Fenosa pretende atendernos desde Colombia

Francisco  Reynés, presidente de Naturgy. / Mundiario
Francisco Reynés, presidente de Naturgy. / Mundiario
Unión Fenosa Distribución pertence ao Grupo Naturgy, o mesmo que decidiu pechar o antigo Museo de Arte Contemporánea da Coruña e que en 2021 trasladou a Madrid o Centro de Operación de Redes, que tiña a súa sede na nosa cidade.
Fenosa pretende atendernos desde Colombia

Estes días, as traballadoras e traballadores de Teleperformance da Coruña continuaron a se mobilizar en defensa dos seus empregos, ante a pretensión da empresa de que a atención telefónica á clientela de Unión Fenosa Distribución (UFD), que atende as avarías eléctricas e outras incidencias, pase a se realizar dende Colombia.

A propia voceira nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse á Coruña para reunirse coa representación do cadro de persoal e para se comprometer a trasladar as súas reivindicacións ao Concello, ao Parlamento de Galiza e ao Congreso.

O sector das empresas de atención telefónica (Contact Center e Call Center) é unha importante fonte de postos de traballo para a nosa cidade.  Galiza é a terceira comunidade autónoma por número de persoas empregadas neste ámbito (10.000 aproximadamente), das cais arredor da metade desenvolven o seu labor en centros situados na Coruña.  

Porén, o futuro de moitos empregos está ameazado por procesos de deslocalización que tamén provocarán un grave empioramento na calidade do servizo.

O persoal que desempeña o traballo de Unión Fenosa Distribución coñece o noso territorio, o noso idioma, as características da nosa rede eléctrica e do noso modelo de asentamento de poboación.

Vai resolverse unha incidencia coa mesma eficacia explicándolle a un señor de Colombia que hai un problema no tendido eléctrico localizado no lugar de Coruxo de Arriba, Santa Cruz, parroquia de Liáns, Concello de Oleiros?

Pero, ademais, non é de recibo que empresas como as compañías eléctricas, que teñen inxentes beneficios a custa de explotar os nosos recursos naturais, destrúan en Galiza postos de traballo para os localizar noutros territorios.

E que cabe facer para impedir a deslocalización? Pois desde logo o que non cabe é ficar de brazos cruzados. Na moción que defendemos no Pleno do Concello da Coruña propuxemos, entre outras cousas, condicionar o acceso das empresas eléctricas á financiación pública (por exemplo, os Fondos Next Generation) e mesmo o permiso para a instalación de plantas de xeración de electricidade a, entre outros criterios, que os beneficios obtenidos por parte das compañías interesadas teñan un retorno no territorio e que, por tanto, estas se comprometan a manter os postos de traballo existentes e a crear novos empregos. 

O único que se precisa para facer tal cousa é que o Goberno do Estado (PSOE e Unidas Podemos) e a Xunta, en aplicación das súas competencias, teñan vontade política de regular o sector. 

Unión Fenosa Distribución pertence ao Grupo Naturgy, o mesmo que decidiu pechar o antigo Museo de Arte Contemporánea da Coruña e que en 2021 trasladou a Madrid o Centro de Operación de Redes, que tiña a súa sede na nosa cidade.

Castelao dicía que “estamos fartos de ser unha colonia”. Pois iso. E para deixar de o ser temos que facernos valer. Tamén desde o Concello. @mundiario

Comentarios