Falta previsión nos colosos con pes de barro

Coronavirus. / Pixabay
Coronavirus. / Pixabay
Moitos Estados  teñen exceso de soberbia, prepotencia, improvisación... ademáis de falta de preparación e previsión.
Falta previsión nos colosos con pes de barro

A gripe aviar, a  gripe porcina, o Ébola, o virus MERS (Síndrome Respiratorio Agudo Severo)... non serviron para que nos preparásemos  para unha  nova  epidemia ou unha pandemia que podía iniciarse en calquera momento e ter a orixe en calquera punto do globo. Sabíase que isto ia suceder, podía ser outro virus da influenza, un coronavirus  ou calquera outro e todo apunta a que tampouco será o último, o programa americano de vixilancia de virus animais e investigación de pandemias - Predict (USAID) que viu cortado o financiamento con Trump-  descubriu e identificou máis de 2000 virus novos de familias virais que no pasado representaron ameazas para as persoas e que poden seguir representando perigo actualmente. O Programa das Nacións Unidas para o medio ambiente ten claro que cada catro meses descubre unha nova enfermidade animal que pode infectar a humanos.  O que si parece seguro é que a frecuencia destas epidemias vai en aumento igual que as tormentas e non ten sentido reaccionar cando xa está encima, improvisar non é bo, require prepararse antes.

Os virus de orixe zoonótico afectan a humanos causando enfermidades que van desde infeccións leves das vías respiratorias superiores (febre e tos) ate pneumonía, choque séptico, síndrome de distrés respiratorio agudo ou incluso a morte, a mairia dos axentes infecciosos detectados en humanos  ( ate o 70%) proveñen  orixinariamente do mundo animal e canto máis destruímos os ecosistemas  maior risco  de que un virus se transmita aos humanos e o mesmo sucede  co intento de exterminio de especies e coa produción industrial en granxas con animais confinados e estresados.  

En poucos días  descubrimos que países desenvolvidos e grandes potencias (China, Estados Unidos...) non son o que parecen, pretendidamente fortes e poderosos, vólvense fráxiles, treman e desequilíbranse sanitaria, económica e socialmente por culpa dun virus novo de tamaño nanométrico (millonésima parte dun milímetro) para o cal a ciencia e a tecnoloxía non teñen solución. Fronte a  pandemia os gobernos adoptan medidas similares as da epidemia de gripe de hai 100 anos: máis hixiene, prohibición de aglomeracións, menos traslados, corentena e illamento.. so que agora estas medidas están impostas dende o goberno e son obrigatorias. Despois de presumir durante anos de avances científicos, e de grandes éxitos tecnolóxicos, un virus, parasito obrigado, que nin sequera podemos considerar ser vivo-  frea en seco a marcha rápida  dun mundo globalizado. A falta de previsión puxo en risco aos traballadores sanitarios  de primeira liña, desbordou os hospitais evidenciou carencias manifestas e os gobernos non foron capaces de artellar  coordinacións nin a nivel da UE e moito menos de maneira global. 

Vexamos que falla.

Primeiro: China  xa case recuperada,  fallou ao principio porque non escoitou as advertencias médicas iniciais (Li Wenliang) sobre a gravidade do brote infeccioso e silenciou durante semanas o problema, tamén esperou a ter decenas de miles de infectados para alertar a finais de decembro a Organismos Internacionais (OMS). China saltouse en parte as recomendacións para estes casos, xa que cando un novo virus infeccioso se detecta, ábrese unha fase de alerta internacional, que se caracteriza por aumentar a vixilancia e avaliar riscos, si non é unha cepa pandémica,  volvese a normalidade, do contrario  adóptanse rápidas e serias medidas. China é verdade que impermeabilizou e illou a zona pero non pechou nin controlou  fronteiras  con outros países para evitar diseminar o virus – o xaponés Feiji Fukuda, asesor da OMS afirmaba xa no ano 2009, na crise porcina,  que o peche de fronteiras  so ten sentido ao principio dun brote, que razóns existiron logo para que non se fixera e o consentira a OMS ?-. Fai 11 anos, China  pechaba fronteiras e suspendía a chegada de voos procedentes de México,  por medo a que propagara a gripe A do virus H1N1  que orixinara a peste porcina en América, agora  a finais de marzo,  controlado o foco de Wuhan, fixo o mesmo pechou fronteiras pero xa para que non entren infectados do exterior.   

