España lidera a recesión na UE e Galicia tamén cae por riba dos estados membros

Recesión. / Manel Vizoso
Recesión. / Manel Vizoso
A recesión ten o seu motor regresivo fundamental na demanda interna, tanto no conxunto de España como en Galicia, cunha caída que rolda os vinte puntos porcentuais.
España lidera a recesión na UE e Galicia tamén cae por riba dos estados membros

Para avaliar a crise económica na que entramos nos seis primeiros meses deste ano 2020 por causa dos efectos da pandemia do coroavirus é convinte partir dunha diagnose da situación coa que pechabamos o ano 2019. De entrada convén deixar sentado que tanto Galicia como o conxunto de España estaban inmersas nun proceso de desaceleración do crecemento a un nivel moi semellante: en torno ao dous por cento. Pero é moi importante resaltar que tiñan chegado a ese mesmo resultado por camiños moi diferentes ao longo do pasado ano (analizo aquí isto con detalle).

Momento cero

Cos datos mais recentes do Instituto Nacional de Estadística para España (INE) e do Instituto Galego de Estatística (IGE) para Galicia, a situación coa que pechabamos o ano 2019 de xeito moi resumido era esta:

Crecemento.

Como ben se observa anotabamos un crecemento moi semellante, pero chegabamos a el de xeito moi diferente. Para Galicia a fortaleza estaba na demanda nacional que case duplicaba o ritmo que tiña no conxunto de España. E si queremos identificar máis polo miúdo o vector desta fortaleza atoparémolo no consumo dos fogares, pois o gasto das administracións públicas comportábase de xeito moi semellante e o investimento (en vivenda, equipos, etc.) estábase freando case a cero tanto no conxunto de España como en Galicia.

Pola contra a debilidade de Galicia estaba na demanda externa que restaba en Galicia o dobre do que sumaba ó crecemento no conxunto de España. Aquí o vector desta debilidade estaba nun comportamento exportador xa negativo en Galicia (que aínda se mantiña en España en cifras positivas), mentres que as importacións medraban en Galicia moi por riba do que o facían no conxunto de España.

Escenario post-coronavirus: primeiro trimestre

Nesas estabamos cando nos meses de xaneiro-febreiro se incuba unha pandemia que leva ao confinamento e parálise de boa parte das actividades económicas xa no mes de marzo de 2020. As estimacións iniciais do INE e do IGE para o conxunto deste primeiro trimestre resumidas do mesmo xeito que acabamos de ver son estas:

Crecemento.

Segundo o IGE en Galicia teríamos entrado en recesión pero de xeito algo menos intenso que no conxunto de España. Pero é moi importante sinalar que este resultado deriva dun motor interno (demanda nacional) moito máis danado, e dun motor da demanda externa que pasa a ter unha achega positiva considerable (un punto e medio). De confirmarse esta dualidade, cos datos do segundo trimestre, Galicia tería invertido completamente na recesión o patrón de crecemento do ano 2019. Pois a nosa fortaleza (demanda interna) pasa a ser a nosa maior debilidade actual, mentres que a nosa debilidade externa agora teríase convertido en fortaleza.

E isto non é irrelevante cara o futuro posto que é sobre a demanda interna que temos unha maior capacidade de influencia coas políticas públicas, influencia que é moito menos operativa para unha demanda externa que depende duns mercados que teñen entrado todos nunha aguda recesión.

O afundimento do consumo dos fogares tería sido máis intenso en Galicia que no conxunto de España, e só unha menor caída das exportacións de bens e servizos (-2,7 % en Galicia e -6,3 % en España) nos permitiría compensar parcialmente ese afundimento. Non deixa de ser enigmático que o IGE estime esa menor caída exportadora cando o Ministerio de Economía anota que en Galicia as exportacións de mercadorías fora de España terían entrado en cifras negativas por riba da media española nos cinco primeiros meses do ano 2020 (ver aquí).

Cando o IGE presenta a súa primeira estimación para o segundo trimestre de 2020 actualiza a súa primeira estimación do primeiro trimestre. A comparativa cos datos tamén actualizados do INE é a que resumimos de seguido.

Crecemento.

Mentres para o conxunto de España o INE reforza o parón do motor externo e reduce a caída da demanda interna, para Galicia o IGE procede á inversa: agrava a caída da demanda interna e reforza o contrapeso positivo da demanda externa (que pasa de 1,5 a 1,9 puntos positivos). De maneira que en Galicia a achega da demanda externa multiplica por cinco o efecto neutralizador da recesión económica, isto é algo incongruente cunha maior caída en Galicia das exportacións por moito que aquí o parón dos servizos vencellados ao turismo internacional nos afecte en menor medida.

Escenario post-coronavirus: segundo trimestre

Con estas premisas estamos en condicións de comprobar cales destes comportamentos se confirman, ou non, á vista dos primeiros datos para o segundo trimestre deste ano presentados polo IGE e polo INE respectivamente.

Crecemento.

España lidera a recesión económica dentro da UE pero Galicia tamén ten unha caída por riba da anotada polo resto dos estados socios da UE (pois Hungría caeu un 14,5% e nós un 17,9% segundo o IGE).

A recesión ten o seu motor regresivo fundamental na demanda interna, tanto no conxunto de España como en Galicia, cunha caída que rolda os vinte puntos porcentuais. Si Galicia anota un afundimento do PIB catro puntos menor que o conxunto español é gracias a unha achega da demanda externa de signo oposto (case tres puntos negativos en España e case tres positivos en Galicia).

Aínda tendo en conta que a recesión turística sexa moito menos intensa e determinante en Galicia, polo seu peso económico e polo menor vector de non residentes, faise moi problemático entender que, cunha caída das exportacións fora de España máis intensa en Galicia que no conxunto do Estado no que levamos de ano, ese signo oposto.

En calquera caso faise evidente que a redución deste afundimento económico histórico pasa por arbitrar medidas que palíen a redución de rendas e ingresos de amplos sectores de poboación e que reduzan as incertezas sobre os danos futuros da pandemia. @mundiario

Comentarios