Buscar

Galicia non precisa dunha restrición xeral da mobilidade nocturna imposta

Só precisa dun marco para posibilitala. Galicia precisa de moitas medidas, mais non de que o Estado lle impoña con carácter xeral unha restrición da mobilidade nocturna que só a Xunta habería adoptar

Galicia non precisa dunha restrición xeral da mobilidade nocturna imposta
El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, y el presidente del Gobierno, Pedro Sánchez. / @sanchezcastejon
El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, y el presidente del Gobierno, Pedro Sánchez. / @sanchezcastejon

O estado de "alarma"  constitúe unha boa ferramenta xurídca para que os Gobernos autonómicos poidan decidir medidas de restrición xeral da mobilidade. Mais Sánchez voltou sobardar os marcos do razoábel. Galicia precisa só do marco do estado de "alarma", non de imposición ningunha de horarios concretos, que han  ser fixados canto aos lugares, datas e horas pola Xunta de Galicia.

A lexislación estatal e autonómica sanitaria e, na Galicia, a lexislación de emerxencias promulgada polo goberno de coalición BNG-PSdeG no 2007, fornece de case todos os principais instrumentos para que as Autoridades sanitarias galegas poidan adoptar medidas efectivas nesta crise pandémica, entre elas o incautamento de productos e medicamentos, racionamentos, restricións de aforos e imposición de prestacións personais obrigatorias ás persoas vencelladas cunha relación especial de suxeición coas Administración Públicas (empregados, contratistas e concesionarios públicos).

Mesmo a Lei Orgánica 3/1986, de medidas especiais no eido da saúde pública, permítelle ás Autoridades Sanitarias galegas a adopción de medidas de hospitalización, control e tratamento  de persoas cando exsita perigo para a saúde pública pola  situación sanitaria concreta dalgunhas persoas. Esta caste de medidas precisa da aprobación xudicial e só se refiren a esa situación sanitaria de persoas doentes ou, cando menos, positivas .

Cál é, pois, a deficiencia normativa a respecto das competencias da Xunta de Galicia? A posibilidade de adoptar medidas de restrición xeral de mobilidade, quer nun concreto tempo, quer para sair ou entrar nun territorio (confinamento), cando as persoas destinatarias non teñan vencello ningún coa doenza pandémica por mor dunha previa diagnose.

O estado de “alarma” (alerta, na nosa lingua galega) decidido o 25-Ou por Pedro Sánchez trabúcase outravolta na imposición duns marcos xerais de restrición da mobilidade nocturna para todo o Estado (23.00 ás 06.00 , que os Gobernos autonómicos poden aquelar até fixar unha restrición mínima de cinco horas, entre 0.00 e 05.00 am e máxima de nove horas, dende as 22.00 até as 07.00 ). Se confiamos á Autoridade Delegada nos Gobernos Autonómicos éstes haberían ter a competencia toda para decidir, baixo esta cobertura xurídica, se activan ou non estas restricións e, se o fan, en que franxa horaria e en que territorios dentro da súa xurisdición. Outravolta abrolla algo moi característico da tradición xurídica e da gobernanza do Estado español: o medo ás solucións territoriais e locais, que son as máis acaídas, neste suposto, a cadansúas  realidades epidemiolóxicas dos distintos territorios.

Por outra banda, a suposta proscrición do Mando Único ven moi limitada polo intervencionismo do (incompetente e inexistente, na praxe) Ministerio de Sanidade a medio da Comisión Interterritorial do Sistema de Saúde, que actúa como órgano de suposta cogobernanza. Mais cumpriria definir de vez que este órgano só pode actuar como instancia plurilateral a xeito de acordo unánime ( a Lei estatal de cohesión e calidade do sistema sanitario de 2003 fala de “consenso”). De non se acadar éste cumpriría recoñecer a plena capacidade normativa e executiva dos Gobernos autonómicos nos marcos deseñados polo estado de “alarma” arestora vixente,

O chamado estado de “alerta” era preciso para que os gobernos autonómicos puidesen ditar restricións xerais da mobilidade para persoas non doentes nin positivas.. Mais só se require como paraugas xeral, nunca como marco de mínimos. Porque na Galicia só o Goberno e Administración  galegas, baixo o estrito control do Parlamento, teñen o coñecemento e a lexitimidade para decidir neste eido.

E, hoxendía, Galicia precisa de moitas medidas, mais non de que o Estado lle impoña con carácter xeral unha restrición da mobilidade nocturna que só a Xunta habería adoptar para as datas, horas e lugares epidemiolóxicamente precisos. @mundiario