O escritor e artista Antón Reixa inaugura a videoinstalación Michigan / Acaso Michigan

Antón Reixa. / Xurxo Lobato
Antón Reixa. / Xurxo Lobato

Trátase dunha crónica de 18 días en coma.  Cando espertou do coma só lembraba, de maneira obsesiva, que estaba volvendo dunha viaxe a Michigan

O escritor e artista Antón Reixa inaugura a videoinstalación Michigan / Acaso Michigan

O 27 de outubro de 2016, durante unha viaxe á Madrid, Antón Reixa sufría un grave accidente de coche á altura da localidade zamorana de Villalpando a consecuencia do que permanecería en coma inducido durante 18 días na UCI do Hospital Modelo da Coruña. Este xoves 14 de marzo, ás 20:00 horas, a Fundación Luis Seoane acollerá a inauguración da videoinstalación Michigan / Acaso Michigan (Crónica de 18 días en coma) de Antón Reixa, un acto presentado pola actriz Isabel Blanco no que participará, ademais do artista, o comisario da exposición, Xosé Luis García Canido.

Cando Antón Reixa espertou do coma só lembraba, de maneira obsesiva, que estaba volvendo dunha viaxe a Michigan. O seu irmán Pío agasallouno entón cunha colección de xornais publicados durante eses 18 días, que lle fóron remitidos ao artista nun paquete coa nota seguinte: ‘e mentres tanto, ti en Michigan’.

Nos meses posteriores ao accidente, Reixa deixaría constancia escrita daquela experiencia no texto Michigan / Acaso Michigan (Crónica de 18 días en coma), que posteriormente sería publicado por Edicións Xerais, con prólogo da escritora Chus Pato, e que incluía ademáis a correspondencia literaria entre o autor e o poeta e xornalista Daniel Salgado. 

Partindo dese texto, o artista concibiu a videoinstalación do mesmo nome, que ata o vindeiro 4 de abril, exhibirase nunha das salas de exposicións da planta baixa da Fundación Luis Seoane. Comisariada por Xosé Luis García Canido e cunha banda sonora producida por Anxo Graña, a peza consta da proxección en tres paredes dun vídeo realizado por Antonio Segade, e dunha escultura preexistente de Francisco Leiro, O Quixote esperta en Conxo, sobre a que se verifica un mapping do mesmo vídeo, que se proxecta alternativamente na VO en galego e na versión en español con subtítulos en inglés. Ademais, durante o tempo que dure a exposición, publicarase un xornal, The Michigan Daily, no que aparecerán unha noticia de primeira plana dos días nos que Antón Reixa estivo en coma, outra noticia de primeira plana do día en curso e un texto literario do autor galego. @mundiario

Comentarios