O faro de Corrubedo, camiño de se converter en complexo hoteleiro

Faro de Corrubedo. / Turismo de Galicia
Faro de Corrubedo. / Turismo de Galicia

Aínda que o mar siga a bruar nas rochas, as mil historias de naufraxios e de actividade raqueira para aproveitar os baramentos serán simplemente iso: historias. O turismo manda.

O faro de Corrubedo, camiño de se converter en complexo hoteleiro

Hai na provincia da Coruña, senllos recunchos que, vai anos, viron pasar polas súas costas grandes veleiros e pequenos barcos baleeiros, xunto con baxeis de toda caste sempre en rota. Tamén saben de naufraxios e mortes. Son dous pequenos portos teóricamente pesqueiros que dan acubillo a pequenas embarcacións –maioría de gamelas, algunhas dornas, barquiños de fibra e un relembro do pasado como son os "racús"–, ambos os dous situados en paraxes certamente históricas e de grandes atractivos para o turismo. Tamén en ambos os casos, portos sen mariñeiros pero con moitisimos patróns de pesca residentes noutras comunidaded autónomas, especialmente nos País Basco.

Poñamos que falo de Corrubedo, coas súas míticas dunas móveis que perderon altura e base por mor da construción para a que roubaron toneladas e toneladas de area, e Corme, acubillado na Costa da Morte e ó abeiro dun peirao que só albisca o ronsel dos barquiños, poucos, de baixura, e os que levan e traen os mariñeiros xubilados e unha pequena cantidade de persoas que aproveitan o seu tempo de lecer para pescar o que poden,  ou trasladar por mar ata o tamén mítico cabo Roncudo ós percebeiros que non van a el por terra.

Ámbolos dous portos con sona de percebeiros de rouca voz que avisan de que chega a terceira onda que, disque, é a máis perigosa para a integridade destes homes e mulleres que asaltan o castelo de rochas ateigadas de percebes que, para saber ben, han ter o calibre do carallo dun home, a dicir de Modesto, profesional percebeiro brunido polo sol, o vento e os salseiros.

Nos dous casos, cabos dotados de cada en seu faro. Cabos onde brúa o mar e que, no que atinxe a Corrubedo, deu ós habitantes deste pobiño que xa é pobo polo turismo unha fala peculiar pola súa "música", distinta á de Ribeira (capital municipal) ou Palmeira, outra das parroquias ribeirenses con "música" de seu dicir e, nos tres casos, distintas entre sí polo cantar.

Corrubedo ten un faro con raiceiras fondas na historia, onde figura como "facho" e tamén Monte da Atalaia, ós que o Padre Sarmiento se referiu citándoos como Facho Novo e Facho Vello. En ambos os casos, tiveron uso millitar, perdido este no século XVI, consecuencia de seren medios de aviso á poboación da proximidade á costa de buques ou escadras nemigas ás que cumpría vixiar por se viñan con ánimos de ataque ou asalto.

A atalaia de Corrubedo, hoxendía faro sen torreiro, integrouse mediado o século XIX na coñecida coma rede de portos de vixía que arrincaba do veciño Monte Louro (Muros) para enlazar coas atalaias de Rebordiños (neste mesmo concello), Muros (capitalidade municipal), Noia, O Son, Corrubedo e A Covasa (Aguiño-Ribeira), co se daba cobertura á ría de Muros-Noia.

Segundo un informe da Armada era comenente que un faro de primeira categoría tivese como asentamento Fisterra. Este complementaríase  con outros faros incluidos  posteriormente no denominado Plan General de Alumbrado Marítimo de 1847 no que figuraba Corrubedo xunto coas illas Cíes, Cabo Vilán e as illas Sisargas. O maior xeneral da Armada entendía daquela que en cabo Corrubedo tería que colocarse unha luz de terceiro orde destinado a sinalizar a entrada das rías de Arousa e Muros-Noia por mor da perigosidade dos baixos da contorna.

Para o emprazamento da luz, facho ou faro, tívose en conta a altura do outeiro rochoso no que asentaría. Deste xeito, o de Corrubedo pasaba a ser un faro de terceiro orde, ubicado nunha costa baixa e areosa. Precisou dunha alta torre de 13 metros, que a convertía na segunda en altura dos faros de Galicia planificados no devandito ano de 1847, sendo a de Fisterra a primeira.

Este faro de Corrubedo, deitado nas rochas nas que brúa o mar, cuxos bruídos chegaban perfectamente ó pobo aló polos anos 50 do século pasado e que obrigaban a falar en ton máis alto ós habitantes dese lugar no que coñecín a primeira muller  "barbeira" con local de seu situado na rúa que, dende a praia local encara á igrexa, perdeu vai uns anos ó seu derradeiro torreiro. O cesamente deste foi produto da automatización do sinal lumínico que orienta ós navegantes. Agora, ese facho aberto ó mar vai camiño de se converter en complexo hoteleiro dotado dun hotel de 11 cuartos, restaurante, cafetaría, xeladería  e quiosco. Ocuparán a antiga casa do fareiro e o inmoble no que está instalada a serea do faro. Deste xeito, aínda que o mar siga a bruar nas rochas, as mil historias de naufraxios e de actividade raqueira para aproveitar os baramentos serán simplemente iso: historias. O turismo manda. @mundiario

Comentarios