Un futuro para Compostela en prata e acibeche

Goretti Sanmartín e Ana Pontón nos talleres de Fink Orfebres. :/ Mundiario
Goretti Sanmartín e Ana Pontón nos talleres de Fink Orfebres. :/ Mundiario
Non é explicábel que unha rúa como a Acibechería, que leva o nome polo gremio que traballaba o acibeche, non teña desde o inicio deste ano 2023 ningún obradoiro dedicado a ese oficio. Algo falla e hai que poñerlle remedio.
Un futuro para Compostela en prata e acibeche

Despois de baixar a rúa da Acibechería e atravesar o Obradoiro bordeando a catedral atopámonos coa Praza das Praterías. A toponimia fálanos dunha cidade en que a ourivaría, o traballo en prata e acibeche, forma parte da súa identidade, da historia, da tradición, mais tamén do futuro. Estas rúas de pedra descubrían, noutrora, pequenos obradoiros en que se tallaban os prezados materiais até dar en pezas magníficas que compoñen un dos tesouros de Compostela. Estamos, sen dúbida, diante da catedral da artesanía. 

O pasado 27 de xaneiro Ana Pontón e mais eu mantivemos unha xuntanza coa Asociación de Ourives de Compostela e, a continuación, visitamos os talleres de Fink Orfebres. Achegámonos, pois, directamente a un sector co que xa mantiveramos desde o BNG de Santiago diversos encontros para nos dar conta da súa proposta de plan estratéxico, algunhas de cuxas reivindicacións levamos ao pleno en 2019 e foron aprobadas por unanimidade da Corporación municipal. A partir de aí iniciouse o traballo que xa deu lugar a unha magna exposición en Fonseca con case 90.000 visitantes e aos traballos preparatorios para que a Escola Mestre Mateo comece impartir, a partir do vindeiro curso, o ciclo medio e superior de Orfebrería e Pratería e o curso de especialización en Ourivaría.    

É este un sector que é un exemplo de aposta por un modelo de cidade e de dinamización económica. Compostela teno todo para se afianzar como catedral da artesanía:

- Un oficio milenario, que ateigou as rúas céntricas de Santiago durante longos anos. Lembremos que na Idade Media existiron até 130 obradoiros de prateiros e acibecheiros arredor da Catedral.

- Artesá(n)s viv@s, de cuxo maxisterio cómpre seguir aprendendo.

- Un sector innovador, con capacidade de se reinventar, do que viven unhas 300 familias. 

- Un atractivo para o turismo partindo dunha especificidade que nos fai singulares e que trae consigo a calidade como selo. 

En resumo, unha potente mestura de historia, cultura, identidade, vangarda e capacidade de promoción económica.

É imprescindíbel un apoio decidido

Mais para que isto sexa unha realidade, para que perdure no tempo, é imprescindíbel un apoio decidido das diferentes administracións. O primeiro, a través da formación, que poida conseguir que a mocidade se achegue a un futuro laboral con esperanzas de poder vivir del. Para o facer posíbel, desde a Asociación apostan pola creación dunha marca de garantía, identificativa daqueles obxectos que se realizan en Compostela, con recoñecemento non só no ámbito local, senón tamén internacional. 

Un segundo obxectivo é conseguir que os obradoiros recuperen as rúas da Cidade histórica. Hoxe fican alí apenas tres ou catro talleres, que foron desprazados para os polígonos industriais (ás veces, máis ben comerciais) do noso territorio.

Non se explica que unha cidade virada para o turismo vexa como pechan os seus obradoiros tradicionais, que serían produto de atracción para visitantes. Non é explicábel que unha rúa como a Acibechería, que leva o nome polo gremio que traballaba o acibeche, non teña desde o inicio deste ano 2023 ningún obradoiro dedicado a ese oficio. Algo falla e hai que poñerlle remedio. Santiago non pode ser a cidade masificada dun turismo de entrar e saír que repara só nas tendas de souvenirs e chatarrería... Compostela ten que ofrecer historia, cultura, tradición e modernidade, elementos fundamentais con que traballa a ourivaría do noso concello.

Santiago foi epicentro da orfebrería a nivel mundial e seguimos a ser unha potencia no sector. Din desde Ourives de Compostela que, con apoio, poderíase triplicar o potencial do gremio en cinco anos. Desde o BNG defendemos que paga a pena o compromiso porque, coa promoción da nosa ourivaría, estase a apoiar un sector puxante, unha produción propia e de calidade. 

Unha iniciativa

Hai tempo que vimos reclamando que o Consorcio (ou a entidade que for) teña os recursos económicos acaídos para se facer con locais da Cidade histórica, co obxectivo de os dedicar, entre outras cuestións, a promover negocios con futuro, quer vinculados á nosa tradición, quer relacionados con nichos específicos da economía circular e apostas innovadoras. Desa iniciativa debería tamén saír o Museo ao vivo que demanda a Asociación e que serviría como atractivo turístico e espazo pedagóxico-educativo. Trátase, para alén de lles mostrar a milleiros de visitantes este tesouro feito coas mans de compostelás e composteláns, de que as escolas e centros de ensino poidan visitar e coñecer como se traballa a prata e o acibeche e nazan, desta maneira, máis orfebres en Compostela, que continúen esta sabedoría milenaria. Para que as técnicas e as prácticas do noso concello se conserven, cómpre tamén gravalas para poder reproducilas no futuro, antes de que sexa demasiado tarde. 

Se valoramos todo o que ten consigo cada unha das pezas seguro que consumimos tamén nós ourivaría de Compostela. Como compostelá(n)s, poucos agasallos poden mostrar con máis forza o orgullo de sermos desta cidade, en poucos casos podemos regalar unha peza que nos identifique tanto e tan ben, nese futuro en prata e acibeche. @mundiario

Comentarios