidade

Algo non vai ben nun país democrático cando a alternancia política reside non na normalidade senón na excepcionalidade. Sobre todo cando, como no caso de Galicia, a oposición en pleno ten asumido que a súa responsabilidade non é só de control do goberno actual, senón tamén de proposta dun proxecto político alternativo capaz de ofrecerlle á cidadanía un horizonte esperanzador polo que pode votar de cara a conseguirmos un futuro mellor para todos/as. Se este é un  obxectivo compartido, e as forzas da oposición teñen demostrado os suficientes puntos en común como para sentarse a falar cando fai falla chegar a acordos puntuais...

Cada organización política ten a ambición e o obxectivo prioritario de ser a forza máis votada, ou tamén, de ter a capacidade de construír unha alternativa de goberno pilotando a mesma.  A fragmentación política existente na dereita (como novidade) e na esquerda, obriga a barallar esta hipótese. Pero dando por suposta esa premisa maior, resulta imprescindible a fortaleza da esquerda para transmitir á cidadanía que sí existe outro modelo de sociedade, outro xeito de facer política baleira de corruptelas e outro modelo de país que antepón o benestar da xente a calquera outro interese partidario.

Que impide elevar esta demostrada capacidade de diálogo a un nivel de ambición maior? Que obstáculo insalvable fai inviable a imprescindible e lóxica ponte de unión que debera existir, dende hai ben tempo, entre todas estas forzas políticas? Porqué, a estas alturas, aínda non vimos un espazo común de diálogo, negociación e cooperación multipartita do que poda saír un Proxecto Común baseado en todos os moitos obxectivos compartidos? Non merece Galicia e a súa cidadanía este esforzo?

Sen dúbida, vivimos nun período de incerteza política e de volatilidade electoral. Pero isto non é máis ca un síntoma da fartura que na cidadanía galega existe por unha política ancorada nas estratexias do pasado. Cambiar este clima social esixe ser valentes e innovar. Ser capaces de renunciar ás estratexias pasadas por outras novas que, esta vez si, sexan capaces de achegar mellores e máis esperanzadores resultados.

Unha nova Galicia onde, dende un proxecto político alternativo plural e compartido, podamos dunha vez enfrontarnos eficazmente aos cinco principais problemas que ameazan ao futuro do noso País: o problema demográfico, o desequilibrio territorial, a falta de competitividade da nosa economía, a desigualdade social e a falta de políticas eficaces para paliala, e a enorme perda de calidade experimentada polos servizos públicos nos últimos lustros (coa xustiza, a sanidade e o ensino, como os máis representativos).

Ogallá este espazo poda servir para mantermos unha conversa construtiva sobre os problemas de Galicia, e para falarmos das solucións que tanto fan falta e que a boa política tanto lles debe.

Lémonos en 15 días. @mundiario

Comentarios