Expertos do Foro Económico advirten do impacto das transformacións dixitais nas empresas e no emprego

Xuntanza do grupo de traballo do Foro Económico Galicia 2040. / Mundiario
Xuntanza do grupo de traballo do Foro Económico Galicia 2040. / Mundiario
Hai cinco eixos fundamentais para o cambio: demografía, procesos de urbanización, retos medio ambientais, contexto  xeoestratéxico e dixitalización.
Expertos do Foro Económico advirten do impacto das transformacións dixitais nas empresas e no emprego

Expertos do Foro Económico de Galicia consideran que nos próximos vinte anos con seguridade produciranse transformacións tecnolóxicas a unha escala maior do coñecido. A transición dixital, que actuará imbricándose profundamente con outras mutacións, como a medioambiental, impactará con forza na dinámica dos sectores económicos, o comportamento das empresas, e o futuro do emprego.

O grupo de traballo do Foro Económico denominado Galicia 2040 definiu desde un principio como o seu principal obxectivo o de proxectar distintos escenarios posibles para os cinco eixos fundamentais para o cambio: demografía, procesos de urbanización, retos medio ambientais, contexto  xeoestratéxico e dixitalización.

Preguntas chave sobre o estado de dixitalización da economía galega

O grupo Galicia 2040 reuniu este venres a un nutrido grupo de expertos tecnolóxicos para dar resposta ás preguntas chave sobre o estado de dixitalización da economía galega. Nesta sesión debateuse sobre os efectos disruptivos que toda esta transformación pode ter sobre a economía de Galicia, partindo da idea de que recaerán sobre o conxunto dela, pois non serán só os sectores mais avanzados ou tecnoloxicamente sofisticados os implicados polo cambio.

A xornada, que tivo lugar na sede do CES, estivo coordinada polo profesor Fernando Pérez González, da Universidade de Vigo. Deu comezo con Álvaro Gómez Vieitez, consultor e profesor de escolas de negocio, cun relatorio sobre os retos que expón a economía dixital e a capacidade de Galicia para afrontalos. De seguido interveu o director xeral do Centro Tecnolóxico Gradiant, Luís Pérez Freire, cun relatorio sobre os desafíos inmediatos aos que deberá facer fronte Galicia.

Tras estes dous relatorios tivo lugar unha mesa redonda na que participaron outros tres expertos: Javier Tobío, xestor de empresas; Ramón Doallo, catedrático da Universidade de A Coruña, e Antía Fernández López, directora de sistemas intelixentes de Gradiant.

Xosé Carlos Arias, Domingo Docampo, María Cadaval y José Francisco Armesto, directivos de Galicia 2040. / Mundiario

Xosé Carlos Arias, Domingo Docampo, María Cadaval e José Francisco Armesto, directivos de Galicia 2040. / Mundiario

GALICIA 2040

O grupo de traballo Galicia 2040 iniciou a súa andaina no ano 2020 e xa presentou documentos sobre demografía, as dinámicas sobre o envellecemento  e a xestión da sanidade pública.

O equipo está dirixido por Xosé Carlos Arias (Universidade de Vigo), María Cadaval (Universidade de Santiago de Compostela) e Domingo Docampo (Universidade de Vigo) e conta con José Francisco Armesto (Foro Económico de Galicia) como secretario técnico. @mundiario

Comentarios