Galicia, co 5,6% das instalacións no comercio de emisións, xera o 12,2% de España

Emisións. / Mundiario
Emisións. / Mundiario

Un ano máis a xeración eléctrica, a refinería, a industria de alúmina- aluminio e a fabricación de ferroaliaxes  son as grandes emisoras de gases de efecto invernadoiro e do cambio climático en Galicia.

Galicia, co 5,6% das instalacións no comercio de emisións, xera o 12,2% de España

En Galicia, as grandes emisoras de gases de efecto invernadoiro e do cambio climático son un ano máis a xeración eléctrica, a refinería, a industria de alúmina- aluminio e a fabricación de ferroaliaxes. Neste mes de xuño  a Oficina Española do Cambio Climático fixo público o Informe  “Análise Global y Sectorial  Ano 2018”, do  comercio de dereitos de emisión da Unión Europea - a data 1 de maio do 2019- . O comercio de dereitos de emisión  é un mecanismo que pretende ser unha ferramenta  imprescindíbel para o control  dos gases de efecto invernadoiro en  sectores da xeración eléctrica, combustión, refinería de petróleo, industria papeleira, férrica, aluminio, ferroaliaxes, química, láctea, madeira... quedando fora deste comercio outros sectores denominados difusos como o transportes, comercio, administración, domestico... 

Na actualidade  no conxunto do Estado o comercio de emisións afecta aproximadamente a 1100 instalacións e ao 38,2 %  das emisións de todos os gases de efecto invernadoiro (GEI) que se emiten por todas as fontes. En Galicia  a situación é algo distinta, pódese considerar que o 50%   das emisións están suxeitas ao comercio de emisións e a metade restante pertencen a sectores non regulados e considerados difusos.  Vexamos.  

a) Comercio de emisións

1. As emisións totais das instalacións fixas reguladas polo comercio de dereitos de emisións no Estado Español foron de 127,37 millóns de toneladas equivalentes de dióxido de carbono (millóns de t CO2-eq). Correspondéndolle a Galicia o 12,2% das emisións totais- equivalente a 15,53 millóns  t CO2-eq, porcentaxe que supera a Cataluña, País Vasco, Comunidade Valenciana... e so está por debaixo das emisións de Andalucía (19,5%) e Asturias (14%).

2. A xeración por carbón -15 instalacións no Estado- emitiu 36,45 millóns de t CO2-eq,  representaban o 28,6% das emisións totais. Galicia con dúas instalacións  As Pontes e Meirama chegaron a emitir 10,18 millóns t CO2-eq, cantidade que representa o 65,5% do total das emisións galegas no comercio de emisións- -ver Táboa I- 

3. Si ben as emisións no Estado diminuíron o 6,6% respecto do ano 2017  algún sector  como o  da xeración eléctrica rexistrou no 2018 un descenso do 15,5% respecto ao ano anterior. Non sucede o mesmo en Galicia que so diminuíu so o 0,9% globalmente e no sector eléctrico entre térmicas de carbón e gas o descenso non chegou ao 6% e incluso menos como sucedeu na central térmica de carbón de As Pontes  que emitía 8,11 millóns de toneladas GEI no 2017 e  7,94 millóns no 2018 e a central térmica de Meirama que pasou de 2,38 millóns a 2,24 millóns no 2018.

4. Centrándonos en  Galicia, destaca o feito de que teñamos o 5,6% das instalacións do comercio de emisións e que ao mesmo tempo as súas emisións representen o 12,2% do total do Estado neste comercio. Situación que se repite dende os anos 90 e moi similar a do ano 2017 que representaba o 11,65% do total. Tamén sorprende   que tan so 12 instalacións  sexan capaces de xerar o 89,3% das emisións do comercio de emisións.

Unha vez máis compróbase que na actualidade  sobra potencia eléctrica e mesmo en vez de poñer a funcionar a pleno rendemento os ciclos combinados a gas, moito mais eficientes e menos contaminantes  que as térmicas de carbón (57% frente ao 33%)   son estas as que máis funcionan mentres están inoperantes ou a moi baixa operatividade os ciclos a gas (baixaron a produción no 2018 case o 19%). As emisións destes últimos representaron o 8,1%  do total , mentres  as térmicas de carbón  alcanzaron o 28,6% .

 En Galicia as dúas centrais de ciclo combinado unha de Naturgy e outra de Endesa so representan  o 2,11% das emisións do comercio de emisións porque apenas funcionaron cando poden competir na produción de electricidade coas centrais de carbón.    

b) Emisións globais

Con relación as emisións globais que comprenden ademais das do  comercio de emisións  as pertencentes  aos  sectores difusos, neste mes de xuño o Ministerio para a Transición Ecolóxica fixo publico o “Avance del Inventario  de Emisiones GEI” correspondentes ao ano 2018  e coñecemos que o Global de GEI alcanza   332,8 millóns de toneladas de CO2 equivalentes en emisións brutas e 295,1 millóns en emisións netas (descontadas absorcións). Como as emisións globais das comunidades autónomas non figuran aínda neste Avance, podo estimar que  as de Galicia  estarán próximas ao 9% do total do Estado.

No Avance  afirmase que o tráfico rodado é o maior  responsable das emisións globais no conxunto do Estado, pero a vista dos datos da Táboa I e II estamos seguros que en Galicia a situación é distinta e aquí son as centrais térmicas de carbón as maiores emisoras de GEI e mesmo mentres no Estado a xeración de electricidade chega a representar o 17% das emisións globais, en Galicia  este sector podería estar representando  o doble do que representa no Estado. Un ano máis a xeración eléctrica, a refinería, a industria de alúmina- aluminio e a fabricación de ferroaliaxes  son as grandes emisoras de gases de efecto invernadoiro e do cambio climático en Galicia. @mundiario

Comentarios