As exportacións galegas consolidan a súa recuperación, segundo o Baexga

Puerto de Vigo. / Mundiario
Puerto de Vigo. / Mundiario
O Barómetro Exportador de Galicia salienta que todos os sectores amosan taxas de crecemento interanuais positivas.
As exportacións galegas consolidan a súa recuperación, segundo o Baexga

Os datos que reflicte o Barómetro Exportador de Galicia (Baexga) correspondentes ao mes de marzo son positivos. As exportacións galegas medran un 61,3% con respecto ao mes de marzo do 2020, un incremento global sen precedentes que se explica polo forte impacto que tivo xa a pandemia no mes de marzo do ano pasado. 

En relación ao conxunto do Estado, Galicia amosa un comportamento máis favorable cun aumento interanual que duplica a cifra estatal, que foi do 29,9%. Esta evolución permite a Galicia situarse a menos de 5 puntos do nivel de exportacións nos doce meses previos á pandemia (marzo de 2019 a febreiro de 2020), mentres que o conxunto do Estado está aínda a máis de 9 puntos. 

Segundo os autores do informe, José Manuel Sánchez e Isabel Novo, os datos sectoriais tamén invitan ao optimismo: por vez primeira dende a pandemia, todos os sectores identificados neste traballo amosan taxas de crecemento interanuais positivas e todos, agás a madeira, avanzan cara ao achegamento aos niveis previos á pandemia.

Un mes máis a automoción -cun aumento interanual do 105,7% e cun peso dun 33,5% no conxunto das exportacións- amósase como a locomotora do comercio exterior galego. A súa fortaleza e competitividade reflíctese en que un ano despois da pandemia se sitúa case un 40% por riba dos niveis previos á Covid-19.

O sector téxtil, que ata o de agora amosaba mes a mes datos negativos, presenta una taxa de variación interanual do 62,1%, o que constitúe un dos datos positivos máis salientables e supón que volve a ser, despois da automoción, o sector cunha maior contribución positiva para as exportacións galegas neste mes de marzo, se ben é certo que sigue que no acumulado a 12 meses sigue aínda moi lonxe do nivel.de exportacións prepandemia (70%).

O sector agroalimentario, presenta menor taxa de crecemento, pero hai que ter en conta que dende o inicio da pandemia foi o que se mantivo máis estable.

A metalurxia experimenta un avance cara a recuperación dos datos pre-pandemia. Cunha taxa interanual do 75,5 %sitúase en niveis do 98,5%, moi preto de acadar os datos pre-Covid.

O sector dos combustibles e bens de equipo que nos últimos meses presentaban unha evolución máis desfavorable, rexistran mellorías aínda que o combustible segue a ser o que se sitúa máis lonxe de acadar os índices pre-pandemia.

O Baexga forma parte do Foro Económico de Galicia, unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega. @mundiario

Comentarios