Galicia en 2019, sen motor exterior... ¿e neste 2020?

Vista de la Zona Franca y sede central del Consorcio en la ría de Vigo. / Wikipedia
Vista da Zona Franca e sede central do Consorcio na ría de Vigo. / Wikipedia
Si Galicia medrou por baixo de España en 2019 por culpa da demanda externa, non semella plausible que neste catastrófico 2020 teña unha recesión menos acusada gracias á demanda externa.
Galicia en 2019, sen motor exterior... ¿e neste 2020?

O pasado ano a economía de Galicia medrou de novo por baixo do ritmo ao que o fixo o conxunto da economía española. A razón deste menor crecemento non o atopamos na demanda interna (dos fogares, das administracións públicas ou derivada dos investimentos) senón no comportamento negativo da demanda externa: do motor exterior.

Máis aínda. Galicia non é que teña transitado o ano 2019 sen motor exterior ou cun comportamento neutro do mesmo (cousa que se pode dicir do conxunto da UE), é que ese motor en troques de empurrar estivo a frear o crecemento da nosa economía. Mentres no conxunto de España o motor exterior explica -e suma- a cuarta parte do crecemento total, en Galicia o motor exterior resta a terceira parte do crecemento que poderíamos ter acadado. E así pasamos de medrar tres puntos pola achega da demanda interna a menos de dous en PIB (dous puntos é xusto o ritmo do conxunto de España).

O tan desigual comportamento do motor exterior en ambas economías (España e Galicia) obedece a razóns tanto estruturais como máis conxunturais. O argumento conxuntural é de libro: mentres as exportacións de bens e servizos medraron no 2019 en España (segundo o INE) un 2,6 %, o dato para Galicia que estima o IGE nese indicador é dun - 0,4  %. Tal cousa superponse, e agrava, un problema estrutural de fondo: no conxunto de España o saldo exterior foi positivo nun case 3 % do PIB (INE) en 2019, mentres en Galicia ese saldo foi negativo nun - 4 % do PIB (IGE).

Estas asimetrías entre Galicia e España deben matizarse nunha dobre dirección. Primeiro con que o papel compensatorio da balanza de servizos é moito máis potente no conxunto de España que en Galicia. Pero tamén que mentres o saldo comercial total exterior español é negativo en algo máis de 2 puntos do PIB, para Galicia coexisten dous datos contrapostos: o noso saldo comercial fora de España é positivo case en 4 puntos do PIB, mentres que o noso saldo total (dentro e fora de España) se inverte en negativo (- 4 % do PIB segundo o IGE).

Esa inversión, do que conseguimos fora e dentro de España, converte en moi problemático tanto o noso saldo comercial dentro de España como o noso saldo exterior total en servizos. Dous asuntos sobre os que debera reflexionar moi moito calquera que queira activar nunha estratexia económica en positivo do noso motor exterior, e máis aínda no que debera ser un anovado interese nos mercados de proximidade, dada a problemática das cadeas globais de valor, que están a vir da man desta pandemia do coroavirus.

Exportacións fora de España en 2019 

En ausencia (cousa dramática pero habitual, mesmo agora que tanto se fala de reconstrución ou nova normalidade) dunha estratexia sobre o noso papel comercial dentro de España, ou sobre a nosa sub balanza de servizos, falaremos do que compramos e vendemos fora de España.

Neste vector do motor exterior de Galicia o dato global é tamén preocupante: mentres no conxunto de España as exportacións aínda medraron en 2019 a un ritmo do 1,7 % en Galicia quedaron conxeladas nun 0 % (datos definitivos para 2018 e provisorios para 2019 de Datacomex consultados en febreiro de 2020).

Presentamos nun primeiro gráfico un ranking deste motor exportador fora de España para as distintas Comunidades Autónomas. Galicia situouse nun moi problemático 11º lugar debido sobre todo a regresión das exportacións distintas ós seus dous motores básicos: confección e automoción.

Exportacións.

Fonte: elaboración propia con datos do Ministerio de Industria

Esta parálise global das exportacións de Galicia fora de España non axuda para nada a manter a fortaleza dun saldo comercial favorable co que reducimos o noso non pequeno déficit exterior en bens e servizos. Evitar tal parálise podería conseguirse por dúas vías: facendo que os exportadores amplíen os seus mercados (vender máis e/ou a máis clientes e países) ou ben que aumente o número de empresas que exportan.

Porque Galicia conta cun continxente de empresas exportadoras en España que non está axustado ó noso peso en PIB. Pois temos 7.132 exportadores en 2019, que supoñen o 3,4 % das empresas exportadoras que hai en España. Para acadar o 5,2 % (que é o noso peso en PIB en España) deberamos ter 10.880 exportadores: precisamos incorporar nada menos que 3.750 exportadores máis para superar a fenda exportadora no conxunto de España.

A mala nova neste punto é que no ano 2019 en troques de avanzar nese obxectivo non fixemos senón afastarnos aínda máis. Pois mentres no conxunto de España os exportadores seguiron a medrar nun 2,6% en Galicia diminuíron un – 1,6%. Presentamos nun segundo gráfico este ranking correspondente das Comunidades Autónomas.

Exportacións por comunidades.

Fonte: elaboración propia con datos do Ministerio de Industria

Exportacións e shock do coronavirus en 2020

Cos datos provisorios do primeiro trimestre de 2020 pódese dicir que a evolución das exportacións fora de España agravou a nosa fenda de 2019. Pois mentres en España caen nun – 3 %, en Galicia fano nun – 4,5 % (ver aquí). Con este dato todo semellaría indicar que o motor externo restase no crecemento total de Galicia máis que no do conxunto de España, como vimos de ver que xa sucedeu en 2019. Sorprendentemente non é así.

Porque mentres o INE considera que no comezo de 2020 o crecemento en España xa non se veu apenas favorecido pola demanda externa (dúas décimas nunha caída de - 4,1 puntos de PIB), o IGE imputa á demanda externa unha achega positiva de quince décimas (co que a caída total do PIB galego en - 3,6 puntos sería así menor o de España). O motor exterior pasaría de restar doce décimas en 2019 a sumar quince décimas nestes comezos de 2020, mentres, ao mesmo tempo, se agrava o comportamento exportador a causa do coronavirus.

Todo un enigma: unha achega positiva da demanda externa en Galicia sete veces maior a de España neste comezo de ano, mentres o comportamento das exportacións fora de España está a ser moito peor en Galicia (e o das importacións é moi semellante).

Haberá que estar moi atentos a seguinte revisión dos datos deste primeiro trimestre por parte do IGE. Xa que si Galicia medrou por baixo de España en 2019 por culpa da demanda externa, non semella plausible que neste catastrófico 2020 teña unha recesión menos acusada gracias á demanda externa. @mundiario

Comentarios