A expansión da economía galega modérase ao crecer o PIB un 2,8 % en 2018

Foro Económico de Galicia
Foro Económico de Galicia

O crecemento económico foi catro décimas menor que en 2017. Galicia crece a un ritmo superior na comparativa coa economía de España (2,5 %) e coa UE (1,9 %).

A expansión da economía galega modérase ao crecer o PIB un 2,8 % en 2018

Tras crecer un 2,6 % no cuarto trimestre do ano, o PIB galego pechou o ano cun crecemento medio interanual do 2,8 %, catro décimas menos que o ano precedente. A pesar desta ralentización no ritmo de crecemento, Galicia logra superar por terceiro ano consecutivo o avance da economía española, que presenta unha medra do 2,5 %.

Co inicio da recuperación económica, Galicia retoma a senda de converxencia coa UE-28 perdida no período de crise, unha converxencia que se mantén neste momento de ralentización económica. Este mellor comportamento da economía galega mantense tamén na comparativa coa zona comunitaria, que presenta un crecemento dun 1’9 %, ou da zona euro, do 1’8 %.

Galicia presenta no cuarto trimestre do ano unha contracción tanto das exportacións (-1,8 %) como das importacións (-1,4 %), feito que non acontecía dende o primeiro trimestre de 2015. No conxunto do ano, as vendas das empresas galegas ao exterior medraron un 3,4 % en relación ao ano anterior. A diferenza do acontecido no ano anterior, tanto as exportacións como as importacións medran en Galicia por riba do rexistrado no conxunto do Estado (2,2 % e 3,6 %, respectivamente).

O mercado de traballo galego presenta un significativo incremento da ocupación e unha redución do desemprego. A taxa de paro descende ata o 13,3 %, a porcentaxe máis baixa dende o ano 2010 (15,3 %). Por sexto ano consecutivo o mercado de traballo galego presenta unha caída da poboación activa. A diferenza do acontecido no conxunto do Estado, onde a poboación activa racha a súa tendencia descendente iniciada en 2013, a poboación activa galega redúcese no último ano en case cinco mil persoas para situarse en 1.243.500 persoas, unha caída do 0’4 %. Mantense a perda de poboación en Galicia, sendo especial intensa no caso da poboación activa con idades comprendidas entre 25 e 34 anos, con descensos continuados dende o ano 2008. @GaliciaMundiari

Comentarios