A expropiación da fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao é legal e moi urxente

Reunión sobre Alcoa. / Xunta
Reunión sobre Alcoa ao comezo da crise. / Xunta

Alcoa decidiu xa pechar a súa fábrica de aluminio primario en San Cibrao e o único xeito de parar esta decisión é a expropiación pública, que han decidir consensuadamente a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado. Esta decisión está abeirada no Dereito estatutario galego, estatal e europeo.

A expropiación da fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao é legal e moi urxente

Alcoa decidiu despedir o venres 9-Ou a 524 dos  traballadores adscritos á fábrica de aluminio primario de San Cibrao e comezar a hibernación das cubas de electrolise da fábrica, o que faría moi difícil a continuidade da factoría no próximo futuro. Velaí a necesidade e absoluta urxencia da súa intervención pública. O profesor Carlos Aymerich (UDC), apréndenos a absoluta conformidade desta intervención pública co Dereito estatal, autonómico e europeo cando o requira o interese xeral. Sen dúbida,  existe este interese xeral  diante do peche da única fábrica de aluminio primario da península Ibérica que, ao tempo, é fulcral para á actividade económica e o emprego da Mariña. De se producir a intervención estatal, a Xunta tería dereito a partillar na administración da empresa pública, consonte co Estatuto de Galicia.

A intervención estatal podería desenvolverse a medio dun Decreto-Lei, por mor da extraordinaria urxencia do caso. Ese Decreto-Lei podería acordar a expropiación da fábrica, suxeita en calquera caso ao pagamento a Alcoa dun xusto prezo. Mais tanto a Xunta como o Goberno do Estado poden incorporar a fábrica ao patrimonio público, quer a medio dunha norma con rango de lei específica, quer acordando a urxente ocupación dos bens a expropiar consonte coa lexislación de expropiación forzosa.

É verdade que o Dereito da Unión Europea ten sido refractario á intervención pública de empresas para evitar as distorsións á libre concorrencia. Mais isto mudou de vez coas reformas normativas aprobadas pola Comisión Europea en abril e maio deste ano, que liberalizan a intervención pública para salvar empresas e recursos esenciais nesta distópica época que estamos a vivir. Estas reformas  foron aproveitadas por Alemaña para intervir Lufthansa e por Italia para nacionalizar Alitalia,

A determinación do xusto prezo non sería eiva para a inmediata ocupación da fábrica e das súas instalacións, mais é evidente a dificultade de que o Estado e a Xunta (que poderían actuar a medio de cadansúas axencias como o SEPI e o IGAPE) desinvistan (probábelmente a prol da empresa angloindia Liberty) antes de saber canto ten que recebir Alcoa como xusto prezo. Éste non habería ser moi superior ao euro que xa a propia Alcoa recoñeceulle a Liberty como prezo de venda en troques de que o adquirente asumise as obrigas laborais, fiscais (incluída a responsabilidade por devolución de axudas públicas no caso de peche ou despedimentos) e ambientais da fábrica.

    Expropiada a fábrica de aluminio, porén, ficaría unha cuestión esencial: garantirlle no tempo a subministración da alúmina que seguirá a fabricar Alcoa na factoría veciña. Mais, como ten sinalado o xornalista José Luis Gómez, editor do noso MUNDIARIO,  a Xunta e o Goberno do Estado teñen dúas poderosas armas para condicionar a decisión de Alcoa: a súa responsabilidade ambiental pola perigosa e case chea balsa de lodos-de 87,42 km2 de cabida- produto do refinamento da alúmina e a súa dependencia do porto e da estrada públicas que usa en exclusividade na súa rendíbel actividade de produción de alúmina. @mundiario

Comentarios