As estratexias para Ferrol aconsellan enmarcar as políticas públicas nun proxecto de futuro

Ría de Ferrol y Mugardos. / J. Chaparro
Ría de Ferrol e Mugardos. / J. Chaparro
Responden ás posibilidades de conformar un acordo sólido, robusto e coherente para a instrumentalización de accións concretas que vaian redefinindo a conformación dun novo espazo económico-social- territorial.
As estratexias para Ferrol aconsellan enmarcar as políticas públicas nun proxecto de futuro

As fortalezas de Ferrol e comarca inclúen os seguintes apartados: a) importante nivel de formación e ampla dispoñibilidade de capital humano; b) as infraestruturas e o transporte; e c) a innovación e internacionalización empresarial. Isto é, son factores positivos, por unha banda, a consideración da existencia dos graos académicos de especialización naval e oceánica proporcionados pola Universidade, así como a estreita colaboración entre Universidade e empresas. Doutro lado, as dotacións de infraestruturas e equipamentos, o desempeño operativo do porto exterior de Ferrol e a dispoñibilidade de parques industriais nas áreas de influencia. Para resaltar, igualmente, a capacidade exportadora e a relevancia de determinadas actividades como a enerxía, as industrias da madeira-forestal, e a metalurxia.

As debilidades afectan negativamente tanto ao crecemento, como á proxección, á credibilidade e ao desenvolvemento socioeconómico, ao provocar unha redución da capacidade de respostas e unha minoración dos niveis de competitividade. Entre os factores que integran os factores de debilidade sitúanse os seguintes. a) a perda de poboación; b) a crecente deslocalización do capital humano; e c) o insuficiente grao de conexión entre a Universidade e os centros de formación profesional.

Nun segundo nivel de debilidade sitúanse a falta de desenvolvemento e as actuacións no que respecta ás normas de plan urbanístico e as deficiencias no concernente á rede de infraestruturas fe- rroviarias e a súa conexión intermodal. Así mesmo, débense incluír indicadores como a reducida actividade dos centros tecnolóxicos e do investimento en I+D+i; para centrarse noutros aspectos igualmente negativos, como os derivados das elevadas porcentaxes de poboación en situacións de risco de pobreza e poboación en risco de exclusión social; a elevada importancia relativa das pres- tacións como principal vía de ingresos; a forte contracción das industrias da construción naval; e a deterioración urbanística da cidade de Ferrol.

A aposta por Navantia e polo crecemento de novos nichos de mercado

Coas oportunidades referímonos a aqueles aspectos esóxenos que mencionan os factores de que os axentes locais se puidesen beneficiar se adoptasen estratexias adecuadas. Entre os ditos factores atópanse algúns relacionados co territorio, as infraestruturas e os equipamentos; e aqueloutros referidos á innovación e internacionalización do tecido produtivo. Entre os primeiros, citaremos os esforzos para avanzar na simplificación administrativa e nas pautas baseadas no crecemento sostido, orientado á rehabilitación, renovación e rexeneración urbana, que propicie un instrumento útil de planificación; nas prioridades ao redor da posta en práctica da conexión por vía férrea ao porto exterior de Ferrol e a redefinición dunha conexión ferroviaria coa cidade da Coruña e co corredor atlántico para o transporte de viaxeiros e de mercadorías. E con respecto aos segundos, débense ter en contas os marcos estratéxicos que permitan apostar polos sectores seguintes: naval/industrias marítimas; enerxías renovables; complexo madeira/forestal. Diso, resulta fácil colixir a aposta por Navantia e polo crecemento de novos nichos de mercado.

Por último, as ameazas son definidas como aqueles factores que inflúen negativamente no desenvolvemento socioeconómico da área de influencia. Compóñenas aspectos referidos tanto ao territorio e ás infraestruturas; á formación do capital humano e á actividade empresarial como ao contexto eco- nómico internacional. Sen ningunha dúbida, a primeira ameaza é a relativa á perda poboacional e o envellecemento da poboación, pois afecta á estrutura demográfica e ás pirámides de poboación; en segundo lugar, emerxe a caída da actividade empresarial e o descenso dos afiliados á Seguridade Social e a evolución da taxa de paro. A isto hai que sumar as negativas percepcións no que atinxe ás infraestruturas ambientais relacionadas co saneamento da ría de Ferrol e as dinámicas de descarbonización que levan á paralización da central térmica das Pontes, xunto coas deficiencias no concernente ás redes de infraestruturas ferroviarias e as súas conexións intermodais. E, no que afecta á actividade empresarial, as principais ameazas están relacionadas con decisións gobernamentais e o relegamento de Ferrol e a súa área de influencia procedentes das actuacións vinculadas á SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) e Navantia no que respecta á industria naval e as auxiliares.

