Buscar

O exitoso desafío da agricultura ecolóxica galega

A marca Galicia vencellada á marca ecolóxica constitúe unha oportunidade de ouro para dinamizar e prestixiar o noso rural.

O exitoso desafío da agricultura ecolóxica galega
Horticultura ecolóxica. / YouTube
Horticultura ecolóxica. / YouTube

Firma

Xaime Calviño

Xaime Calviño

Consultor de comunicación y periodista.

Hai tempo que dende a nosa axencia de comunicación 360º, Stem by me (http://stem-byme.com/), consideramos a necesidade de artellar unha iniciativa estratéxica e visionaria que previse os retos aos que se enfronta Galicia en calquera eido, dende a saúde e o deporte a educación e á cultura, dende a empresa e a Admnistración á sociedade civil, dende os Millennials aos que chamamos Centennials, ises 346.000 galegos de máis de 75 anos que medraron un 38% no censo deste século.

Así naceu Trendity (http://trendity.es/), un identificador de tendencias institucionais e de consumo que condensa a nosa paixón por detectar o talento agochado polo mundo e importar as mellores solucións, entre outras moitas tarefas.

Unha das primeiras decisións que tomamos foi estruturar un panel cos dez grandes desafíos galegos dos vindeiros anos. Un deles, ao que quero referirme neste texto, ten que ver co esmorecemento socio-económico e demográfico da Galicia interior, o desequilibrio territorial que representa e a necesidade de crear un escenario rural dinámico, innovador, prestixioso e incluso, desculpen o anglicismo, “cool”.

A agricultura ecolóxica concentra todo iso e máis porque, en primeiro lugar, produce valores. Se andamos á procura duns saborosos tomates de tempada sen químicos é que valoramos o benestar que proporciona a calidade e a saúde que confire un proceso absolutamente respectuoso co medio.

A tendencia é imparable e as previsións de crecemento, extraordinarias. Exportacións aparte, o consumo de produtos ecolóxicos medrou un 30% en Galicia no último ano, e o obxectivo en España para 2030 é que o ecolóxico pase do 2% actual ao 20% de todo o consumo interior. Cando a cidadanía se convenza definitivamente de que o feito de meterlle lixo ao corpo estámolo pagando moi caro, tanto nós como os nosos fillos e netos, esixiremos que a normalidade sexa consumir en ecolóxico.

Velaí unha oportunidade de ouro para que esta nova agricultura galega agrome en todo o seu esplendor. Trátase dunha nova agricultura porque non só constitúe unha alternativa de emprego: vai máis aló, falamos dun estilo de vida. A dignificación do traballo e a vertebración do territorio son sinónimos do coñecemento e a innovación que encarnan as xeracións actuais. Actualmente, Ourense e Lugo figuran entre as provincias con maior media de idade de Europa: 50 anos.

Estamos a piques de que o Goberno galego presente públicamente o seu Plan Estratéxico para a Agricultura Ecolóxica, onde seguramente o Consello Regulador da mesma, o CRAEGA, terá un rol fundamental. Aqueles pioneiros da agricultura ecolóxica, que acaban de festexar o seu XX Aniversario, son hoxe moito máis que un selo de calidade: constitúen un piar estratéxico fundamental para o desenvolvemento da Galicia que máis o necesita. @mundiario