Segundo: Italia, España e outros países europeos  fallaron ao non prever que o virus podía chegar dende China a Europa (gobernar tamén é prever).  A UE durmiuse e non adoptou medidas para protexerse, nun mundo globalizado con miles de turistas e mercadorías movéndose constantemente, a diseminación e propagación dun virus infeccioso  é cuestión de poucos días. A falta de control  con peche de fronteiras tanto da UE como dos países que a compoñen en xaneiro/febreiro trouxo a Italia e España o virus ARN   contaxioso e máis contaxioso aínda pola amplificación co noso modelo de vida,  que sen dúbida ten que ver tamén co orixe do problema en China.  

Cando en Alemaña en xaneiro/febreiro facían medio millón de  test do virus a semana, para illar aos positivos e reducir as posibilidades de contaxio, no Estado Español non se prepararon e a principios de abril so realizan 1/5 dos test rápidos  que facía Alemaña, en Galicia ate o 5 de abril so fixeran un total de 30.000 test. As carencias (lembremos os recortes) foron manifestas en mascarillas, traxes, test, respiradores...  á parte fallos de xestión e falta de preparación xeral e sanitaria para grandes sucesos como este.  Insistían en tranquilizarnos  e aseguraban que tiñamos unha sanidade que respondía (das primeiras do mundo ?). En vez de cercar e impermeabilizar  os principais focos -Madrid-  illando a poboación -como fixeron en Wuhan- o non facelo estendeu o problema e chegou a Galicia.  

O Goberno desbordado acudiu ao mando único, a unidade da patria e a medidas excepcionais centralizadoras. Non entenden a realidade galega e dun plumazo  derruban  a descentralización autonómica e vixíannos militarmente para obrigarnos a  quedar nunha vivenda-prisión onde as mascotas teñen máis liberdade que os nenos. Asi paralizados economicamente, todo, incluída a liberdade e a democracia, queda supeditado a un necesario “ben superior”. Ante o “Prestige” sanitario e social (que logo será económico) o Estado demanda apoio e Galicia acude enviando respiradores e  deixando aberta e a disposición a moi maltratada e mal pagada agrogandeiria e pesca. De novo igual que na guerra somos a despensa alimentaria do Estado con carne, leite e lácteos, peixe, marisco, conservas, froita e produtos agrícolas...

Terceiro: Vietnam, Corea do Sur, Singapur, Taiwán, Cuba, Suecia, Alemaña, Xapón ... adoptaron outras estratexias e formas distintas de combater ao virus e parece que con mellor resultado (preparación previa con Plan de actuación en caso de epidemias, estar en garda, inversión sanitaria previa, activación inmediata e moi cedo do sistema de resposta, illamento de comarcas, rastreo pormenorizado de todas as persoas que estiveran en contacto con infectados para frear os contaxios locais, corentena de viaxeiros primeiro selectiva dependendo do pais de orixe e logo xeneralizada, test de detección de virus, fronteiras pechadas... ) algúns países aprenderon de situacións infecciosas pasadas, sabían que os sucesos repítense antes ou despois  e non é o mesmo que se estea  desprevido que estemos minimamente organizados e preparados antes de que sucedan os acontecementos, pois desta forma non existe marxe de sorpresa e  improvisación e non se dan paus de cego ao actuar. En Galicia sabémolo ben en particular polos desastres ocorridos no mar por petroleiros e buques con mercadorías perigosas, aínda hoxe despois de grandes sinistros non estamos minimamente preparados se acontece un novo sinistro e derrame de contaminante.  

En definitiva, moitos Estados  teñen exceso de soberbia, prepotencia, improvisación... ademáis de falta de preparación e previsión... Quizá para ter práctica aquí Goberno e Xunta  tiñan antes que ensaiar medidas excepcionais con outros problemas tamén de saúde como o cambio climático, incendios, velutina, drogas..., medidas excepcionais locais, comarcais ou xerais que non precisarían por suposto de forma xeneralizada nin corentena, nin illamento , nin peche de empresas, nin exercito , nin perda de liberdade. Baste dicir que a contaminación atmosférica  causa 10.000 mortes/ano en España (OMS), dos cales entre 2-3000 son galegos/as e preto de  7 millóns de persoas no globo morren por esta causa, pero de momento non desbordan os hospitais nin saturan as UCIs. @mundiario

   

Comentarios