"A estrutura social que sustenta a desigualdade persiste”, segundo a Valedora do Pobo

María Dolores Fernández Galiño. / TVG
María Dolores Fernández Galiño. / TVG
“Cando haberá igualdade? Cando as aspiracións ou as necesidades da muller sexan consideradas do mesmo xeito no dereito, nas políticas públicas, pero tamén na cidadanía, ao mesmo nivel que as aspiracións e as necesidades dos homes”, asevera María Dolores Fernández Galiño.
"A estrutura social que sustenta a desigualdade persiste”, segundo a Valedora do Pobo

A valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño, foi entrevistada por Ana Celia Vázquez no programa ‘Bos días’ da TVG, onde insistiu na importancia do feminismo, como xa fixera nunha entrevista na Radio Galega o pasado martes. A Valedora, que tomou posesión do cargo a semana pasada, afirmou que “a igualdade na lei existe, pero a estrutura social que sustenta a desigualdade persiste”, e que “a loita contra esa desigualdade é unha loita transversal”. “A Valedoría tampouco pode ignorar esa realidade”, engadiu. “Cando haberá igualdade? Cando as aspiracións ou as necesidades da muller sexan consideradas do mesmo xeito no dereito, nas políticas públicas, pero tamén na cidadanía, ao mesmo nivel que as aspiracións e as necesidades dos homes”, aseverou a valedora.

María Dolores Fernández Galiño deu tamén algúns exemplos, falando das desigualdades relacionadas coa ciencia ou a medicina, e contou que “os infartos de miocardio tiñan un protocolo masculinizado, cando unha muller entraba nun servizo de urxencias con infarto (...) como a sintomatoloxía da muller non coincidía a mandaban para casa ao mellor cun diagnostico dunha lumbalxia, e esa muller acababa falecendo dun infarto”. Tamén puxo o exemplo da fibromialxia, “unha enfermidade en que o 90 % das pacientes son mulleres e non está suficientemente estudada”. 

“Asumo o reto coa mirada de traballar no día a día a prol da cidadanía galega para o recoñecemento dos seus dereitos”, explicou María Dolores Fernández Galiño, que agregou que “canta máis fortaleza teña a propia institución a través do seu traballo diario mais eficacia vai a ter”.

María Dolores Fernández Galiñoasegurou que a súa independencia “está garantida constitucionalmente, non temos posibilidade de pertencer a partidos políticos ou sindicatos”, e apuntou: “Non sei actuar doutro modo”. Ademais, afirmou que “os papeis institucionais están absolutamente diferenciados (...), por unha parte está o Parlamento e por outra parte está a Valedoría”. @mundiario

Comentarios