DE BOLINA

De ética e de legalidade

El rey Juan Carlos I.
El rey Juan Carlos I.
Circulan informacións sobre o regreso de Juan Carlos I ao que foi o seu reino e vinculan tal retorno ao peche de investigacións sen que, que se saiba, exista ningún tipo de citación, nin remisión de instrución algunha ao tribunal competente.
De ética e de legalidade

Escribir nun medio de comunicación serio supón esixencias éticas fronte aos lectores. Iso non quere dicir que se eliminen discrepancias nin opinións, ou que o que hoxe se afirma mañá se descubra diferente. Digo isto, sabido por todos, porque ó redor da figura de don Juan Carlos de Borbón, que nos últimos anos tanto vén polo Salnés e resulta tan bo navegante -ata eloxiou o andar da Dorna Meca- e excelente comensal, hai, realmente, inexactitudes.

A decisión de volver a España, ou non, é exclusiva, propia, do Rei Juan Carlos. Ninguén pode impedirlle esa viaxe. Iso sí, como figura pública, o seu comportamento é opinable.

Quixera lembrar datos que hoxe son obxectivos, porque xermola a idea de que a súa Maxestade non volve porque a Fiscalía mantén aberta unha investigación e, así, por exemplo, unha axencia de prensa distribuíu unha noticia co desacertado titular “A Fiscala Xeral frustra os plans do rei emérito para un regreso inmediato”. Nesa frase o suxeito é a Fiscala Xeral e o verbo é frustra; ou sexa: afirma que é Dolores Delgado a que fai fracasar o suposto desexo de Juan Carlos I de volver agora a España.

Situación legal

O rei Juan Carlos presentou ao goberno presidido por Mariano Rajoy o 2 de xuño do 2014 unha comunicación que dou lugar á Lei Orgánica 3/2014 para facer efectiva a súa abdicación. Esa lei, de 19 de xuño de 2014 -moi importante fixarse nas datas pola cuestión da inviolabilidade constitucional- transcribe a decisión do rei, con verbas de ritual como as moralizantes das mensaxes de Nadal, e di que fai uns corenta anos asumira o “firme compromiso de servir aos intereses xerais de España”, fala dos avances durante o seu reinado -non convén esquecer o deseño constitucional das súas facultades- e que a súa única ambición “foi e seguirá a ser sempre contribuír a lograr o benestar e o progreso en liberdade de todos os españois”. Usouse o verbo contribuír no senso e cos complementos que se transcriben, pero convén - aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid-, como sempre, acudir ao dicionario. O de castelán pon como primeira acepción dese verbo: “Dito dunha persoa: Dar ou pagar a cota que lle cabe por un imposto ou repartimento”. A segunda acepción do da RAG é “Pagar os impostos”. Esa Lei, como se fose unha dación de conta, no seu artigo único, di que ese Rei abdica. O R.D. 470/2014, decisión política non derrogada, vixente, complementa esta lei e regula os honores que lle corresponden a don Juan Carlos I de Borbón e a dona Sofía de Grecia: nada de eméritos, non existe tal título. Establece que continuarán no uso do nome de Rei e Reina, tratamento de Maxestade e certos honores militares. Tamén se mantivo o seu aforamento xudicial. Posteriormente, o 7 de xuño de 2019, o Rei Juan Carlos I decidiu voluntariamente abandonar calquera función representativa da Casa Real e o Presidente do Goberno suprimiu a súa Secretaría na Casa Real. Esa é a realidade legal, os trasfondos non os coñezo.

Un cidadán, só protocolariamente diferente

Así que desde o 19 de xuño de 2014 Juan Carlos de Borbón, aparte dos honores e tratamentos protocolarios que se indican, ten as obrigas e dereitos de calquera outro cidadán. E segue a ser membro da Casa Real. Sen que existise ningún requirimento xudicial –a diferencia de Valtonyc ou Puigdemont-, pasou libremente a residir nun país árabe, coincidindo coas investigacións da Fiscalía Xeral, polo que se sabe, por unha transferencia bancaria en 2008 a nome dunha Fundación con residencia no Pazo da Zarzuela, emitida polo Ministerio de Finanzas de Arabia Saudí -órgano público, oficial, estranxeiro- por cen millóns de dólares, trasladados no 2012 ás Bahamas, e que no 2018 dou lugar simultaneamente a unha investigación da Fiscalía Suiza, sobreseída porque ese órgano dixo que non foi capaz de demostrar que tal cantidade procedese de comisións derivadas da construción do tren en Arabia Saudí por empresas españolas. A Fiscalía española segue a indagar a orixe deses fondos, doutros depósitos na illa de Jersey, de pasaxes de balde en avión e do uso de tarxetas opacas. Polo medio concorren dúas regularizacións fiscais por uns cinco millóns de euros. Cifras que son as que son.

Descoñezo a vontade filial ou gobernamental de se queren que volva ou non porque a súa estancia nun país árabe non conseguíu que se deixase de falar del, pero, estritamente, desde a legalidade, tanto o fillo como o Goberno carecen de facultade algunha para prohibir ou pretender o regreso de Juan Carlos I. É el, e ninguén máis, quen pode decidir. Iso si: cada cidadán, porque se trata dunha figura pública, pode opinar se debería dar explicacións. A ética é unha cousa e a legalidade outra. @mundiario

De ética e de legalidade
Comentarios