Cales poden ser os factores do cambio político en Galicia no ano 2020?

Leiceaga
Xoaquín Fernández Leiceaga con Ana Pontón e Luís Villares.

A esquerda galega obtivo maioría absoluta nas dúas eleccións xerais de 2019, así como nas locais e europeas celebradas este ano. Está por ver se a logra nas próximas autonómicas. O PP observa con seria preocupación o mantemento da Xunta, a cal estará probablemente en xogo o vindeiro setembro de 2020.

Cales poden ser os factores do cambio político en Galicia no ano 2020?

O 2019 foi o peor ano na historia da dereita galega a nivel electoral fóra do ámbito estrictamente autonómico. Así, o PPdeG (AP, ata 1989) rematou cunha imbatibilidade de nada menos que trinta e oito anos gañando todos os comicios celebrados no noso territorio (nas xerais de 1977 e 1979 fixérao a extinta UCD, tamén de centro-dereita), ó ceder o primeiro posto ó PSdeG nas lexislativas do 28-A e nas comunitarias do 26-M. Debemos tamén ter en conta que as dúas únicas vitorias dos conservadores neste ano foron pírricas: municipais do 26-M e as segundas lexislativas de 2019: 10-N.

Consecuentemente, o PP observa con seria preocupación o mantemento da Xunta, a cal estará probablemente en xogo o vindeiro setembro de 2020. Previsiblemente Feijoo, o actual presidente, repetirá como candidato azul. Pola súa banda, a esquerda (representada por PSOE, Galicia en Común, BNG e En Marea) ve opcións realistas de recuperar o executivo por primeira desde a derrota de 2009.

Non obstante, a tarefa de vencer os conservadores será a máis difícil de todas, xa que o PP segue gozando dun gran poder social, económico, mediático e institucional no noso país. E ademais, Feijoo é un dos seus activos electorais máis valiosos. Neste sentido, a media dos galegos outórgalle un aprobado nas diferentes enquisas. Entón, cales son os factores -reais, na actualidade, ou hipotéticos- que poden dar lugar a un cambio de ciclo político en Galicia?

Externos:

1. Que a desaceleración económica no conxunto de España non continúe.

2. Que os Orzamentos do Estado para 2020 sexan beneficiosos para a nosa CC.AA.

3. Que Ciudadanos continúe co seu proceso de afundimento e que VOX perda empuxe demoscópico e non teña tempo de crear unha estrutura máis ou menos sólida en Galicia. Se ningunha destas forzas chega o limiar electoral do 5%, a maioría absoluta do PPdeG perigaría moi claramente.

4. Que o previsible futuro goberno de coalición PSOE-UP goce de boa reputación entre os galegos.

5. Que o conflicto político catalán perda presenza mediática.

Internos:

1. O aproveitamento da sólida representación da esquerda galega a nivel provincial  (o socialismo controla tres das catro deputacións) e municipal (a maioría de concellos son vermellos, e o poder aumenta, en xeral, conforme a poboación é máis numerosa) para facer -ou seguir facendo- políticas que sexan vistas como positivas polos cidadáns.
2. Que o BNG faga valer o seu retorno á Carrera de San Jerónimo para presionar en favor de políticas que sexan vistas por moitos galegos como beneficiosas para os nosos intereses.

3.  A posible desaparición das liortas internas nos partidos galegos de ideoloxía socialista.

4. O maior coñecemento dos líderes da oposición entre os galegos.

5. Que o nacionalismo galego (BNG, En Marea, CxG, Anova-IN e independentes) supere definitivamente o trauma da ruptura de Amio (2012) e se reunifique nunha candidatura de coalición á vez que respecte dentro desta a preeminencia da marca BNG. En Galicia, por motivos sociopolíticos e xurídico-electorais, non hai espazo para unha segunda forza galeguista.

6. Que o soberanismo galego se alonxe de EH-Bildu, CUP e ERC, así como das proclamas en favor da autodeterminación de Galicia, en pro da defensa do aumento do autogoberno.

7. Que as forzas progresistas inclúan máis propostas rexeneracionistas (seguindo o espíritu do Movemento 15-M) e de economía sostible, e non só as xa coñecidas de carácter socialista ou galeguista.

8. O posible emprego en campaña do discurso do medo fronte ao antigaleguismo e forte dereitismo de VOX.

9. Que Más País-Equo (que obtivo en Galicia o pobre resultado dun 1,53%) non se presente en setembro de 2020.

10. Que Gonzalo Caballero -líder do PSdeG- amose unha actitude máis crítica fronte a Ferraz.

Así pois, un ano é moito tempo en política e seguramente non todos estes factores vanse cumprir. Por outra banda, cómpre tamén ter en conta que a media sociolóxica dos galegos é centrista (4,98/10, segundo o CIS de maio de 2015). Por tanto, o enfrontamento entre esquerda e dereita presúmese moi igualado, tal e como amosou a última enquisa de Sondaxe (outubro de 2019), que lle outorgou 36 escanos ao PP máis 2 a Cs (38/75). @mundiario

Comentarios