A Federación de Peñas do Dépor esclarece que non apoiará a ningún candidato

Tino Fernández. / Mundiario
Tino Fernández. / Mundiario

Quer as eleccións ao remate da temporada, e non á finalización do mandato do actual presidente, como si as ten axendadas Tino Fernández. O Deportivo está virtualmente descendido após a vitoria do Levante en Bilbo (1-3), informa Sermos Galiza.

A Federación de Peñas do Dépor esclarece que non apoiará a ningún candidato

O primeiro executivo do clube coruñés, Tino Fernández, desbotou a pasada sexta feira calquera adianto na convocatoria da xunta xeral de accionistas, o marco en que se podería proceder a un relevo da actual equipa directiva.

Para existir un avanzo eleitoral é preciso que alguén reúna previamente 5 por cento do capital social do clube. Nesas anda Miguel Otero, ex presidente da Federación de Peñas e ex conselleiro do CD Lugo. O seu vínculo coas agrupacións de seareiras podería levar a pensar que este colectivo apoia a súa candidatura. Noelia Díaz, a secretaria da Federación de Peñas do Deportivo, négao e reafirma a Sermos Galiza que como colectivo se manterán neutrais. 

"Estamos por que o proceso eleitoral se faga cando conclúa a temporada, iso foi o que acordamos na asemblea que realizamos o domingo. Mais tamén decidimos que non apoiaremos ningunha das candidaturas que se apresenten", dixo Noelia Díaz. 

O colectivo de seareiras deportivistas realizou unha asemblea extraordinaria este domingo, no centro cívico de Os Mallos. Reuníronse por volta de 30 peñas branquiazuis, das 160 que se achan federadas. Acordaron apoiar o avanzo do proceso eleitoral, isto é, que se realice cando remate a temporada e non cando está axendado, á finalización do actual mandato de Tino Fernández, en xaneiro de 2019.

O Barça, líder destacado da clasificación, medirase ao conxunto blanquiazul no Estadio de Riazor o domingo 29 de abril ás 20:45 horas. O choque será retransmitido por Movistar Partidazo. @mundiario

A Federación de Peñas do Dépor esclarece que non apoiará a ningún candidato
Comentarios