Feijóo trabucouse cando lle botou en cara ao BNG a investigación penal do conselleiro Fernando Blanco

Fernando Blanco, cos seus avogados. / praza.gal
Fernando Blanco, cos seus avogados. / praza.gal
Non se entende o nerviosismo amosado días pasados polo presidente Núñez Feijóo.
Feijóo trabucouse cando lle botou en cara ao BNG a investigación penal do conselleiro Fernando Blanco

No debate parlamentario do mércores 24-M Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) preguntáronlle ao presidente Núñez Feijóo polos 2 millóns de euros de cartos negros á caixa B do PP presuntamente fornecidos polo PPdeG, segundo a declaración testemuñal do antigo xerente do PP, Luis Bárcenas.

O noso Presidente, revalidando outravolta o seu recoñecido liderado nos deportes  de lle botar a culpa aos demáis e de lle facer oposición á oposición rexeitou respostar aos devanditos inquéritos e, no caso do BNG, respostou dicindo que de catro conselleiros nacionalistas no goberno de coalición 2005-2009 o 25% (é dicir, o conselleiro Fernando Blanco) foi imputado xudicialmente, polo que seica o BNG habería ficar caladiño nos asuntos da corrupción.

Non se entende o nerviosismo amosado días pasados polo presidente Núñez Feijóo. Desfrutando dunha maioría absoluta nidia e poidendo  desenvolver unha axenda de País que amose a utilidade da política galega fronte á inutilidade da política madrileñoespañola, Feijóo atacou gratuitamente ao BNG coa causa penal de Fernando Blanco (2012-2018), cando ésta rematou con todos os pronunciamentos favorábeis a prol do lugués. Porqué estaba Feijóo tan inquedo o 24-M? De calquera xeito a súa mensaxe foi ben mesquina.

Fernando Blanco foi imputado polo Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo en abril 2012 e foi liberado da devandita cualidade (agora  investigado) no outono de 2018. Dende primeiros de 2014 ficou evidente que non había causa ningunha para manter as pescudas penais, polo que a súa defensa (partillada polos despachos do prestixioso avogado galego Evaristo Nogueira e de quen asina ) pediu o sobreseimento da causa.

A xuiza De Lara, instrutora da pescuda penal, adiou estes pedimentos e botou mán de subterfuxios ilegais para non pechar o proceso até o 2018, rematando por desestimar os nosos pedimentos  en xuño dese ano, abrindo por primeira vez dende 2014 a porta para que a Audiencia, estimando o noso recurso, arquivase a investigación en outubro de 2018.

Núñez Feijóo coñecía todo isto e soubo, ademáis, que a xuiza Pilar de Lara foi sancionada con sete meses de suspensión polos ilegais atrasos deste procedemento, entre outros. Velaí que, naquel outono, chamase ao conselleiro Fernando Blanco e lle parabenizase pola boa, malia que adiada,  resolución do caso. É nidio que ningún Presidente de ningún país europeo parabeniza a ninguén que sae con bo suceso dunha investigación criminal se non acredita na súa inocencia e no acerto dunha tal decisión xudicial.

Poucos días antes do 24-M o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) emitiu o informe preceptivo que a lei lle encarga para determinar se Fernando Blanco ten de ser indemnizado polo Estado polo anormal funcionamento da Administración de Xustiza e respostou afirmativamente, considerando que existiron atrasos gravísimos que dilataron moitos anos a única decisión posíbel dende moi axiña para pechar o procedemento: o seu  sobreseimento.

Os avogados e xuristas sabemos da dificultade dun tal informe, mesmo no caso de demoradas investigacións penais e mesmo periodos de sofrimento de medidas cautelares de cárcere preventivo. É moi difícil que o CXPX diga que ninguén ha ser indemnizado por sofrir a pena de banco. Mais fíxoo xa no caso de Fernando Blanco.

Velaí que a resposta na sé parlamentaria de Feijóo o 24-M sexa mesquiña e indigna da persoa que exerce a Presidencia deste País. @mundiario

Feijóo trabucouse cando lle botou en cara ao BNG a investigación penal do conselleiro Fernando Blanco
Comentarios