En consecuencia, unha análise das medidas específicas e concretas viría dado por unha aposta concentrada en seis piares.

1. ACTUACIÓNS centradas nas iniciativas e plans estratéxicos das empresas públicas, concretamente Navantia.

1.a) Posta en práctica dun obradoiro de subloques. 1.b) Construción dun dique cuberto. 1.c) Localización en Ferrol do centro de elaboración e produción de programas tecnolóxicos asociados ao funcionamento e aplicación de embarcacións de última xeración. 1.d) Potenciamento da área de Reparacions e Carenas a través da ampliación de novos merca- dos de buques complexos, o tempo que dotar o Asteleiro da Ría das capacidades estruturales necesarias para poder enfocar as devanditas tarefas tanto nos buques de carga de maior capa- cidade que existen hoxendía, coma dos buques de pasaxeiros.

Trátase de alcanzar unha posición de liderado internacional, tanto na construción naval como na reparación de buques. Os programas e obxectivos deben estar incluídos con claridade xunto co orza- mento no Plan estratéxico de Navantia. O obxectivo final é resituar Navantia como un dos elementos tractores no que se refire á capacidade de arrastre de empresas tecnolóxicas con instalación estable na área de influencia de Ferrol.

2. APOSTAS pola diversificación industrial.

2.a) Promover as industrias de enerxía eólica mariña. 2.b) Impulsar a fábrica de Turbinas en tódalas súas capacidades e, en especial, no marco da transformación enerxética cara as tecnoloxías limpas. 2.c) Desenvolver a biomasa.

Trátase de lograr ser un punto de referencia no desenvolvemento de novas actividades industriais, xa sexa na súa especialización na fabricación de turbinas (para centrais nucleares, térmicas e in- dustriais) como no desenvolvemento de xeradores de equipos electrónicos e de propulsión, rotores para os xeradores eólicos e a construción de soportes fixos ou flotantes dos equipos eólicos mariños.

Dadas as altas capacidades de fabricación e prestación de servizos nos mecanizados de precisión, está perfectamente situado para acometer novos proxectos de enerxías limpas. Así mesmo, está pendente a oportunidade de aproveitamento da biomasa, unha vez definido o Plan nacional integrado de enerxía e clima (PNIEC 20121-2030) . É ben sabido que a xeración de enerxía a partir da biomasa é un dos obxectivos clave do Goberno español que pretende pasar dos 600 MW de 2020, aos 1400 MW, en 2030. Neste sentido, as novas plantas requirirán de turbinas específicas que abren grandes oportunida- des para ser ofertados desde as empresas e centros localizados en Ferrol.

3. COMPROMISOS pola transición enerxética e defensa de enerxías sustentables.

3.a) Aproveitamento de todos os nichos de mercado ligados ao GNL (gas natural licuado). 3.b) Re-definición dos espazos e as actividades vinculados ao peche da Central Térmica das Pontes de García Rodríguez. 3.c) Afianzamento dos proxectos para a utilización do hidróxeno verde como alternativa enerxética.

Trátase de levar a cabo un proceso de descarbonización presentando ao mesmo tempo un panel de alternativas substituíbles que minoren os custos da substitución dunha subministración enerxética por outras vías. Busca combinar as garantías de subministración e independencia coa sustentabilidade. Es- taría formulada de cara a evitar unha descapitalización paulatina da industria local e as súas auxiliares por unha aposta por outros modos de enerxías, para favorecer o impulso da investigación e programas tecnolóxicos.

