“Estarei en Galicia ata o 2020 como mínimo”, di Feijóo na Radio Galega

Alberto Núñez Feijóo. / RG
Alberto Núñez Feijóo. / RG

O presidente da Xunta pide que lle “deixen respirar” para decidir se opta ou non a un cuarto mandato. Por outra banda, Feijóo entende que se Pedro Sánchez esgota a lexislatura “hai tempo para pactar un sistema de financiamento”.

“Estarei en Galicia ata o 2020 como mínimo”, di Feijóo na Radio Galega

O presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ratifica no espazo A Entrevista da Radio Galega que permanecerá en Galicia, como mínimo, ata o remate da actual lexislatura galega. “Por se os galegos teñen algunha dúbida, dado que hai algún galego -sobre todo da oposición- que tiña dúbidas, dixen e digo, que eu estarei en Galicia ata o ano 2020 como mínimo”, asegurou. Cuestionado por se estuda a posibilidade de se presentar a un cuarto mandato, Núñez Feijóo pediu marxe. “Neste momento, de verdade, eu lle pido a vostede e aos seus compañeiros, pois que me deixen respirar un pouco”, aseguraba ao tempo que engadía que “a verdade é que aínda estamos cos efectos secundarios da candidatura á presidencia do Goberno”. 

Núñez Feijóo asegurou que á hora de renunciar á sucesión de Rajoy pesou sobre todo “o cumprimento da palabra dada”, “a coherencia” . Recoñeceu que tardou en tomar a decisión porque lle “sorprendeu o número de persoas e de cargos do partido que pensaban que debía asumir a responsabilidade” de presentarse a presidente do Partido Popular de España”.  “Non foi fácil porque tiven que dicirlles a moitos compañeiros que non”, recoñeceu para logo indicar que “tampouco oculto que houbo unha impronta “mediática” madrileña que sacaban enquisas, sacaba valoracións, artigos de opinión...” e que el é “unha persoa reflexiva cando é unha cuestión importante”. Insistiu en que “a idea matriz, do sentimento do compromiso con Galicia se mantivo dende o primeiro instante ata o final”.

O rango de Galicia

O líder do PPdeG e presidente da Xunta insiste en que “se os vascos e os cataláns non admitiría esa fuxida nun prazo de dez días, non entendo por que pode haber dúbidas de que o presidente da de Galicia non se comporte como o lehendakari vasco ou o presidente da Generalitat de Cataluña”. Acto seguido dixo que “é certo que eu non son nacionalista, é certo que eu creo no proxecto nacional para o meu país, para España, pero iso non significa que a Xunta de Galicia sexa unha institución de menor rango institucional que a presidencia da Generalitat ou a presidencia de Euskadi”.

Ante o proceso interno do Partido Popular cuxa campaña arrincaba oficialmente este sábado, o líder dos populares galegos evitou posicionarse sobre os candidatos e candidatas. Dixo que vai ser “moi respectuoso coas urnas e os compromisarios galegos e sobre todo os votantes galegos para o día 4 de xullo teñen que votar en conciencia, o que crean que é mellor para o Partido Popular. En primeiro lugar, imos elixir o presidente do partido e en segundo lugar, e por esta orde, despois o que cren que pode ser mellor candidato á presidencia do Goberno”. 

Para Núñez Feijóo, “se non hai partido que funcione, a candidatura á presidencia do Goberno será unha candidatura débil”. Se pola contra, se fortalece “amplía o espectro de votantes”, di o líder dos populares galegos, “teremos boa candidatura á presidencia de España”. 

Entre os obxectivos fixa a recuperación dos votos perdidos e pon como meta o “teito electoral do ano 2011”. Para o líder do PPdeG, o obxectivo é que haxa “unha persoa que una ao partido, que lidere ese partido” e “que o partido o acepte como líder”. 

