Deben cumprir os presos as penas no lugar máis próximo ao seu domicilio?

Interior de la prisión de Teixeiro. / amnistiapresos
Interior da prisión de Teixeiro. / amnistiapresos

O Estado español incumpre a normativa estatal e a xurisprudencia europea que esixen que as persoas presas cumpran as súas penas preto do seu domicilio.

Deben cumprir os presos as penas no lugar máis próximo ao seu domicilio?

Galicia ten ducias de presos cumprindo condena fóra do país cando no noso país hai sitio abondo para que veñan e cando son ducias tamén os presos doutros lugares que cumpren aquí condena. Hoxe son os presos independentistas Roberto R. Fialhega, Eduardo Vigo e máis Raul Agulheiro, a respecto dos que se interesou o deputado estatal de En Marea Miguel Anxo Fernán-Vello. Mais o problema é común a moitos.

A Lei Orgánica Xeral Penitenciaria dispón que cada área territorial habería ter establecementos con capacidade abonda para satisfacer as necesidades de reclusión e evitar o desarraigo social dos penados. As Regras Penitenciarias Europeas dispoñen que os presos han ser destinados ao cárcere máis preto do seu domicilio que resulte posíbel. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ten condenado o afastamento xeográfico dos presos con respecto á súa residencia familiar como vulneración do dereito fundamental á protección da súa vida familiar. As familias non poden ser obxecto do castigo.

Son ducias as persoas galegas cumprindo penas fóra do noso País, cando temos nel cinco cárceres (Monterroso, Teixeiro, A Lama, Bonxe e Pereiro de Aguiar), abondas para aloxalas. O problema é que a Administración penitenciaria española usa ás veces o afastamento das persoas presas como mecanismo adicional de represión, en aberta violación da lexislación e xurisprudencia estatal e europea.

Un suposto especial é o caso dos presos independentistas Roberto R. Fiallega e Eduardo Vigo, condenados por posesión de explosivos e falsidade documental con pertenza á banda armada a 13 anos e 9 meses de prisión, logo de que o Tribunal Supremo rebaixase a inicial penal de 18 anos imposta por un Tribunal da Audiencia Nacional presidido por Alfonso Guevara, que amosou na dirección dos debates do xuizo, aló por xuño de 2013, unha evidente hostilidade e parcialidade. De seren xulgados por calquera das Seccións penais das catro Audiencias de Galicia as penas para os seus delictos (certamente graves, malia  que a pertenza a unha organización específicamente terrorista sexa moi discutíbel) non acadarían nin a metade da súa extensión. Outravolta a AN como Tribunal de excepción, máís pendente de reprimir que de administrar unha xustiza neutral.

R. Fiallega e Vigo cumpren sentenza nos cárceres casteláns de Ocaña e Dueñas. A súa situación agrávase pola rigorosidade da súa cualificación penitenciaria, en primeiro grao, tendo que botar 20 horas ao día na cela-  Tamén o preso independentista Raúl Agulheiro, condenado en conformidade a sete anos e medio de prisión, cumpre a pena en Villabona (Asturias), lonxe do fogar familiar.

As súas familias e os amigos da Asociación Que Voltem! só piden que poidan cumprir cadansúas penas na Galicia e que se lles aplique o réxime ordinario. Humanizarmos a pena, afastándonos dun exceso represivo impropio dunha democracia. @mundiario

Comentarios