Falta de boa gobernanza ao pulso da cidade de Lugo

Lugo. / Google Maps
Lugo. / Google Maps
É asombroso que haxa necesidade de construír vivendas en Lugo, xa que conta con máis de 12.000 vivendas baleiras.
Falta de boa gobernanza ao pulso da cidade de Lugo

Dá pena mágoa, tristura, lástima, pesadume... e final e directamente dor que estexamos gobernados en Lugo (e non é só neste momento) por forzas con pouca forza, valla a redundancia. O contributo neto da falta de boa gobernanza ao pulso da cidade provoca, naqueles que sentimos como noso este vello burgo, un desánimo moi fondo díficil de superar. Non é momento para lembrar desgrazas pasadas no que ao contido monumental da cidade se refere. 

As nostalxias do edificio de Barras, do Gran Teatro, do estafermo ben visíbel do Garañón, do cuartel de San Fernando caendo día a día... non son para hoxe; só lamentamos que de novo e por mor dos poderes (pequenos no mundo pero con mando en praza en Lugo) construtivos a custa do que sexa, asistiremos á erección dun edificio de vivendas na parcela de San Roque coa Ronda, en número e volume que van dar envexa aos máis inclítos devastadores do urbanismo mundial. 

É asombroso que haxa necesidade de construír vivendas en Lugo, xa que conta con máis de 12.000 vivendas baleiras; atopamos case racional que alguén sinta a necesidade de construír e que alguén outro atope que está ben seguir construíndo, e que finalmente os poderes competentes autoricen novas construcións. Non dixo aínda ninguén en que marco de necesidades se inscrebe, en que sostenibilidade enerxética e medioambiental se apoia, en que que política española ou Comunitaria se ampara, pero aí está: proxecto, permiso municipal, plan municipal e sanción de tribunal superior favorábeis á construír. 

Supoñemos que nos anuncios de venda das novas vivendas deberán dicer: con vistas á Muralla (bon, isto os de diante porque as traseiras teñen vistas algo prexudicadas, mais o volume permitido hai que aproveitalo). Dirán tamén «en plena rota da entrada tradicional de Castela á cidade». Poden utilizar así mesmo a porta de san Pedro ou porta toledana (a lonxanía do paso peonil é detalle menor, xa se cambiará) para entrar no casco amurallado porque á parte das vistas tamén é vendíbel que estexa próxima/moi próxima ao centro histórico. 

Non é importante que a liña do edificio sobresaia un pouco do existente na entrada da rúa Montero Ríos. Eses son detalliños de mexeriqueiros. Se o vello soar ocupaba esa superficie ese é o que se debe autorizar en liña. O feito de que o volume multiplique por 5 o anterior edificado é irrelevante. Haberá alguén —pouco avisado— que opine que isto é mostra de actividade económica, mais non se fixan na cantidade de ruínas e abandono que poboan a cidade: no centro, nos bairros e no rural. 

Magníficos edificios mostra dun pasado mellor que este presente van deixando a vida que houbo no seu interior en espera dalgún plan municipal de recuperación, rehabilitación e reutilización das vivendas baleiras. Hai tamén quen pensa —de forma absolutamente utópica— que é posíbel mellorar substancialmente a calidade do hábitat urbano e urbanizábel sen necesidade de destruír parte do existente, nen de nova obra nova. 

A responsabilidade gubernativa é evidente e, neste momento, aos cidadáns só nos queda o lamento. @mundiario

Falta de boa gobernanza ao pulso da cidade de Lugo
Comentarios