Autogoberno e financiamento

Sede de la Xunta de Galicia.
Sede de la Xunta de Galicia.
O dos 200 millóns de euros son a enésima edición da  incapacidade (quizais da falla de vontade)  española para financiar os servizos públicos galegos.
Autogoberno e financiamento

Só poderemos financiar o autogoberno descentralizando o ingreso, de xeito que recademos os nosos impostos, como propuxo o vicepresidente Carlos Mella no 1984 e como propuxeron no seu día Anxo Quintana, Xabier Vence e Ana Pontón.

A ministra de Facenda insultou á nosa  intelixencia co conto paifoco da caducidade dos 200 M€ do IVE do 2017 que o Estado lle adebeda ao noso País. Os dous anos para a liquidación son unha garantía de cobro máximo para a Xunta de Galicia, nunca a caducidade que denuncia a ministra (por certo, non escoitei aínda dende a ineficiente Xunta  esa explicación, a única que integra esta contía nos activos da Facenda Galega).

Certo é que a ministra andaluza faille boa compaña ao presidente Núñez Feijóo no ámbito das proposicións políticas nunca acreditadas, Sonlles as servidumes dos partidos unionistas, dos estatalistas, sempre atentos á propaganda allea e nunca atentos á resolución dos problemas da xente. Porque o dos 200 millóns de euros son a enésima edición da  incapacidade (quizais da falla de vontade)  española para financiar os servizos públicos galegos.

Carlos Mella, vicepresidente da Xunta (1983-1985) propuxo unha reforma do Estatuto para recadarmos os impostos todos, pagándolle unha cota ou “cupo” (como din os vascos) a xeito de compensación dos servizos que desenvolve o Estado no noso territorio. Dicía Mella que cobrar nós os impostos sempre sería unha boa idea. “Primeiro recado e despois pregunto”, dicía o intelixente político estradense. Pola súa banda, o vicepresidente Anxo Quintana (2005-2009)  dicía no 2008 no seu blog “falaconquin”  que o autogoberno “precisaba dun financiamento abondo e o máis automático posíbel, que non fixera depender a calidade dos nosos servizos da decisión unilateral do Estado”.

Tiñan ben máis razón os nosos vicepresidentes Mella e Quintana ca o contemporáneo presidente Núñez Feijóo, que nunca foi quen de definir unha proposta concreta de financiamento do noso autogoberno e nunca ergueu a máis mínima queixa á xestión de Rajoy e Montoro, provedora de servizos públicos galegos infrafinanciados.

Porque non é verdade que o xogo do financiamento autonómico sexa de suma cero: quitarlle a Murcia para lle dar a Catalunya, darlle ás Asturies o que lle pertence á Galicia. Pola contra, vivimos nun moi descentralizado sistema de gasto e xestión que mantén unha moi  grande centralización  do ingreso, canda unha potente recentralización das normativas dos servizos públicos.

Factores todos eles que alicerzan un infrafinanciamento xeralizado da sanidade, educación e servizos sociais que desenvolven as autonomías, mentres hai cartos para fondos estatais que inciden en competencias non estatais (Plans de Vivenda, por exemplo) que obrigan ás Administracións autonómicas a asumir políticas deseñadas dende Madrid no eido das súas propias competencias exclusivas, se queren completar o seu cativo e miserento financiamento. @mundiario

Comentarios