A estabilidade do Celta de Vigo agocha graves problemas estruturais

Mouriño
Carlos Mouriño.

Dende o erro de Guidetti ante o Manchester United, en maio de 2017, o Celta entrou nun declive deportivo parello a unha imaxe ríxida e distante da súa directiva.

A estabilidade do Celta de Vigo agocha graves problemas estruturais

O Celta de Vigo vive un meritorio momento de estabilidade económica dentro da elite deportiva do fútbol español. Cómpre lembrar que neste 2022 cumprirá unha década consecutiva na hoxe chamada Liga Santander. Ademais, o galego, o único representante da nosa comunidade na Liga das Estrelas, é un dos clubes máis saneados da Primeira División.

Non obstante, existen diversas frontes que explican diferentes problemas estruturais no noso equipo. A primeira ten lugar no ámbito deportivo: tras a dramática eliminación en 2017 nas semifinais da Liga Europa e a posterior saída de Berizzo, o Celta alonxouse dos postos europeos e mirou máis cara ao descenso (rozándoo en 2018-19 e 2019-20): Unzué, Mohamed, Cardoso, Escribá, Óscar e Coudet son demasiados nomes de adestradores para un intervalo de tempo inferior ó lustro. O último deles, o arxentino, causou unha certa ilusión a temporada pasada, especialmente cando o Celta estivo a piques de entrar en competicións europeas. Pero a recente eliminación copeira ante o Atlético Baleares máis a regular -no mal sentido da palabra- presente campaña ligueira fixeron baixar do pedestal a Coudet. Hoxe en día o Celta non transmite ilusión nin por loitar pola Copa do Rei nin por entrar en Europa.

A segunda fronte de problemas é a imaxe pública da directiva, que está seriamente danada: ás presuntas irregularidades concesionarias na Cidade Deportiva Afouteza -co conseguinte prexuízo aos comuneiros de Mos- hai que sumar a pésima relación institucional entre o Celta e o Concello de Vigo en torno á reforma de Balaídos máis a titularidade do propio estadio. Asimesmo, o trato dado a certos xogadores (Radoja ou Beauvue) ou a ríxida política de ameazar con botar á grada aos xogadores que non renoven (ao faltar un ano para a expiración do contrato) e que non sexan vendidos nin queiran saír do club outorgan unha imaxe ríxida e pouco humana das relacións sociolaborais. A todo isto debemos engadir a proximidade pública de Mouriño co PP, misturando a institución do Celta con esa forza política (enfrontamento persoal con Caballero, proximidade con Nidia Arévalo e a Feijóo, invitación a Casado a A Sede); e facéndoo, ademais, nunha cidade socioloxicamente de centro-esquerda, como demostra ser Vigo en cada elección que se celebra. E, por último, o cambio oficial de nome do club de Real Celta de Vigo a Real Club Celta foi visto con malestar pola gran maioría dos celtistas vigueses.

Toda esta información contrasta coa excelente imaxe pública do presidente do Celta (debemos recoñecerlle o grandioso mérito da salvación financieira do club), que tivo lugar ata 2016, cando comenzaron os enfrontamentos en torno ao estadio. Durante os catro últimos anos en Segunda (2008-2012) e os primeiros na máxima categoría (2012-2016) o hispano-mexicano era visto como un home moi amable, bo xestor no económico e deportivo, e que conectaba enormemente coa masa social (nos primeiros anos do retorno a Primeira aumentou considerablemente o número de socios e a presenza nas bancadas).

A terceira é última fronte de problemas estruturais é precisamente a social. Así, o número de aboados descendeu considerablemente na presente campaña: en dous anos o Celta pasou de 22.469 socios a 16.801. Así, no presente curso o estadio de Balaídos perdeu notablemente bastante público respecto a antes da crise do coronavirus. Ben é certo que a pandemia da covid-19, a política de horarios de LaLiga Santander e as obras no estadio dificultan a presenza de público no estadio. Pero hai outros factores que non deben esquecerse: a falta de proxecto ambicioso no deportivo, o declive neste eido dende a marcha de Berizzo, o trato ao socio (elevados prezos) ou a imaxe negativa no ético-social que para moitos afeccionados transmite o Mouriño do último lustro son factores que non se deben menosprezar.

En conclusión, o Celta é un club que posúe uns cimentos sólidos -pola súa solvencia financieira- para crear un proxecto ilusionante, xa sexa con ou sen Mouriño, a quen o Celta débelle moito e con quen o afeccionado debe amosarse agradecido. Neste sentido, cómpre lembrar o periodo de dirección deportiva de Torrecilla tras o ascenso, cando se combinou un plan deportivo ilusionante e de crecemento ao tempo que as débedas víanse reducidas e a masa de celtismo aumentaba notablemente. Pero, por outra banda, para crecer socioeconomicamente e para gañar en aprezo, a xunta directiva debe tamén amosar unha política social moito máis independente politicamente e humana a nivel ético e de relacións: co conxunto dos xogadores, cos afeccionados e co goberno vigués (que lle dá gratis un campo de fútbol). @mundiario

A estabilidade do Celta de Vigo agocha graves problemas estruturais
Comentarios