Galicia atópase á cabeza do consumo de prensa de papel, ademais de ser a comunidade que se declara máis informada no referente á actualidade política e tamén a de maior consumo de medios dixitais. Estas son algunhas das conclusións dunha sondaxe de cinco mil mostras presentada este mércores 22 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e elaborada por Metroscopia e a Fundación AXA para o foro independente Xornalismo 2030.

O reitor da USC, Antonio López; a decana do centro, Ana Isabel Rodríguez; o presidente da Fundación AXA, Josep Alonso; o presidente do Foro Xornalismo 2030, Fernando Jáuregui, e o seu director, Sergio Martín, foron os encargados de dar conta dos resultados deste estudo.

Segundo os datos obtidos, Galicia destaca en canto á esixencia de que, para que unha sociedade sexa realmente libre e democrática, existan medios de comunicación de calidade, libres e independentes. Un 91% dos enquisados polo foro Xornalismo 2030 así o cre, unha porcentaxe que se rebaixa algo, ata o 87%, no conxunto de España. Igualmente os galegos e galegas son os primeiros do Estado á hora de opinar que unha ampla diversidade de medios informativos independentes permite detectar e controlar os abusos de órganos ou institucións poderosas, sexan públicos ou privados. Un 86% comparte esta aseveración, fronte ao 77% da media estatal.

A sondaxe evidencia que as persoas galegas se senten mellor informadas (86% fronte ao 83% da media estatal), máis interesados na política do Estado (77 fronte a 69%) e na información local, que é, en todo caso, a que máis atención reclama á cidadanía en España. Tamén existe unha notable distancia no que se refire á lectura de xornais de papel, que é a principal fonte de información para o 46% fronte ao 33% a nivel estatal. “A existencia de xornais de ampla tradición, centenarios, cun importante raizame entre as poboacións en todas as provincias galegas, ten sen dúbida non pouco que ver con este fenómeno, soamente compartido con Castela e León, onde existe igualmente un bo número de periódicos cuxas cabeceiras teñen cen ou máis anos”, relata o documento. Iso explica así mesmo que os e as galegas se decanten nunha porcentaxe notablemente maior polos medios privados fronte aos públicos á hora de informarse, 28 fronte ao 23%, mentres que, a escala estatal, este rumbo trázase á inversa: 21 fronte ao 33%.

 

Público asistente ao acto. / Santi Alvite - USC
Público asistente ao acto. / Santi Alvite - USC

Brecha xeracional

Esta sondaxe, a máis importante realizada en España tras a pandemia, pon de manifesto o crecente interese dos españois e españolas por ter cada día unha mellor información a través da televisión, medios dixitais, redes sociais, radios, e medios de papel, por esta orde; aínda que a maior credibilidade se centrese na radio e os medios escritos. Evidénciase, respecto diso, unha importante brecha xeracional no uso destes medios e na valoración dos mesmos: os máis novos tenden a informarse polas redes, nas que confían moito máis que os seus maiores.

Apréciase nas respostas a procura por parte da mocidade de novas redes sociais, que apenas son utilizadas polos maiores. Un 41% dos galegos usa TikTok, un 57% non o utiliza nunca, e apenas un 23% utiliza Twitch. Un 39% cre que as redes son unha fonte de información “realmente fiable” fronte ao 34% que non o cre así. Un 59% dos enquisados entre 18 e 29 anos mostra gran confianza nas redes, mentres que esta porcentaxe descende ao 28% no caso dos maiores de 65 anos.

Galicia tamén destaca no que se refire á valoración do chamado ‘xornalismo cidadán’: un 69% está de acordo coa afirmación de que “calquera experto nun tema concreto pode informar directamente sobre o mesmo de forma adecuada e comprensible sen necesidade de axuda ou intervención dun xornalista”, fronte ao 15% que o rexeita. Con todo, un 57% cre que “presenciar un feito non converte a ninguén en xornalista, xa que para informar de forma fiable e veraz só un xornalista profesional sabe como contrastar e avaliar informativamente o que ocorre”.

A enquisa, que en Galicia recolleu case trescentas mostras, indica que os galegos se senten bastante ou moi informados, que saben xeralmente detectar as fake news e que están lixeiramente máis dispostos que a xeneralidade dos españois (28 fronte a 24%) á hora de subscribirse a algún diario de papel, dixital ou muro de pago. Tamén mostra este traballo unha actitude crítica fronte á información que reciben: un 56% desconfía de que os medios sexan realmente libres e independentes fronte a un 41% que cre que “sempre ou a maior parte das veces” os medios informan libre e independentemente. Esta crítica esténdese á pregunta acerca de se os medios españois distinguen adecuadamente entre información e opinión: un 68% cre que non, fronte ao 64% que opina o contrario.

En calquera caso, a valoración positiva dos medios aumentou tras a pandemia en relación con sondaxes anteriores elaboradas por Xornalismo 2030. Un 40% dos galegos cre que os medios de comunicación ofrecen, en xeral, unha visión veraz e fiable da vida política e social, mentres que un 35% pensa o contrario. @mundiario