España só poderá recuperar 1.000 millóns de dólares polos danos causados polo Prestige

Voluntarios en la tragedia del Prestige. / Greenpeace
Imaxe da traxedia do Prestige. / Greenpeace
Os danos causados polo afundimento do Prestige superan os 2.000 millóns de dólares.
España só poderá recuperar 1.000 millóns de dólares polos danos causados polo Prestige

Case que 19 anos despois do accidente do petroleiro Prestige, que causara os máis graves danos ecolóxicos rexistrados nas costas españolas, o Estado español só poderá recuperar 1.000 dos 2.355 millóns de dólares nos que foran taxadas es perdas ocasionadas por aquel gravísimo accidente e a conseguinte marea negra que afectou ás costas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Basco, sur de Francia e norte de Portugal.

UNHA INSUFICIENTE COMPENSACIÓN POR DANOS

A Audiencia da Coruña emitira vai dous anos a orde de aboamento dos prexuízos  ocasionados pola marea negra provocada nas costas atlánticas de Galicia e norte de Portugal, e nas cantábricas de Asturias, Cantabria, País Basco e sur de Francia. Ao cabo deses dous anos, a Xustiza británica desestima o recurso presentado pola aseguradora contra a citada orde e, amáis, avala o ditame do Tribunal Supremo que a obriga ao pagamento de 855 millóns de euros (1.000 millóns de dólares)  como compensación polos danos da devandita marea negra. 

Deste xeito, o litixio -un dos máis longos, xunto co protagonizado polo accidente do tamén petroleiro Urquiola- chega á súa derradeira fase e permite ao Estado español recuperar parte -menos da metade- dos 2.355 millóns de dólares nos que se taxaron as perdas. Todo isto, á espera da resolución final do caso porque este debe continuar na capital británica onde radica o London P&I Club, aseguradora do Prestige.

Como se lembrará, este petroleiro vertera fronte ás costas de Galicia 77.000 toneladas de fuel -materia cualificada por moitos especialistas como verdadeiro "piche"- que afectaron moi significadamente ás costas de Galicia aínda hoxe non totalmente recuperadas daquela marea negra e que, hai 19 anos, cando se produciu este accidente, tampouco estaban limpas da marea negra do citado Urquiola e algúns afectados  por esta aínda pendentes de liquidar económicamente.

NOVE MESES DE XUÍZO

Na sentenza ditada o martes pasado, un xuíz británico denegou o recurso de apelación fronte a execución de sentenza que presentara a aseguradora do petroleiro, ao concluir que o London P&I Club debera ter dado continuidade ao proceso xudicial nos tribunais españois no caso de que, como asegura, o procedemento vulnerara os seus direitos fundamentais e provocara unha situación de indefensión. 

Durante os nove meses que durou o xuízo pola marea negra causada polo Prestige e que causara estragos nas costas e danos moi prexudiciais tanto para os pescadores como para os mariscadores, así como para o medioambente, a aseguradora non se chegou a presentar coa pretensión de evitar unha sentenza en contra aínda tendo en conta a súa condición de responsable civil dos danos ecolóxicos, económicos e sociais ocasionados.

DISCONFORME COS ARGUMENTOS DA ASEGURADORA

O xuíz británico non entra no asunto ao entender que este xa foi estudado pola Xustiza española. Declárase incapaz de chegar a unha conclusión semellante  á que tenta facer valer a aseguradora. Esta alegou que unha petición de nulidade diante do Tribunal Supremo era inútil xa que logo éste nunca mudaría de opinión.

Os danos causados polo afundimento do Prestige superan os 2.000 millóns de dólares; pero ao ser o importe da póliza subscrita pola compañía armadora do buque moi inferior, a cantidade máxima á que se poderá acceder serán os devanditos 1.000 millóns de dólares.

O procedemento xudicial continúa nos tribunais británicos para decidir o pagamento deses danos. A sentenza destes tribunais pode ser recorrida pola aseguradora do Prestige, que mantén abertos outros dous procedementos na percura dunha arbitraxe internacional, que é o que alega contempla o contrato do Prestige. @mundiario

España só poderá recuperar 1.000 millóns de dólares polos danos causados polo Prestige
Comentarios