4. APROVEITAMENTOS da potencialidade do Porto Exterior.

4.a) Accións para incrementar e captar mercadoría contedorizada. 4.b) Desenvolvemento dun centro loxístico e de redistribución de fluxos industriais e alimentarios. 4.c) Optimización do recinto portuario con centros de reparacións navais, aproveitando a si- tuación xeográfica e a conxunción das liñas marítimas norte/sur e leste/oeste.

Búscase converter a área marítima de Ferrol nun polo marítimo de referencia, que sirva de base para lograr economías de escala e de aglomeración que permitan reforzar, por unha banda, a especialización das cargas e o tráfico; e doutra banda, alcanzar maiores incrementos dos niveis de conectividade marí- tima que permitan converter o recinto portuario nun auténtico gateway para as empresas do entorno e nun porto feeder para as compañías navieiras.

5. ADECUACIÓNS dun sistema de infraestruturas de comunicación que permita aumentar os niveis de accesibilidade e desenvolvemento da intermodalidade.

5.a) Extensión do Corredor Atlántico Europeo ata Ferrol, e incorporalo na proposta de Regu- lamento polo que se establece o Mecanismo «Conectar Europa». 5.b) Facilitar a multimodalidade, mediante a multiplicación dos modos de transporte utilizados polos cidadáns. 5.c) Potenciación das plataformas loxísticas que permitan favorecer a capacidade de se inte- grar ás empresas asentadas na área de influencia de Ferrol, nas redes e cadeas complexas (in- cluídas as TIC), co obxecto de alcanzar unha maior flexibilidade e integración internacional.

Búscase superar os factores críticos para o desenvolvemento da zona, cuxos principais freos se ma- nifestan polas perdas de competitividade derivadas dos déficits de accesibilidade e conectividade. Requírense, por tanto, apostas inmediatas respecto de transportes rápidos e flexibles que permitan o acceso sen exclusión, sustentables en termos medioambientais, e con amplas infraestruturas que eliminen as históricas formulacións ríxidas e pouco flexibles. As principais actuacións estarían en- camiñadas a permitir ampliar as conexións tanto de cidadáns como de mercadorías, cara ás cidades próximas e a inserirse nas redes ferroviarias para aproveitar as sinerxías positivas das relacións ferro-portuarias.

6. Unha maior cooperación coa UNIVERSIDADE

6.a) Favorecer e impulsar proxectos de investigación relacionados coas actividades industriais e de servizos, axustados e condicionados coa situación actual, que sexan emerxentes e de fu- turo vinculados coas novas tecnoloxías de última xeración. 6.b) Impulsar unha colaboración público-privada máis intensa desde o campus universitario, a través dos axentes locais e comarcais, así como coas grandes empresas internacionais. 6.c) Constituír un Centro Tecnolóxico capaz de reforzar as políticas comerciais das industrias e empresas localizadas na zona, así como impulsar e incentivar a constitución de consorcios particulares de cara a estreitar os lazos de cooperación entre as empresas públicas e privadas na definición e posta en marcha de accións individualizadas e procesos tecnolóxicos concretos.

Promove as distintas opcións de colaboración institucional e empresarial ao redor da investigación, innovación e desenvolvemento daquelas actividades relacionadas coas potencialidades do contorno. A base das actuacións pivotaría sobre as novas apostas innovadoras, os procesos de fabricación, os niveis de especialización dos consorcios, e as relacións internacionais. Unha primeira acción sería a de favorecer as actividades vinculadas ao Clúster de Defensa.

Hacia un acordo sólido, robusto e coherente

En suma, as estratexias para Ferrol e a súa área de influencia responden ás posibilidades de conformar un acordo sólido, robusto e coherente para a instrumentalización de accións concretas que, paso a paso, vaian redefinindo a conformación dun novo espazo económico-social- territorial, o suficientemente dinámico e flexible, que sexa capaz de reverter unha situación anterior caracterizada por unha inercia pasiva e dependente.

Agora, co coñecemento máis cabal da realidade e cunha experiencia máis ampla do acontecido no pasado máis próximo, é posible levar a cabo a exposición de novas liñas de actuacións, de presentar novos instrumentos de colaboración e, sobre todo, enmarcar as políticas públicas nun proxecto de futuro. @mundiario

Comentarios