Factores diferenciais do 28-a no escenario galego

Alberto Núñez Feijóo y Gonzalo Caballero. / RR SS
Alberto Núñez Feijóo y Gonzalo Caballero. / RR SS

Os socialistas galegos conseguen –por primeira vez dende 1977– a vitoria e o partido liderado por Feijoo resistiu mellor que noutras latitudes a competencia de grupos como Cs e Vox.

Factores diferenciais do 28-a no escenario galego

As eleccións celebradas este 28 de Abril permiten realizar analises desagregadas que nos acheguen as singularidades definitorias dos resultados rexistrados nalgúns territorios. No ámbito galego, hai tres circunstancias relevantes que atinxen ao PSdG - PSOE, ao PPdG e ao galeguismo político.

Os socialistas galegos conseguen –por primeira vez dende 1977– a vitoria (no número de votos e nos escanos) nuns comicios desta natureza.  A pesar de que tiraron proveito dun vento favorábel no conxunto estatal, non se pode descoñecer o mérito asociado a este feito por mor da fortaleza exhibida polas formacións da dereita en todas estas décadas.

Por outra banda, o partido liderado por Feijoo resistiu mellor que noutras latitudes a competencia de grupos como Cs e Vox. Aínda que o presidente da Xunta esaxerou os éxitos propios con falsidades evidentes (afirmando, por exemplo, que Galiza é a única comunidade autónoma na que Vox non obtivo representación), é indiscutíbel que o PPdG ten construído durante moitos anos unha personalidade específica que non sintoniza adecuadamente coa filosofía e as propostas recentralizadoras formuladas por Pablo Casado.

Os fracasos de En Marea (EM) e do BNG, incapaces de obter presenza no Congreso, certifica a coñecida debilidade estrutural do galeguismo, agravada pola xestión duns dirixentes políticos mais preocupados pola disputa da hexemonía no propio espazo que pola necesaria optimización dunha oferta atractiva que fora quen de manter unha presenza referencial no Parlamento do Estado.

A estes efectos, a política galega regresa ao período anterior a 1996, cando –durante 20 anos– non existiu unha representación do nacionalismo galego nas Cortes. A ruptura da converxencia acadada no 2015 –no seo de En Marea– derivou na obtención de 2 escanos por parte de Unidas Podemos (UP), unha forza de ámbito estatal desprovista da compoñente galeguista que posuía hai tres anos.

Cando se pechen as urnas do 26 de Maio, aparecerá no horizonte a cita das eleccións galegas do 2020. Hai algunhas incógnitas de importancia que deberán ser despexadas con anterioridade. Seguirá optando Núñez Feijoo a un novo mandato presidencial? Haberá unha reconversión do espazo actualmente conformado por UP, EM e BNG? Cal sería, no seu caso, esa nova recomposición? Mentres se resolven estas dúbidas, o PSdG-PSOE vai tratar de proxectar as fortalezas acumuladas o 28-A  coa vista posta na residencia de Montepío. @mundiario

Comentarios