Eleccións á vista

Alberto Núñez Feijóo considera “moi importantes” as locais do ano que vén para o PPdeG, porque “queremos subir”.  E  di agardar que os electores teñan en conta que, na súa opinión, o PPdeG pon o interese dos galegos por riba de calquera outro. Nesa liña, o presidente dos populares galegos aventurou que “o mito na democracia das Mareas de Podemos é un mito absolutamente descuberto” e que “Podemos como partido e as Mareas de Podemos é unha constante crise semanal”. Por iso, dixo, “se somos capaces de explicalo e somos capaces de facer o relato axeitado e presentar unha alternativa ilusionante, eu espero que os galegos nos devolvan deputacións, cidades e moitos concellos”. 

Ante unha eventual crise de Goberno na Xunta pola saída de conselleiros e conselleiras para concorrer ás municipais, Núñez Feijóo dixo que non caso de que houbese que facela ser faría e que será potestade do presidente facelo cando o considere “oportuno” pero que en todo caso “imos continuar nas mesmas políticas”.

O novo Goberno de España

O presidente da Xunta asegura na Radio Galega que non lle pedirá ó presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nin máis nin menos que lle pediu a Mariano Rajoy  e ao seu Goberno para o cumprimento dos prazos do AVE a Galicia. “Iso sen entrar nas críticas que tiven no Parlamento de Galicia porque pensaba o Partido Socialista e a oposición que o tren podía estar, se o Goberno quixera, antes do 2019”, afirmaba ao tempo que engadiu que “eu xa non lle vou a pedir ao Goberno socialista o que non lle pedín ao Goberno do Partido Popular. Eu son o presidente dos galegos con independencia do goberno que haxa en Madrid “. 

Entre as demandas que levará á reunión en Moncloa co presidente Sánchez o vindeiro 17 de xullo, Núñez Feijóo apunta á solicitude da transferencia da AP-9. O presidente da Xunta considera que o Goberno socialista non pode negarse  porque “se hai un mínimo de coherencia política, un mínimo de coherencia política, o partido socialista en Madrid e en Galicia nos últimos anos dixo que si á autoestrada, á transferencia da autoestrada”. Segundo Núñez Feijóo, “o único que hai que facer agora é concretar cales son os investimentos previstos na autoestrada, cal é o custo das peaxes que o sabemos todos e asinar o real decreto de transferencias”.

O presidente da Xunta tamén urxe abordar un novo modelo de financiamento autonómico. De feito, entende que dá tempo se o Goberno Sánchez -tal como o propio presidente expresou- quere esgotar a lexislatura.  Non só iso senón que Núñez Feijóo ten pensado trasladarlle a Sánchez que  hai varias comunidades gobernadas por socialistas que se entenderon con Galicia e Castela e León -dirixidas por gobernos populares- na reclamación de criterios comúns. “Dicirlle, mire, nós entendémonos cos seus colegas socialistas que están de presidentes en comunidades autónomas e nós imos a formularlle o mesmo que temos asinado cos presidentes das comunidades autónomas socialistas”, apuntou, “é dicir, se esta lexislatura vai ser unha lexislatura que esgota o prazo ata o ano 2020, hai tempo para pactar un sistema de financiamento”. 

Sobre as perspectivas económicas para Galicia, Alberto Núñez Feijóo amosouse optimista e augurou que poden superar o 2,8 por cento se non hai interferencias. Para o presidente da Xunta, “se o Goberno non desequilibra a axenda de confianza na que estamos, se o Goberno non introduce medidas estruturais que poden contraer o investimento e a confianza dos consumidores, nós pensamos que podemos estar entre o 2,8 por cento de crecemento económico, ao mellor pode haber incluso algunha sorpresa, pero imos medrar unha vez máis por riba dos grandes países de Europa e das grandes rexións de Europa”. 

O presidente da Xunta aproveitou a conversa para pedirlles aos donos de montes que “cumpran as súas obrigas como propietarios”. @mundiario

Comentarios