Falta de sensibilidade e menosprezo para cos mariñeiros galegos

Pintura de un marinero en su barco de pesca. / Pixabay
Pintura dun mariñeiro no seu barco de pesca. / Pixabay
Os pescadores de coplas do Ministerio de Sanidade non saben remar en mar aberto.
Falta de sensibilidade e menosprezo para cos mariñeiros galegos

Os pescadores de coplas do Ministerio de Sanidade seica aprenden a usar os seus aparellos de pesca -cana e tanza- nas prácidas augas do estanque do Retiro madrileño onde, con moita dificultade, pode envorcar unha das gamelas que van e veñen no que semella ser unha idílica navegación a remos. Pâra os mariñeiros galegos, "falta de sensibilidade e menosprezo".

Pero os pescadores de verdade, os que saíron a faenar para pescar o que poideron e deste xeito contribuir -xunto cos transportistas- a subministrar peixe aos mercados para que os cidadáns afectados polo encerro obrigado debido ao coronavirus tivesen algo fresco que xantar, saíron e saen ao mar arriscando as súas vidas (ben sei que tamén para dispor dun salario merecido) un día sí e outro tamén, sen que o confinamento os arrede.

Pero o risco aínda foi maior desta vez, porque é doado que nun espazo sempre mínimo como é o do barco, a Covid-19 se espalle e contaxie a todo deus. Isto non é valorado pola ministra de Sanidade, como tampouco o foi polo seu antecesor no cargo. E como non se tivo en conta este labor, agora din -desmentíndose a sí mesmos- que os mariñeiros galegos serán vacinados "cando lles toque e coa vacina que lles toque".

ENGANADOS MALIA A ESPERANZA

Mala mar me deixe, señora ministra, e perdoe que empregue un dito moi mariñeiro dos meus paisanos de Cariño, un porto pesqueiro que sabe de mar, de traballo, de esforzo, como o saben todos os mariñeiros desta España que, coido eu, non merecen esa desconsideración á que se ven sobmetidos desde vai xa máis dun ano e por mor da pandemia.

Galicia ven de ofrecer ao Goberno central a cesión de doses de vacina contra a COVID-19 ao Instituto Social da Mariña (ISM) para que axilice  a vacinación dos tripulantes da frota galega. Non van ter en conta esta oferta, cando o goberno basco xa vacinou ós seus mariñeiros sen agardar a comprensión de Madrid?.

Eu síntome culpable de ter levado ós lectores deste diario un chisco de tranquilidade cando dixen aquí que, aínda que tarde, o Ministerio correspondente asumía a vacinación e que esta sería subministrada en breve. 

CANDO LLES TOQUE

Pois non é tal: a vacina -segundo dixo a conselleira do Mar da Xunta, Rosa Quintana, que se vacinou este venres-  será inoculada ós mariñeiros galegos "cando lles toque e coas vacinas que lles toque", en palabras da propia conselleira, que se referiu así ao dito pola ministra da Sanidade, laiándose Rosa Quintana da súa "falta de sensibilidade e o menosprezo".

Había un acordo, existe un compromiso entre o Goberno central e as comunidades autónomas establecido no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que insiste na unidade de acción como clave para a loita contra a pandemia. Citouse ao ISM para que este facilite os datos necesarios para que o Ministerio de Sanidade afronte con garantías a vacinación do persoal embarcado. Pero agora díse que será "cando lles toque e coa vacina que lles toque". E non é, non, o que se está a vivir realmente, porque o persoal de mar queda unha vez máis marxinado e non o merece.

VAI UN ANO QUE SE INSTOU Á VACINACIÓN

En decembro do ano pasado, e no Consello Xeral do ISM, o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, o lucense Basilio Otero, presentou unha proposta para a vacinación dos mariñeiros. Esta proposta foi apoiada por sindicatos, organizacións profisionais como AETINAPE, e posteriormente por asociacións e agrupacións de armadores de toda España. Tamén houbo resposta afirmativa por parte dos organismos correspondentes do Goberno no mes de marzo pasado. Mais a día de hoxe, a ministra de Sanidade fala de "cando lles toque e coa vacina que lles toque". 

Non está cofirmado, a día de hoxe, cando será; pero sí que se vai  facer coa vacina dunha soa dose. Cando?.  Pois o dito: "Cando lles toque e coa vacina que lles toque".  Evidentemente, os pescadores de coplas do Ministerio de Sanidade non saben remar en mar aberto. @mundiario

   

Comentarios