Falando de violencia de xénero: máis recursos e menos discursos

Violencia machista. / Pixabay.
Violencia machista. / Pixabay.
O Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial indica que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 até 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021.
Falando de violencia de xénero: máis recursos e menos discursos

Mágoa non estarmos a falar nos medios de comunicación e nas institucións do que nos fai falta para avanzar na loita contra a violencia de xénero. Mágoa que esa non fose tampouco a preocupación do hoxe secretario xeral do PP no Estado español nos 13 anos en que gobernou Galiza, unha etapa en que recortou recursos, favoreceu políticas de discriminación das mulleres e negouse a dedicar o 1% do orzamento a combater a violencia machista, como reiteradamente vén demandando o Bloque Nacionalista Galego.

Porque a violencia machista continúa a petar con forza. Lembremos que os informes falan de que cada oito minutos unha muller no mundo é asasinada por ser muller e o Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial indica que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 até 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021. É, pois, unha evidencia, o incremento dos delitos sexuais, un avance sobre o que non se investigou o suficientemente, sobre todo no referido ás causas de que iso estea a acontecer cada vez máis entre a mocidade e a idades máis temperás.

Por outra parte, é evidente que vivimos tempos de incerteza, no medio dunha situación económica en que a escalada de prezos afecta de maneira moito máis intensa as mulleres, afondando na desigualdade. Segundo a Rede Galega contra a Pobreza no seu recente Informe sobre o estado da pobreza na Galiza hai sobre 678.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social, o 25,2% da poboación. E os fogares monoparentais son dos máis afectados. Cómpre lembrar que o 80% dos fogares monoparentais son levados  por mulleres, e que dentro dese índice o 53,4% son pobres. 

Á preocupación cada vez máis potente polos problemas relacionados coa saúde mental da poboación únese a alarma por unha tormenta infeliz onde se incrementan os índices de pobreza e cobran forza discursos misóxinos e retrógrados, que pretenden rematar cos dereitos e avances conseguidos grazas ao traballo e compromiso do movemento feminista e a forzas políticas que apostaron pola igualdade. Esquécese á mantenta que Galiza foi pioneira a nivel lexislativo cando xa no ano 2007 se aprobaba a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que ampliaba o concepto de violencia de xénero indo máis alá da relación de parella e incluía na definición a violencia física, a violencia psicolóxica, a violencia económica, a violencia sexual, o acoso sexual e o tráfico de mulleres e nenas. Tamén foi relevante a aprobación, naquela altura do chamado “Salario da liberdade”, unha denominación que nunca nos convenceu por completo mais que era a tradución da vontade inequívoca de tentar rematar coa dependencia económica das mulleres. Outros importantes avances institucionais foron a conceptualización dos propios “feminicidios” como tales, pois non hai tanto tempo que o PP negaba que as mulleres fosen asasinadas polo simple feito de seren mulleres, por unha violencia estrutural para a que as administracións non tiñan resposta nin recursos, algo provocado xustamente polo feito de a non recoñeceren como tal. No noso país foi e é tamén moi relevante a  mobilización social, como demostra a resposta aos feminicidios en convocatorias e asistencia, ou as históricas manifestacións feministas. Con todo, somos conscientes de que fica moito por facer e de que estamos nun momento histórico de ameazas de retroceso en materia de igualdade.

A loita contra a violencia machista

Por iso, xulgamos que hoxe hai algunhas cuestións que son as máis relevantes aquí e agora para avanzar na loita contra a violencia machista:

- Dotar de recursos suficientes, sobre todo no referido aos cadros de persoal e de cobertura en todo o territorio, os Centros e Información ás Mulleres. Os CIM son de titularidade municipal, mais a Xunta de Galiza contribúe ao seu financiamento a través de convocatorias anuais en réxime de subvención. Nelas marca unha contía total máxima de axuda de 45.000 euros. Este tope máximo limita o cadro de persoal e os perfís profesionais de que dispoñen a maior parte dos CIM así como o seu orzamento, tal e como sinalou a FEGAMP no seu primeiro Informe sobre a acción dos concellos galegos. A consecuencia é que a maioría dos recursos económicos van dirixidos ao pagamento do persoal –claramente insuficiente e con lagoas moi relevantes na imprescindíbel formación de equipos interdisciplinares– e dos custes de mantemento dos centros mentres que apenas o 5% se destina a accións de prevención e promoción da igualdade.

- Incrementar a formación no ámbito da xustiza, no policial, no sanitario e no educativo, unha formación que é moi recente e non impregnou todas as persoas a que debía chegar. Nin tivo a extensión precisa nin a intensidade debida, por moito que haxa que recoñecer o avance respecto de hai unhas décadas. Infelizmente, igual que hoxe recoñecemos un xulgado en que se usa a nosa lingua polo seu carácter excepcional, tamén son moitas –demasiadas– as sentenzas en que se bota en falta esa formación e de aí que continuemos a esixir ferramentas e recursos que garantan o dereito das mulleres a viviren vidas libres de violencias.

- Mellorar os procedementos e, nese sentido, é fundamental evitar a revitimización da vítima, un aspecto en que se leva traballando desde hai tempo desde o partido xudicial de Santiago e onde xuízas como Ana López Suevos impulsaron unha guía de boas prácticas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza incorporou no ámbito compostelán e que aprobou estender ao resto da Galiza. O obxectivo prioritario deste protocolo de actuación é reducir as ocasións en que as vítimas declinan denunciar, unha decisión motivada en gran parte pola intensa vitimización secundaria a que as somete todo o proceso penal. Non é de recibo, despois de todo o que sabemos sobre o funcionamento psicolóxico da violencia de xénero, o sometemento das mulleres a un novo e constante sufrimento onde non é que non se sintan como as persoas a protexer, senón onde mesmo poden acabarse vendo como culpábeis ou palpando a escasa repercusión práctica do teórico dereito a viviren unha vida digna e libre de violencia. 

- Consignar unha partida superior á actual nos orzamentos anuais da Xunta de Galiza dedicada a facer fronte ás violencias machistas, cuns recursos que non debían ser inferiores ao 1% do conxunto global.

Os cambios necesarios

En definitiva, hai moito onde traballar e deixar os nosos esforzos e, sobre todo, é importante garantir que non fique ningún aspecto lexislativo con posibilidade de diferentes interpretacións, e iso hai que facelo con exactitude e precisión. De seren precisas mudanzas por existiren lagoas nos últimos cambios normativos propostos a nivel estatal, fáganse con celeridade. Mais aplíquense tamén os cambios necesarios para mudar as prioridades políticas e para entender que sempre, mais moito máis nun contexto de crise económica como o actual, cómpre destinar recursos e avanzar apoiando aquilo que demanda o movemento feminista, as persoas que se sitúan na vangarda da análise dos procedementos xurídicos e nas demandas dos concellos, que hoxe teñen que facer fronte a diferentes competencias de ámbito galego ou estatal, para as que carecen de recursos suficientes. @mundiario

Comentarios