DE BOLINA

O especismo ou cando pensamos que o único que importa é o ser humano

Carne de agricultores locales. Fotografía de Jussi Hellsten.
En España consúmense uns 30 kg. de porcino por cabeza e ano.
O ser humano  mantén unha visión antropocéntrica do planeta, como se todo o que existe, nace e vive nel  existise en función dese ser humano. A propia supervivencia do ser humano está axudando a entender que non é así.
O especismo ou cando pensamos que o único que importa é o ser humano

Se alguén se dirixe a outro e lle espeta burro, por ignorante; porco, por sucio; víbora, por malvado; galiña, por covarde; cabalo, por bruto; miñoca, por desprezable; ou, en fin, calquera nome de animal, ou mesmo animal, é obvio que o interpelado reaccionará ofendido.

Proferir apelativos de animais referidos a persoas é, case sempre, un insulto en calquera parte do mundo. Esa conduta faise desde unha suposta superioridade do home-ofensor e expón unha visión radicalmente antropocéntrica: o ser humano é o dominador e todos os demais seres vivos están para servir ao home, incluíndo os que tamén senten e sofren.

No 2017 a Real Academia Española admitiu a palabra “especismo”, que circulaba en ambientes concienciados desde 1970, data na que a usou por vez primeira o psicólogo británico Richard D. Ryder (Corfe Castle, 1940). Defínea como “Discriminación dos animais por consideralos especies inferiores” e “Crenza segundo a que o ser humano é superior ao resto dos animais e por iso pode utilizalos en beneficio propio”. E Melanie Joy (USA, 1966) falou en 2001 do “carnismo”, como xeito de especismo.

A Real Academia Galega non introduciu nin un nin outro. Estes neoloxismos teñen a mesma compoñente negativa que sexismo ou racismo e implican desprezo dos animais diferentes das persoas e utilización selectiva deles para comida: vacas si, non na India; cans, carne en Corea ou China e en Occidente, mascotas; porcos aproveitados integramente aquí, rexeitados no mundo semítico. Esas visións antropocéntricas consideran que todo o que hai no mundo está ao servizo dos humanos. Un xeito de pensar que pode ter orixe no Xénese e esquece que na dura realidade todo ser vivo é produto de evolucións xenéticas, sen edéns ningúns, nin voluntariedade para nacer. O profesor Óscar Horta (Vigo, 1979), antiespecista, escribiu unha frase elocuente: “O inferno é real para os animais”.

O ser humano, por poñer, en España segundo datos do Ministerio de Agricultura, no 2018 sacrificou case mil millóns de animais entre gandos bovino, ovino, caprino, porcino, aves e coellos, con máis de cen millóns en Galicia. Sumémoslles animais de laboratorio e peixes. Coiro, alimento, diversión e espectáculos, deporte, experimentación, todo con seres que senten e sofren e pertencen á mesma categoría de animal que o ser humano son obxectivos do exercicio dun suposto dereito do home sobre os animais. Unha cuestión difícil: hai quen di que os dereitos do home son absolutos e os dos animais, non; ou que non é posible asimilar animais a homes; ou que non se probou que os animais sexan conscientes da morte. Sen embargo, hai pensadores a advertir que por isto virá a próxima revolución humana.

Déixenme anotar: as revolucións son reaccións contra excesos e arbitrariedades; é un paradoxo que comer animais resulte proba de sermos animais; e unha reflexión: De cando en vez celébrase que un cocho se salve do San Martiño. E pónselle nome. Pero ata xullo deste ano sacrificáronse 31.108.882 exemplares e devoráronse uns 30 quilos por cabeza. E non foi noticia. @mundiario

Comentarios