De fotografías, colores e festas

Xurxo Lobato con su libro Galicia é unha festa. / Mundiario
Xurxo Lobato co seu libro Galicia é unha festa. / Mundiario
Xurxo Lobato acaba de sacar á luz Galicia é unha festa, coa colaboración de Felipe Senén e Omayra Lista, onde plasma unhas corenta celebracións; mellor dito, onde retrata xentes en festa nas terras galegas.
De fotografías, colores e festas

Un fotógrafo é un escritor –e viceversa–, pero tamén historiador, novelista, pintor; quizá ata músico. Artista. Ou fotógrafo, sen máis. E no olimpo da fotografía ten cadeira Xurxo Lobato (A Coruña, 1956). A súa obra é a enciclopedia visual de autor contemporánea de Galicia, con máis de sesenta libros imprescindibles para coñecer o ser desta nosa terra. Acaba de sacar á luz Galicia é unha festa, coa colaboración de Felipe Senén e Omayra Lista, onde plasma unhas corenta celebracións; mellor dito, onde retrata xentes en festa nas terras galegas, cunha especial atención a vinte e oito entroidos, dos de verdade.

Como pinceladas dese magnífico mosaico citarei dúas fotografías que Xurxo Lobato dedica á romaría das mortallas, de Santa Marta de Ribarteme. Na primeira vese, á esquerda, un algo desenfocada, unha muller penitente, de certa idade, enxoita, seria, firme; camiñando de xeonllos cara ao poñente, apoiada nunha vara de pau; cunha camiseta da gama dos morados, unha faldra negra e, por debaixo, un pantalón gris, quizá para evitar feridas, non vaia ser. No estremo dereito deste retrato avanza cara ao observador o corpo, garboso, dunha fermosísima moza cun vestido branco entallado; todo encadrado no muro pétreo da igrexa, como fondo.

Unha segunda fotografía de Xurxo Lobato desta romaxe dos cadaleitos é valleinclanesca. Recolle o intre preciso no que a procesión das mortallas pasa diante dunha caseta de feira, co letreiro “Kiosco Disney” coroado por lámpadas festeiras de cores e con debuxos de Pluto a soñar con cifras de un e dous euros e Donald e Daysi a cortexárense; penduradas dese rótulo, ducias de bolsas transparentes con bonecas, trompetas, tambores, raquetas, pistolas, pelotas, todo plástico; na comitiva desfilan mulleres con cirios con carapucho e unha delas cunha especie de mulido de estética nunca vista; polo primeiro plano cruza nun cadaleito forrado de tea branca unha moza duns trinta e tantos anos, vestida de negro; coa cara a pleno sol, cos ollos pechados; coa man esquerda enriba do peito dirixindo un ventilador a pilas cara ao seu rostro aínda fermoso e cuns labios carnosos entreabertos para respirar o aire fresco. Impresionante: non foi só pasar por alí.

No libro de Xurxo Lobato non faltan celebracións agrarias, históricas, relixiosas e gastronómicas; e aparecen as máis nomeadas da nosa comarca –Festas da Auga, Vikinga, do Albariño, ou do Marisco–. Remata o libro cos protagonistas dos entroidos, de nomes evocadores: volantes de Chantada, danzantes de Cobres, vellaróns de Riós, bonitas de Sande, felos de Maceda ou de Esgos, madamas e galáns de Carzoá, troiteiros de Bande, galos da Mezquita, vergalleiros de Sarreaus, follateiros de Lobios, cigarróns de Verín, boteiros de Vilariño de Conso, xenerais do Ulla, pantallas de Xinzo ou peliqueiros de Laza. Todos con algo en común a desbordar das fotografías: prodigalidade de cores; vestimentas e adornos vermellos, verdes, amarelos, azuis, que anuncian o abandono do vello nunha explosión de colorido asociada á vida, á ledicia. Este libro é unha festa en por sí. @mundiario

Comentarios